Móbiles nas escolas?

10 de febrero 2024

A presenza dos teléfonos móbiles nos centros educativos é un tema candente que está a xerar un intenso debate sobre como xestionalos. Prohibir ou regular? a postura máis radical defende a prohibición total dos móbiles nos centros educativos. Argumenta que distraen ao estudante, fomentan o ciberacoso e o acceso a contidos inadecuados.

Non obstante, esta postura pode resultar contraproducente, xa que ignora a realidade tecnolóxica actual e impide que o alumnado utilice unha ferramenta que pode ser moi útil para a aprendizaxe. Por outro lado, non o capacita para un uso sensato do móbil o que pode ter graves consecuencias e poñer en risco a súa saúde, seguridade e o seu rendemento académico.

A situación non é diferente en Galicia, onde un protocolo recentemente publicado (orde 4 de xaneiro do 2024) restrinxe ao alumnado o uso destes dispositivos en practicamente todos os recunchos do centro: aulas, recreos, comedores ou actividades complementarias e extraescolares.

É obvio que urxe unha reflexión intelixente sobre esta cuestión. Por unha banda, comezamos a percibir que unha vida mellor implicará un perfeccionamento das habilidades dixitais, pero tamén, a necesaria adquisición de destrezas para superar os perigos do mundo dixital.

Lembremos que hoxe en día, un teléfono móbil non é un gadget máis, é un artefacto que pon o mundo ao noso alcance, unha poderosa ferramenta que permite: estar conectados, informados, entreternos, mellorar a nosa produtividade, facilitar o comercio electrónico e, ademais, contribúe ao acceso a infinidade de recursos educativos.

Pero coidado, ao mesmo tempo o smartphone grava as nosas vidas: datos persoais, localización, hábitos de consumo, interaccións sociais. A privacidade exponse e podemos deixarnos levar polo vendaval de empresas que pretenden espremernos e fomentar o consumo; enviándonos publicidade personalizada, estimulando compras compulsivas ou recorrendo ao marketing de  influencers. En definitiva, os móbiles non só rexistran as nosas vidas, senón que tamén lles dan forma, impulsando o hiperconsumo.

É innegable entón que os teléfonos móbiles configuran a poboación, especialmente á mocidade. Está comprobado o impacto no seu desenvolvemento, os riscos de seguridade, a distracción que pode xerar na escola ou o risco de xerar adiccións asociadas ao seu uso incontrolado.

En consecuencia, os centros educativos non poden quedar á marxe, deben ser un espazo de concienciación e asumir o seu deber moral de protexer os dereitos da infancia e da adolescencia. Prohibir totalmente os teléfonos móbiles sería absurdo, xa que estariamos privando aos estudantes de aproveitar o seu potencial educativo, pero si necesitan aprender a ser autónomos e a autorregular o seu comportamento en contornas dixitais. En lugar de limitar o seu uso, debemos formalos para que fagan un  aproveitamento consciente, seguro, creativo e produtivo destes dispositivos para que poidan utilizalos ao máximo para a súa aprendizaxe e desenvolvemento persoal.

A xestión intelixente dos móbiles debe abordarse dende a familia, pero sobre todo dende os centros educativos. É fundamental dotar ao alumnado de estratexias de pensamento crítico para controlar a constante invasión dixital, formalos en ciberseguridade e conciencialos sobre como evitar caer en adiccións en liña.

Non obstante, para acadar este obxectivo hai varias cuestións por resolver. En primeiro lugar, é fundamental a formación do profesorado. Esta función correspóndelle á Consellería de Educación. Esta debe actuar como axente facilitador que proporcione o marco legal, a formación, os recursos e o apoio necesarios para que o profesorado poida integrar eficazmente o teléfono móbil no proceso de ensino-aprendizaxe.

En segundo lugar, é fundamental o traballo conxunto de centros educativos, familias e outros ámbitos sociais. As familias deben coñecer as tecnoloxías empregadas na clase e recibir programas formativos para poder axudar aos seus fillos e fillas. Se os estudantes teñen total liberdade de acceso a internet na casa ou cos amigos, as medidas tan só escolares serán ineficaces.

En conclusión, hai moito traballo pendente dende a Consellería de Educación, os centros educativos, as familias e outros ámbitos sociais para evitar que a mocidade estea a mercé da xurisdición da fortuna.