Juan Soto, irmán na memoria

11 de enero 2025

Anos pasados, mentres abriamos un buraco no Campo das Laudas, Soto, parafraseando o guión dun dos filmes de S. Leone, díxome: “Neste mundo, a xente divídese en dúas categorías: os que teñen a pistola e os que cavan; e a nós tocounos cavar!”. Teñan por certo que a aceda retranca de Soto, só apta para iniciados, era a mellor vacina para aventurármonos inmunes, sen máis profilaxe, cunha man diante e outra detrás, polas terras raras, ríspetas e alcalinas de Cerdedo e Montes.

Con Soto non podías baixar a garda, porque axiña che acometía os flancos xa coa súa punzante paremioloxía xa coa súa cámara fotográfica, habelencias adquiridas e requintadas no pupitre espartano do autodidactismo. E nese camiñar aprendendo, entre estoica e peripatética aprendizaxe, fómonos curtindo de amencidas e solpores, de molleiras e aloveados, de pedregais a chupe e veigas largacías. Laiándonos de todo, ríndonos de todo, en especial de nós mesmos e da nosa insignificancia: “Capitán Gosende naceu un primeiro de abril, que é o día en que os burros van onde non deben ir!”.

David Otero, Solla, Soto e Fernando Salgado

Home sabio, valedor das causas perdidas, inaccesíbel ao desalento, Soto achou acomodo na tropa do Capitán Gosende. Sen tirar o mono de traballo e pondo o seu haber á disposición do colectivo, ensinounos como enfrontar con dignidade, modestia e resignación este cumprido enfiar de exitosos fracasos. Dicía: “De derrota en derrota até a derrota final, pero que non falte viño pra levantar o padrighón!”.

Fóisenos Soto. No argot da cuadrilla, diriamos que o noso compañeiro fixo un “arranca rápido!”, e aínda sendo conscientes das impostas regras do xogo, ninguén nos pode quitar da cabeza que fomos obxecto de trampa, que nos roubaron o partido, porque, ir iriamos perdendo coma sempre, pero na bancada había quen recoñecía que estabamos a xogar coma nunca.

Soto tras da cámara

“Firmes e en descanso”, aquí nos tes, meu camarada!. A por de repetírnolo, temos xa asumido que “dunha mula só se pode esperar unha patada” e que “moitos lle deberan dar grazas a Deus por telos levantado das patas de diante”.

Na véspera da túa morte, respondendo a chamada dun correspondente de Castro, dispensamos os Reis e con firme convicción republicana, arrostramos a meteoroloxía adversa (“Quen dixo medo!”) para ascender as lombas do Outeiro da Cacharela. Urxíanos testemuñar para a ciencia se os mouros do penedo asollaban o ouro nas piocas ou se só o exhibían para o seu deleite. A humanidade agardaba expectante polos resultados da nosa transcendental misión.

Cavando no memorial do Campo das Laudas (Meilide Cerdedo)

Xa de volta, despedímonos deica a tertulia dos mércores. Ao me apear do teu coche, o teléfono caeume ao chan e o vidro da cámara fendeu coma un ollo de Buñuel.

Temos visto tanto; temos descuberto tanto xuntos, meu amigo, que quizais escatimamos coñecérmonos abondo. Porén, algo levas de nós, e nós, moito de ti, e por insoportábel que se faga nestora alancar fraguizas e corredoiras sen a túa compaña, para o noso consolo, haberémoste advertir no aceno do fento, no ollo do lagarto á raxeira, no cogomelo que só se deixa comer unha vez, no rabaño de xovencas recortadas para bistés...

A petición da familia –desexo que nos honra–, os teus restos acharán repouso na herbeira do Campo das Laudas, o noso lugar máis sagrado, e alí fundiraste co proxecto que tanto alentaches e que, pedra a pedra, axudaches a construír. Alí nos terás até a súa consecución ou a nosa, rebulindo á roda daqueles flagrantes esquecidos. Despois dun tempo virá outro.

A carón de Juan Soto, cando a descuberta do petróglifo das Abeleiras (Lourido Cerdedo, 2018)Calros Solla

Pola túa íntegra fidelidade, pola túa vontade de ferro, pola túa natureza irredutíbel, méritos sobrados, tes gañado para nós e para os seareiros a condición de fillo adoptivo de Cerdedo e Montes. Esta vida quere outra, e moitos indíxenas necesitarían seis reencarnacións para igualarte.

Malia ser coñecedores da túa discreción, agradecemos no teu nome e no da tropa as innúmeras mostras de agarimo enviadas dende todos os recunchos do país, reforzándonos no convencemento de que a semente do teu esforzo, do teu compromiso e da túa xenerosidade caeron abofé en terra de lentura.

Que a mesma terra te acolla e porfille, Juan Soto, como arraigado quedas nos nosos corazóns e na nosa acordanza. Chova que vente, Capitán Gosende!!