A concesión do telefono é unha novela do escritor siciliano Andrea Camilleri. No prólogo, o autor explica que o texto naceu tras atopar un decreto ministerial de 1892 para a concesión dunha liña telefónica privada, proceso legal que implicaba unha ampla maraña de obrigas burocráticas e administrativas. Con esta premisa, créanse toda unha serie de malentendidos traxicómicos.
O protagonista é Filippo Genuardi, un comerciante de madeira que quere instalar unha liña de teléfono entre o seu almacén e a casa do seu sogro. Antes as dificultades burocráticas pídelle axuda ao poderoso Calogero Longhitano, cabeza da mafia da vila de Vigàta. Doutra banda, a policía comeza a sospeitar que Genuardi é un axitador socialista, e os carabinieri buscan desprestixialo para acusalo e detelo.
A trama desenvólvese en Sicilia entre 1891 e 1892, momento do auxe dos Fasci Siciliani, movemento obreiro de inspiración socialista pero con forte pegada cristiá. O libro comeza cunha cita da novela Os vellos e os novos de Luigi Pirandello, ambientada tamén en Sicilia nesa época. A acción ten lugar principalmente na cidade de Vigata, espazo imaxinario que se corresponde coa vila natal de Camilleri, Porto Empedocle, onde teñen lugar tamén as novelas do comisario Salvo Montalbano e a novela A pensión Eva.
O proceso de unificación de Italia no século XIX implicou un proceso de centralización do funcionariado, alleo á realidade local (sóalles esta situación? Pois é similar ao que pasa en Galiza coas institucións estatais). Isto dá pé a un sinfín de despropósitos absurdos, en base ás paranoias dos policías e os prefectos. O pobo siciliano vese atrapado entre o estado e a mafia, e os poucos funcionarios públicos que intentan traballar de forma honesta están destinados á derrota.
O protagonista, Filippo Genuardi, logra evadir os cargos non polo empeño das forzas da lei, senón pola vontade do mafioso Lollò Longhitano, que logra impoñer a súa vontade. Genuardi é tamén unha vítima do tecido diabólico, mais non é un heroe ou un protagonista positivo, senón un marido desleal e comerciante parasito, que para obter a concesión telefónica está disposto a entregar o seu antigo mellor amigo en mans da mafia, a ameazar con armas e facer chantaxe aos donos das terras sobre as cales deben colocarse os postes da liña telefónica, ou para subornar calquera que o poida axudar na administración pública.
Formalmente, A concesión do teléfono ten unha estrutura innovadora. O autor alterna dous tipos de escritura: dunha banda as "cousas escritas", como cartas, informes, documentos oficiais, notas secretas ou artigos de prensa; doutra banda as "cousas ditas", diálogos entre os personaxes sen indicacións escénicas nin información sobre a ambientación. Este recurso permite que a persoa lectora sexa partícipe do relato.
A tradución ao galego correu a cargo de María Alonso Seisdedos. Levou a cabo un traballo moi interesante, logrando manter as peculiaridades lingüísticas do dialecto siciliano que tanto emprega Camilleri.