Na memoria das leiteiras

04 de febrero 2018

No comezo da rúa da Virxe do Camiño existiu fai tempo unha caseta verde de madeira adicada ao cobro dos arbitrios, onde as mulleres do rural que sempre cargaban con algo na cabeza: os muñicos cos vimbios, as máquinas de coser, verduras, froitas e demais produtos; cabazas para os peregrinos, feixes de herba e leña e tamén pesadas tinas de zinc con roupa para os lavadoiros, ou de fariña e millo para os muíños. Tamén alí leiteiras co leite fresco, naquela caseta onde facían a parada as xentes do rural, que ían a cidade a vender mercadoría para pagar as taxas.

As leiteiras. De cativos sentados ao carón do cruceiro da Virxe do Camiño agardando o futuro as víamos pasar, unhas mulleres emprendedoras que co leite tamén carrexaban lendas, contos e historias da nosa tradición oral, e sobre todo nun tempo que, escolarizados no castelán, carrexaban o galego axudando a que non esmorecera o noso idioma, que case tiñamos esquecido.

Todas as familias da cidade tiñamos a nosa leiteira. No caso das familias máis humildes, a leite riquísima aínda en botellas de vidro e con tona, que as nosas nais mesturaban con leite en po da axuda americana para que fose máis abondoso.

Mulleres entrañables que chegaban nalgún caso a ser parte da familia. Todos as querían, so tiñan que ter coidado cas chanzas de John Balan, unha personaxe entrañable dos moitos que nos acompañaron na nosa infancia, pois cando ían polas congostras coas tinas cheas de leite, ía por detrás e imitaba o cláxon dos camións, e co susto máis dunha ten derramado o leite no chan. 

Actualmente, onde se atopaba a caseta de arbitrios a carón dunha ponte de pedra que unía a rúa do Gorgullón coa da Virxe do Camiño, cando pola rúa Eduardo Pondal pasaba o tren (agora no medio hai unha rotonda cunha árbore), está proxectada unha praza. Ca remodelación do barrio os veciños pensamos que se podería recuperar a memoria das leiteiras, colocando unha escultura que servise de homenaxe para lembrar unhas mulleres traballadoras que, nun tempo moi difícil souberon saír adiante axudando ó desenrolo das familias, e paliando moita fame en tempos difíciles. Portadoras da cultura popular de tradición oral e o idioma que recollían no campo  e nos muíños, que traían á cidade. A min de cativo parecíame incríbel no inverno, con choiva e vento, o equilibrio que tiñan que facer para non derramar o leite, cun caldeiro na cabeza e o paraugas na outra man.

Sería un traballo para os alumnos da Escola de Canteiros da Deputación, que fan marabillas coa pedra. Unha das fotografías antigas máis fermosas que lembro fíxoa a fotógrafa Ruth Matilda Anderson, nunha viaxe por Galicia, dunha rapaciña descalza cun caldeiro de leite na manciña, que de maior quería ser leiteira.