Móvense os marcos cara un novo modelo territorial do Estado ? E en Galicia que?

25 de septiembre 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Acotío, dia si, día tamén están pasando a carón de nós sinais na que parecen dicir que na próxima lexislatura pode haber un punto de inflexión na concepción do Estado. No Parlamento español xa se pode expresar na lingua de cadaquén. Puxéronse os alicerces para que poida pasar o mesmo no Parlamento europeo. Que o Estado Español é diverso é unha realidade. A Constitución Española recolle o termo “nacionalidade” para as comunidades históricas que tiñan un modelo de goberno anterior

Acotío, dia si, día tamén están pasando a carón de nós sinais na que parecen dicir que na próxima lexislatura pode haber un punto de inflexión na concepción do Estado. No Parlamento español xa se pode expresar na lingua de cadaquén. Puxéronse os alicerces para que poida pasar o mesmo no Parlamento europeo. Que o Estado Español é diverso é unha realidade. A Constitución Española recolle o termo "nacionalidade" para as comunidades históricas que tiñan un modelo de goberno anterior.

Sempre lembrarei as discusións que tíñamos, naquela época, en Esquerda Galega, con Camilo Nogueira ao fronte, sobre a LOFCA (Ley Orgánica de Financiamiento de las Comunidades Autónomas - 1980) e a LOAPA (Ley de Armonización del Proceso Autonómico - 1983), que acabou no famoso "café para todos" que inventara Manuel Clavero Arévalo (UCD) para conseguir a autonomía de Andalucía, e que implementaba en toda España o PSOE de Felipe González. O método foi sinxelo: "igualar por abaixo e recortar por riba". Comeza unha recentralización encuberta invadindo competencias.

Foron moitas as veces que teño falado destes temas cos meu amigos do PNV. De que se debía revisar a Constitución de 1978. De como en España poden convivir, ou coexistir, varias nacións. De como se podería facer. Agora aparece un artigo do lehendakari Íñigo Urkullu, publicado en El País co título de "Autogobierno vasco y modelo plurinacional del Estado. Si hay voluntad, es posible el acuerdo". Rememora á Galeuska do ano 1923, entre galegos, vascos e cataláns. As cousas foron cambiando e o lehendakari di: "Agora ábrese unha nova oportunidade e pode ser o momento de dar novos pasos". Urkullu propón que, previamente, se asine un acordo preliminar das bases dunha convención constitucional sobre autogoberno e: "É obvio que o pacto non se lle pode impoñer ao Estado. Nisto consiste a bilateralidade: as dúas partes deben estar de acordo e teñen que actuar cun compromiso de lealdade recíproca"

E Galicia que?

Estamos nun momento de moita tensión política. De moita polarización. Non nos queda outra que traballar nesa dirección. A construción dun Estado Español que recoñeza que é diverso, e dentro diso mostrar o seu carácter multinacional. Este pode ser un dos últimos trens que van nesa dirección e Galicia, desta vez , non o pode perder.

O como facelo debería partir de todos os partidos. O BNG, PSOE e Sumar deben facer unha aportación común e de consenso entre eles. Vai sendo hora de rachar vellos rancores e traballar para a Galicia dos próximos cincuenta anos. Lémbrome dunha figura política que a finais dos anos setenta tiña moito valor para actuar xuntos, era a "mesa de partidos". O Estatuto dos 16 foi un exemplo, con forzas parlamentares e extraparlamentares. Teño claro que, seguramente, sería o lugar máis acaído para comezar a falar sen condicións, sen liñas vermellas. No se trata de mirarse o embigo, a ver quen o ten máis bonito. Non vai de embigos vai de que Galicia queremos para as vindeiras xeracións. Esta "mesa de partidos" debería acabar co compromiso dun novo Estatuto e un pacto de convivencia constitucional cara "un modelo de integración razoable das comunidades históricas, que facilite a cogobernanza, reparta poder nun sentido federal, e evite que o Estado teña unha conduta arbitraria" como di Urkullu.

"Cautivo y desarmado el PPdeG ha desaparecido a manos del PP". Isto soa a brincadeira, mais tamén é máis real do que parece. Porén persoalmente gustaríame que o PPde G tamén formase parte desta "mesa de partidos" pero a deriva que colleu o PP ca chegada de Feijóo ao poder manifestan todo o contrario. "A la pruebas me repito"(Manquiña dixit), pasou dun partido con tinguiduras galeguistas. Lembremos o lema de campaña electoral de Manuel Fraga: "Galego coma ti". Un Fraga asinou con PSOE e BNG a Lei de Normalización Lingüística. Que promoveu a administración única que rexeitaba o PP de Madrid. Un PP que con Xosé Cuiña ("Galicia nai e señora") que soubo cubrir a ausencia dun partido galeguista de centro asumindo ese papel. Porén, gañaron os do barrete e perderon os da boina

Na xestión de Feijóo queda a eliminación do galego nas asignaturas científicas e a diminución de falantes. A eliminación das caixas de aforros e o regalo das mesmas a un banco venezolano. Na industria, á parte dun apoio incondicional e ENCE que sufrimos todos os pontevedreses e o conto de PEMEX, o resto é desaparición, Barreras, Alfageme, Vulcano, todo o asunto de Pescanova, e a gran espada enriba da Mariña Luguesa con Alcoa. Gasto sanitario e educativo á baixa, polo menos na pública. E a súa estrela: o secuestro da CRTVG. A Feijóo gústalle a música de Madrid, ambientar no seu comedeiros, saír no papel "couché". Ir ás radios amigas. En definitiva ser Ayuso.

Rueda é un "deja vu". No do galego é insultante, vota en contra do seu uso no Congreso dos Deputados, participa na manifestación de Galicia Bilingue en contra do galego. Na presentación daGran Final das Series Mundiais de Triatlón en Pontevedra leu folio e medio en inglés, un en español e só seis liñas en galego. Colleulle gusto o ir a Madrid (tamén). Política para o País non fai, sigue a ser Feijóo, un xestor administrativo.

Aínda así e todo sei, porque teño amigos alí, que no PP hai xente que non lle gusto a votación contra o galego promovida polo PP. Xente que está en contra da liorta permanente de Ayuso e tamén de Aznar. Xente que sabe que hai vida máis alá da M-30, e que esa vida é diversa. Xente que lle gustaría estar neste proceso. Por iso debemos facerlle un chamamento para que dean un paso adiante e participen.

Nós somos unha comunidade histórica e como di o himno "os tempos son chegados". Que o mércores non teñamos un "tamayazo".

O autor co lehendakari Iñigo Urkullu e o presidente do PNV Andoni Ortuzar