O curioso incidente do can á media noite é unha novela de Mark Haddon, publicada en 2003. A historia está escrita en primeira persoa por Christopher John Francis Boone, un mozo de 15 anos cun trastorno autista, aínda que non se fai explícito cal.
Christopher vive co seu pai en Swindon, ao oeste de Londres. Unha noite descobre o corpo morto do can da súa veciña, atravesado por unha forcada no xardín. A señora Shears chama á policía, e ao ser interrogado Christopher empeza a sentirse axitado. Cando un dos oficiais tenta agarralo dun brazo, o mozo golpéao e lévano á comisaría. De regreso a casa Christopher decide resolver o misterio da morte do can, pero a súa investigación vese gravemente limitada polos seus temores e dificultades á hora de interpretar o mundo que o rodea.
Durante a súa investigación, Christopher vese forzado a entrar en contacto con xente con quen nunca se relacionou, e visitar lugares novos, ao tempo que vai descubrindo puntos que non coñecía da súa realidade familiar. Ao tempo segue coas súas tarefas escolares, preparando o exame de matemáticas de bacharelato para poder ir á universidade e ser científico.
O protagonista é Christopher Boone. Vai a unha escola para estudantes con necesidades especiais, pero ese eufemismo non lle gusta nada. Adora as matemáticas (sabe de memoria os números primos até o 7507), ten memoria fotográfica e é extremadamente observador, o que lle é moi útil na investigación. Porén, ten dificultades para entender o comportamento humano, as expresións e as relacións. Amais é patoloxicamente incapaz de dicir mentiras.
A propaganda do libro indica que o seu autismo podería ser a síndrome de Asperger, o autismo de alto funcionamento ou a síndrome do savant. Ten moitos trazos que o diferencian do resto das persoas debido á súa percepción da vida. É incapaz de recoñecer e comprender as expresións faciais fóra das de felicidade e tristura, e ten dificultades para entender as metáforas e os chistes. Gústanlle as informacións concretas e as listas, e ten medo dos estraños e dos lugares descoñecidos, e berra e reacciona con violencia cando a xente o toca. É moi sensible á información e ao exceso de estímulos, e para protexerse do exceso de ruído e de información fai un nobelo e rosma.
Odia a cor amarela e o marrón, mentres que lle encanta o vermello. Isto lévao a utilizar colorantes vermellos para a comida marrón e amarela. Tampouco pode comer dous tipos diferentes de comida se se tocan no prato e ademais considera que ver 3, 4 ou 5 coches vermellos seguidos augura que terá un día bo, moi bo, ou súper bo. En cambio se ve 4 coches amarelos significa que terá un día negro, e entón non come o seu xantar e non fala con ninguén. Non lle gusta consumir comida de sitios estraños nin que se cambien de posición os mobles.
A trama está moi ben construída. Comezar coma unha novela policial ao uso: aparece un cadáver e investígase a súa morte, e o protagonista, gran lector das aventuras de Sherlock Holmes, comeza a escribir un libro sobre a investigación. Pero ao final, como nalgunha das mellores novelas negras de Raymond Chandler, quen matou o can non é o máis importante da trama, senón amosar a realidade persoal e social.
A nivel persoal, empaticei moito co protagonista. Encantoume esta novela.