Hai algo máis de 200 anos, algúns cidadáns franceses degolaron unha importante autoridade ao berro de "liberdade, igualdade, fraternidade", o que daría para fermoso epitafio de calquera.
E digo epitafio porque hoxe sona a proclama funeraria, ou sexa a contido de libros de texto ou a este tipo de frases que de tanto definiren un volcán, acaban por parecer minúsculas pedras do camiño.
Aínda que nacida na Franza como "liberdade, igualdade, fraternidade ou morte", a boa da proclama estendeu o seu fundamento polo que se diron en chamar democracias, construídas contra o autoritarismo despótico das monarquías. Despois democracias burguesas, liberais ou occidentais. As que hoxe son somos, en definitiva esta especie democracias do fundamentalismo liberal nas que o sufraxio universal só é posible e factible cando ao poder económico real non lle tocan as narices.
A libertade é especialmente a de quen fai negocios, pero tamén a de quen é obrigado a emigrar para comer ou para ter auga corrente. A libertade de contratar manufacturas en paraísos laborais e vendelas sen recato nos mercados desenvolvidos. A de enganar ao fisco, tanto en versión engano directo como na de influir para elaborar sistemas fiscais desequilibrados e tenebrosos. Libertade para condicionar a vida económica da cidadanía, prácticamente obrigada polo márketing a bailar darredor do consumo, para despois espetarlle eso de que vive por enriba das súas posibilidades.
Algúns aínda seguiremos reclamando a libertade de vivir tranquilos rodeados de razón, arte, beleza, traballo, ciencia, natureza, amor, festa e paixón. Pero os que así pensamos non contamos nada para os que gobernan.
Igualdade... entre quen? Os que sentan no consello de Administración das eléctricas? Os intocables das monarquías? Os xerarcas das primeiras marcas? Os que deciden facer hamburguesas de vaca con carne de cabalo para aproveitarse o stock equino? Os que rozan a delincuencia común ao mando de famosas empresas de conxelados? Os que poñen aos nenos a fabricar camisas, zapatillas deportivas ou paraugas, fundindo sectores enteiros nos países avanzados en dereitos?
E iguais a respeito de quen? Dos europeos que levan varios anos no paro, temerosos e sen esperanza? Dos universitarios ilusionados que non saben donde ir? Dos que son expulsados da economía polos deuses da competitividade? Dos que viven en terribles condicións en África, Asia ou América, desposuídos de educación, sanidade ou mesmo alimentación? Dos que pasan a vida aspirando a unha melloría que nunca chega? Dos que por obra e gracia da centralidade europea quedan sen vacas que muxir, sen barcos nos que pescar, sen latas que encher de peixe? Das mulleres perseguidas tras ser violadas ou mancadas para a súa vida enteira? Dos indios que expulsan da Amazonía para que as empresas do norte exploten minas ou madeira? Dos soldados obrigados a defender as petroleiras occidentais no medio oriente?
E por último, fraternidade. A palabra máxica do sistema económico e político actual é "competitividade". Proben a combinar: competir cun irmán? Si, dirán que a competencia é sana, que todos nos beneficiamos. Pode que en apariencia ocorra, nalgún caso, sen dúbida... pero se miramos ao lonxe e vemos as grandes cousas que nos quedan polo camiño... Se todo é constante competencia, para qué serven a ternura, a amizade, a irmandade, a solidariedade, a consideración, o respecto... quizaves se vivísemos unha época de moderación...
Pero nesta sociedade resabiada e ambiciosa, gobernada polo poder da avaricia e con tan febles e irrisorios mecanismos de control político sobre a economía, ninguén pode soster na súa xusta razón que a cidadanía teña o mando sobre empresas, monopolios, multinacionais e financieiras. A fraternidade é unha sombra de bondade, unha palabra valeira do seu concepto, tamén expulsada do universo das marabillas.
Quizaves teñamos que retomar ese fermoso eslógan revolucionario francés, rascar no fondo da súa intensa memoria e reintentar a libertade de vivir con dignidade material, a igualdade universal para acabar coa explotación salvaxe do ser humano, e a fraternidade para sentirnos realmente parte dun mundo de cooperación, sen depredadores nen guerrifantes.
Despois de algúns días amorosamente adorado por este atento, valente e distinguido club de fans que encherá esta páxina de PontevedraViva de simpáticos comentarios, apetecíame este inxenuo paseo pola utopía liberadora coa que hoxe me levantei soñando.
28.04.2013