Lecturas desde O Alcouce: 'Sobre o desamor e outras mariconadas'

09 de abril 2016
Actualizada: 18 de junio 2024

Sobre o desamor e outras mariconadas é o primeiro libro de Ricardo de Barreiro. Trátase dun volume poético acompañado de ilustracións da súa propia autoría.

Ricardo Barreiro é coñecido en boa medida pola súa presenza no audiovisual, especialmente logo do seu papel como Mateo Veloso en Matalobos, polo cal foi nomeado aos premios Mestre Mateo. Coescribiu canda a Rafael G. García e Xavier Estévez o texto teatral Merda, que levou a escena con el como actor único.

Neste libro conxuga dúas disciplinas artísticas. É un proxecto persoal multidisciplinar, que nace non só como exploración artística, senón tamén como terapia ante o desacougo. No texto introdutorio que aparece nas lapelas o autor explica o carácter autobiográfico da obra. Indica que este libro é para el como unha casa, e dálle a benvida a toda a persoa que o queira ler.

O título é ben significativo. O termo mariconadas suxírenos un significado ben claro, e o autor asume con humor o carácter pexorativo; o desamor, ao igual ca o amor, é unha mariconada, unha sensibilidade na que o home non debe caer. No prólogo, titulado "Prologar e outras bolleradas" e escrito pola poeta marinense Andrea Nunes Brións, resáltase a valentía de mostrar os sentimentos espidos.

Os poemas falan do paso dunha relación de parella, feliz e con certa estabilidade, á soidade do desamor. A dor de asumir a perda da persoa amada, a procura de calma trala derrota. Os sentimentos van descritos da man dos pequenos elementos da vida diaria, dos feitos cotiáns que constrúen a nosa estabilidade ou o noso desacougo. Como pano de fondo, o amor e devoción polo pai e a nai, compaña e soporte estable ante unha situación incómoda.

Hai unha forte presenza do amor e do erotismo, tanto por separado como en conxunto: o amor erótico, o amor non erótico, e o erotismo sen amor. Estes elementos aparecen tamén nas dezaseis ilustracións que van xunto co texto, nas que aparece case sempre un home espido e un verso. Deste xeito, as imaxes acompañan a valentía de espirse a través dos poemas.

Formalmente é un texto bastante narrativo. As estrofas describen situacións, sen o mínimo resto de rima e con versos curtos que adoitan responder a sintagmas independentes. O léxico é transparente, salvando algunha deliciosa metáfora erótica, e inclúe fermosos estranxeirismos adaptados ao galego, como tineiller.

Sobre o desamor e outras mariconadas presentouse en directo como proposta escénica coa compañía do guitarrista Guillerme Fernández. En Pontevedra tivemos a sorte de miralos no Liceo Mutante en maio de 2014. Foi unha presentación moi próxima ao público, cun recitado moi sentido que logrou transmitir o propósito inicial: compartir os sentimentos propios sen medo nin vergoña.

Sobre o amor e outras mariconadas (Toxosoutos, 2013)

72 páxinas. ISBN 9788415400929