Minutos de silencio. O efecto placebo contra a violencia de xénero

21 de julio 2018
Actualizada: 18 de junio 2024

A nós, as mulleres, non soamente non deixan de matarnos, senón que o feminicidio medra cada día, e non tan só a nós, senón tamén, en demasiados casos, as nosas crianzas, como tamén medra, e a un ritmo noxento, se me permitidesa expresión, a pasividade, a indiferencia ante tal masacre

Tentade imaxinarvos por un intre esta situación que vos vou plantexar e que seguro que non é descoñecida para moitos de vós.

Imaxinade que levades tempo cunha dor, con unhos síntomas , que fan evidente que algo en vos non vai ben.

Acudides a solicitar axuda, neste caso, loxicamente, a un médico, para tentar alivialos que vos prescribe un medicamento, que comezades a tomar de inmediato, porque xa non sodes quen de soportar o mal que o estades a pasar.

Obviamente, sodes conscientes de que é preciso que pase algún tempo para que comece a facer o seu efecto, pero a medida que van transcurrindo os días primeiro, as semanas, e despois os meses, vedes que non soamente non mellorades, senón que notades un claro empeoramento.

De novo acudides ao facultativo que vos recomendou ese remedio, e lle contades que estades peor, que os síntomas non soamente non remiten, senón que van a máis, pero el insiste en que continuedes co mesmo medicamento, porque por moito que pensedes que non é bo, é a panacea.

É tal a convicción que semella ter, que, malia que con algún recelos, acabades por ceder e decidides darlle unha nova oportunidade a esa menciña milagreira, pero de novo a historia se repite, e o voso estado comeza a ser xa francamente alarmante.

Non obstante, o médico segue erre que erre, apoiado, iso si, como todo líder que se precie, polo seu equipo, que secunda sen dubidalo as bondades dese medicamento, mentras vós xa non podedes coa vosa vida.

Tan mal vos chegades a atopar, que comezades a tentar averiguar qué é realmente o que estades a tomar e por que os resultados non son os desexados.

O descubremento deixavos totalmente anonadados. O que estades a tomar é un placebo, é dicir, unha substancia farmacoloxicamente inerte, ou, para entendernos, sen medicamento algún, e que é posible que, durante un tempo, quen o inxire, por mor da suxestión, crea notar efectos positivos, mais, obviamente, non erradica a enfermidade.

Aínda así o voso médico sostén que estades errados, que iso non é certo, e insiste, dándovos toda clase de argumentos, para que continuedes co tratamento, porque, por diversas circunstancias, ningunha, por suposto, positiva para vós, para el que o fagades implica un beneficio.

Que faríades? Continuaríades inxerindo ese placebo malia que cada día vos costa máis seguir adiante e o voso estado e xa case irreversible?

Seguramente todos contestaredes con un NON rotundo. É lóxica pura, ademais de institnto de supervivencia, claro.

Pois ben, por moi descabelado que soe, esta situación podería moi ben extrapolarse ao que está a acontecer no que atinxe a violencia de xénero e que o derradeiro asesinato machista cometido en A Coruña evidencia unha vez máis.

A nós, as mulleres, non soamente non deixan de matarnos, senón que o feminicidio medra cada día, e non tan só a nós, senón tamén, en demasiados casos, ás nosas crianzas, como tamén medra, e a un ritmo noxento, se me permitides a expresión, a pasividade, a indiferenza ante tal masacre, pero o que non muda, por máis que se demostre que non sirve de nada, son os actos efectistas e oportunistas, porque, si, nos guste ou non recoñecelo, hai moito oportunismo arredor da violencia machista.

Con cada crime machista, os e as "gurús" do feminismo instan a xente a saír á rúa, a manifestarse, a ler proclamas e manifestos.

Certamente son actos moi vistosos e de considerable calado mediático, nos que, ademais, soamente é preciso investir unhos poucos minutos. Os xustiños para saír na foto e berrarlle ao mundo que están a visibilizar esta tremenda lacra.

O que non berran, nin tampouco admiten, e que é o único que van facer.

Que unha vez os fotógrafos marchen e as pancartas sexan recollidas, non van mover un só dedo ata que unha muller máis sexa asasinada, momento no que se repetirá a función, e utilizo este termo con total premeditación, porque para moita xente que acude a eses actos (non para todos, por suposto), é sinxelamente iso, unha función.

Berran contra o sistema, a todas luces ineficaz, certamente, pero non se toman a molestia, nin por un segundo, de considerar a posibilidde de traballar para que mude, porque é cuestión diso, de traballo, de facer ver que non somos parvas, que somos conscientes de que ao abeiro da nosa desgraza nace, medra e se mantén un lucrativo negocio.

Por non mencionar que moitas das persoas que berran contra ese sistema non teñen o menor escrúpulo en vivir del, pero con aires de antisistema, claro está.

E, por se isto non abondara, ainda se permiten o luxo de criticar a quen non comparte a súa "doctrina", e, o máis grave, en moitos casos, non en todos, por suposto, non dubidan en envelenar a cabeza dalgunha muller totalmente minada polo pánico coas súas temerarias "doctrinas" disuadíndoas de tomar o camiño correcto para sair do seu inferno, que non é outro que denunciar ao seu agresor, sen ter en conta que está a xogar coas súas vidas.

Non sei vós, pero eu xa non aturo tanta parafernalia, tanta falsedade..

Soamente lles pregaria unha cousa, malia que me temo que será inútil.

Se non axudades, polo menos, deixade de poñer atrancos aos que de verdade queremos loitar contra a violencia de xénero e non fagades de tanta dor esperpento.

Nunca se sabe, tal vez un día lle toque sufrila a alguén achegada a vós, ou a vós mesmas. ´Poida que entón a vosa perspectiva mude. O que doe, doe.

 

Asociación Si, hai saída