Lecturas de Catalunya II

18 de noviembre 2014
Actualizada: 18 de junio 2024

O independentismo é hoxe a forma que en Catalunya adopta o rexeitamento do status quo e a impugnación total do establecido, é dicir, a rebelión contra o Réxime do 78. Nese movemento intégrase o compoñente político asentado en base a unha realidade e presente ao longo dos tempos, coa referencia de 1714 como eixo común. Pero tamén a contestación contra un ronsel de desprezos reaccionarios dende posicións autoritarias, que aglutina compoñentes sociolóxicos, económicos e mesmo sentimentais. Hai quen toma como data de referencia o acontecido co Estatut para explicar este auxe como a reacción ante o agravio, pero todo o que supoña ignorar un movemento político absolutamente consolidado e argumentado estará, creo eu, a tirar unha análise incompleta.

As demandas mediáticas e comunicativas da sociedade de hoxe precisan personificar as consignas en caras recoñecibles contra as que facer vudú e presentar querelas. Dende Madrid preséntase a Artur Mas como o líder dun proceso soberanista recente que manipulou a todo un movemento. O President leva na primeira liña política dende o ano 1995, no que accedeu ao Parlament de Catalunya e ao Govern do mafioso Pujol como Conseller de Obras Públicas e Política Territorial. Permítaseme a brincadeira, pero sería o equivalente ao noso Cuíña por aquela altura (que a ninguén se lle ocorra facer un exercicio imaxinario de política ficción⿦). Logo de pasar pola consellaría de Economía e Finanzas aséntase na oposición entre o 2004 e o 2010. Como se pode observar, Mas foi sempre un secundario de luxo á sombra do todopoderoso Pujol. Fixo parte daquela CiU que apoiou en numerosas ocasións os gobernos de Adolfo Suárez, Felipe González e de José María Aznar en Madrid. Coa chegada á Generalitat Artur Mas convertiuse nun dos principais masservidores da política da Troika, aplicando brutais recortes sociais ao fío dunha política ultraliberal moi agresiva. A chegada de Mas supuxo para os cataláns un incremento do 80% no prezo da auga, foi dos primeiros en impoñer o ⿿copago⿝ a enfermos de longa duración, o pago por receita, os recortes na universidade, os peches de plantas enteiras de hospital, os ataques aos funcionarios da Xustiza, a conxelación salarial e das pagas extras, o impago a garderías ou os recortes en materia de dependencia. Iso por non falar da xestión da represión pola vía dos Mossos d⿿Esquadra, protagonistas de habituais casos de violencia na rúa e tamén de indultos logo de condenas por falcatruadas diversas (por exemplo, no interior das comisarías).

A demoscopia vén indicando un aumento progresivo da opción soberanista nos últimos anos. Artur Mas, habilidoso trileiro, aproveitou ese potencial para situarse á fronte e abandeirar institucionalmente un discurso transversal. Soubo, tamén hai que dicilo, proxectar un atinadísimo xogo de sombras para identificar dereito a decidir, referendo e independencia. Coido que este é o punto no que o discurso oficial do Réxime do 78 colapsou e picou inxenuamente na trampa. A súa miopía non foi quen de trazar unha liña democraticamente unionista, tal e como aconteceu no Reino Unido. Non, eles foron incapaces de descifrar os códigos e pecháronse nun amplo non a todo.

A valoración máis procedente da consulta coido que é a dun acto de desobediencia masiva dun pobo farto das prohibicións do Tribunal Constitucional, e ao tempo unha gran mobilización polo dereito a decidir (a pregunta ofrecía varias alternativas que dan resultados politicamente difusos) na que o independentismo luciu potencial. De todas formas, parécenme erradas as extrapolacións e as comparacións con resultados noutras eleccións. En Catalunya tamén agromou a lectura de que o #9N non era o referendo que se prometera, e moitos interpretárono como un acto de campaña case persoal de Artur Mas. As combinacións son moito máis complexas do que se pode representar en porcentaxes. Non é menor a parte do independentismo que desexa a soberanía real e a fin das ataduras non só políticas a Madrid, senón tamén (e imprescindibles) económicas á burguesía e á dereita catalá.

Ábrense distintas posibilidades. ÿ probable unha convocatoria de eleccións, previo elegante trámite da oferta de diálogo a un PP que volve a picar ilusamente de novo rexeitándoa a voces. O desexo dun Mas entre a espada e a parede é converter a convocatoria nunhas eleccións plebiscitarias, encabezando el unha lista unitaria pola independencia que disolva o resto de cuestións e esqueza a súa acción de goberno en materia económica e social, así como os seus plans nestes eidos para a hipotética República de Catalunya. O resto de actores tamén teñen que optar pola prioridade do discurso identitario e decidir se van a un combate que confronte unicamente senyera contra rojigualda ou se tratan de espulgarse tamén dunha Convergència que nunca se sabe a que distancia real se move de Madrid. Para ben e para mal, a xornada do #9N foi capitalizada por Mas e o que semellaba un enterro político cantado pode non estar tan claro. A ERC que se vía xa na Presidencia semella ter que recalcular, pero parece disposta a sumarse ao rego único do idenditario esquecendo os atropelos sociais da dereita neoliberal catalá e o saqueo compulsivo da familia Pujol. Pola banda das CUP a decisión tampouco é doada, o movemento de emerxencia que contribuíu a impulsala ao Parlament pode sentirse en parte seducido pola chegada de Podemos, que na medida na que saiba modular e conxugar un discurso preciso será útil alí tamén. Na parte do españolismo semella soprar o vento en favor do joseantoniano Albert Rivera, incomparablemente máis intelixente que a irrelevante Sánchez Camacho. Dito todo isto, quen terá un peso fundamental será a ANC, que lidera verdadeiramente ese discurso independentista transversal á marxe dos carnés dos partidos e que nestes momentos é a única capaz de catalizar a reivindicación identitaria exenta de contradicións doutro tipo.

Veremos en que medida a reivindicación de fondo é capaz de sobrepoñerse ás tentativas de sedución en forma de arranxos cosméticos ou pactos fiscais.