El libro de la fama é unha novela do autor neozelandés Lloyd Jones, publicada no ano 2000. Nel relátase a xira do equipo de rugby de Nova Zelandia, os All Blacks, que entre agosto de 1905 e marzo de 1906 percorreron Gran Bretaña, Irlanda, Francia e os Estados Unidos. En total xogaron 35 encontros, cun balance de 34 vitorias e unha derrota, con 976 puntos a favor e 59 en contra (lograron deixar o marcador rival a 0 en 23 ocasións).
O equipo estaba formado por 27 xogadores, entre os cales había un par de zapateiros, algún labrego, dous mineiros, un empregado de banca, un fncionario, un carpinteiro de ribeira. Xunto co adestrador e o representante saíron de Nova Zelandia o 30 de xullo a bordo do buque Rimutaka en dirección ao cabo de Fornos, en pleno inverno austral. Logo de pararen en Montevideo e Tenerife, atravesando as cálidas rexións tropicais, chegaron a Inglaterra o 8 de setembro.
Durante dous meses, entre o 16 de setembro e o 15 de novembro, xogaron 19 encontros amistosos en numerosas vilas de Inglaterra. Nos partidos amosaron un xeito vangardista de xogar ao rugby, cunha innovadora disposición dos 15 homes no campo e unha formación poderosa nas melés. Isto levounos a vencer estes encontros por unhas tundas criminais.
Os xogadores espertaban moita expectación. A súa chegada ás vilas e cidades era agardada con curiosidade. Desde os seus uniformes, todos negros cun fento branco, até a posta en escena da haka, a danza tradicional de guerra maorí, todo arredor deles era visto como unha gran novidade. Eran recibidos polas autoridades locais e levados aos lugares destacados da poboación.
Despois de percorrer Inglaterra foron até Escocia e Irlanda. Nestes dous países xogaron dous partidos oficiais contra as respectivas seleccións nacionais. Hai unha forte oposición entre estes dous lugares, pois o autor afirma que en Irlanda se sentiron estimados e respectados, mentres que en Escocia foron tratados con desprezo. De regreso a Gran Bretaña, xogaron en Londres contra a selección nacional en Crystal Palace ante 45.000 persoas, o que supuxo todo un récord.
A mediados de decembro visitaron Gales, tamén para enfrontarse á selección nacional dese país. Estre partido supuxo un fito, pois foi o único que perderon durante a xira. Até entón a maioría dos encontro resolvéranse cunhas malleiras de moito nabo, pero neste partido os All Black perderon por 3-0, o que lles supuxo un cúmulo de sensacións estrañas.
Logo doutros catro partidos no país do dragón vermello foron até París, para xogar fronte ao combinado nacional francés o día de Aninovo. Despois dese partido cruzaron o Atlántico e atravesaron os Estados Unidos de leste a oeste para xogar dous encontros en California, parando en Nova York e Chicago.
A particularidade do libro é que está escrito desde a ficción, pero cunha notable verosimilitude debido ao inxente traballo de documentación histórica. Amais, o autor logra dar a cada personaxe a súa particular personalidade. Está narrado en primeira persoa, e alterna o relato en prosa con anacos en verso.
Amais das vivencias deportivas, o libro é o relato histórico dunha época. A aventura que supuña atravesar medio mundo en barco en 1905 deixa oco para reflectir as diferenzas sociais entre as diferentes persoas coas que se atopan, como a tripulación e pasaxe do barco. Tamén hai diferenzas evidentes entre os lugares que visitan.
O traballo de documentación (no epílogo o autor explica que pasou un mes en Inglaterra seguindo os pasos da xira, e tamén bastante tempo no museo do rugby de Palmerson North. É interesante que o texto inclúe datos ben curiosos, como os menús que lles ofrecían. Amais, o contexto histórico está moi ben empacado, como o pogromo de Odesa de 1905, que o narrador segue pola prensa e co que se ven relacionados ao coincidir no barco cara a América con emigrantes xudeus ucraínos.
Teño a sensación de que perdín moitos matices por non ser un gran coñecedor do rugby e por ler a obra na lingua orixinal, se ben a tradución de Abraham Gragera está moi lograda. Bo traballo o da editorial Gallo Nero, que ten publicadas outras obras interesantes nas que mestura aventura e deporte.