Morrer por un saco de fariña

04 de marzo 2024

Alí, nun ceo de onde as estrelas fuxiron, onde o Deus dos máis desfavorecidos non ten cobertura, un grupo de homes e mulleres famentos, co amparo da noite, diríxese a un lugar preto dos tanques israelís na procura de axuda para non ver morrer os seus fillos, xa que non teñen con que alimentalos. Cando a poboación famenta se achegou aos camións de reparto da axuda humanitaria, soldados, tanques, drones e buques militares israelís comezaron a disparar indiscriminadamente contra aquel perigoso exército de famentos desgarrados. Moitos nenos e nenas só pedían quentura e pan, pero a fariña tingiuse de sangue, que xa cada vez ten menos valor. Un saco de fariña por cento doce mortos e setecentos setenta feridos palestinos.

Para o mellor exército do mundo, dotado das máis modernas armas, con fusís de visión nocturna e a tecnoloxía de guerra máis avanzada, semellante exército de vellos e nais con fillos cansos de non poder durmir nin atopar un teito onde guarecerse das inclemencias do tempo, sempre fuxindo sen rumbo. Para Israel, isto supuña un perigo inminente e, outra vez, co amparo da lexitima defensa, teñen todo o dereito do mundo a exterminar ao pobo palestino. O seu propósito, co consentimento das nacións máis poderosas do mundo, é proporcionarlle armas para levalo a cabo.

O máis dramático é que os que tiveron sorte e só foron feridos non teñen moitas esperanzas de sobrevivir. Trasladados como poden en carros de burros, cando chegan aos hospitais, a precariedade e a falta de medios impídenlles recibir a atención necesaria. Na Franxa de Gaza, todos foron bombardeados sen subministracións, sen recursos e os quirófanos sen poder usalos.

Eiquí seguimos, como todos os luns desde que comezou a guerra. Un grupo de homes e mulleres, cada vez menos, pide o peche da guerra. Pero a ninguén parece importarlle: nin á xente que pasa indiferente, nin aos medios de comunicación ocupados en ver quen gaña a liga dos políticos máis corruptos.

Nós seguimos á sombra da Peregrina, cando florecen os camelios e magnolias, e as mimosas. Non as tratemos como especies invasoras, pois nos agasallan con unhas fermosas flores amarelas. Polo menos, a primavera aínda non nos abandonou, intentando facernos esquecer tantas imaxes de odio e terror.