Inaceptábel solicitude de prórroga de ELNOSA para o desmantelamento!

06 de noviembre 2020

Cando en decembro de 2018 o Ministerio de Transición Ecolóxica declaraba a caducidade total da concesión dos terreos de Dominio Público Marítimo-terrestre ocupados pola planta electroquímica ELNOSA en Lourizán, ordenaba ao Servizo de Costas en Pontevedra a levantar acta de reversión destes terreos e, ao tempo, ordenar á empresa o levantamento de todas as instalacións fabrís e a descontaminación dos solos ocupados. E hoxe, pasados dous anos daquela decisión, a realidade é que os terreos continúan ocupados pola empresa e o mercurio que inunda os solos e as augas soterradas, tamén.

E agora ELNOSA, que no ano 2016 obtivo da Xunta de Galicia unha prórroga dun ano para seguir fabricando cloro, sosa e derivados sen ter mudado a tecnoloxía como era a súa obriga, pretende que se lle permita prolongar máis o prazo para dar cumprimento ás tarefas que -sen xustificación ningunha- véñense retardando desde hai demasiado tempo.

Desde a APDR, que alegamos en setembro de 2017 á revisión da AAI de ELNOSA (que incluía o proxecto de desmantelamento e eliminación dos solos e augas contaminadas) por entender -entre outras cousas- que non se establecían todas as garantías para eliminar con seguridade as infraestruturas, solos e augas contaminadas polo mercurio, nin o seu posterior tratamento por unha entidade debidamente autorizada, mantemos as nosas dúbidas sobre o plan proposto pola Administración.

Seguimos entendendo que a tecnoloxía da escavación escollida pola Administración é, de acordo co recollido no Decreto 60/2009, o menos fiábel de cantos existen para a eliminación de metais nos solos contaminados, e que tanto a superficie de terreo a descontaminar como o seu volume, deberían ser superiores ás consideradas neste proxecto inicial; entendemos, neste sentido, que debe comprender a canle do regato que atravesaba as instalacións do complexo ENCE-ELNOSA (desviado sen licencia hai anos polos responsábeis empresariais do complexo) e as balsas de decantación de ENCE, cargadas por cantidades importantes de mercurio logo de tantos anos de vertido desde ELNOSA. 

Outra preocupación da APDR é a de saber cal vai ser o destino dos terreos agora recuperados, cal o seu tratamento posterior e que empresa se vai facer cargo destes traballos, datos que non se publicitaban no proxecto presentado no seu día. 

Preguntámonos na APDR se a Administración está en condicións de garantir que se vai retirar de Lourizán "todo" o mercurio deitado na zona desde hai 50 anos, que a realización dos traballos de desmantelamento e descontaminación (e o transporte de terras) non van ter incidencia negativa sobre o medio natural e a veciñanza, e que a zona agora liberada vai quedar nas condicións que tiña antes da chegada de ENCE-ELNOSA á nosa Ría, esixencia recollida no título da concesión en terreos de dominio público e que desde a APDR consideramos absolutamente irrenunciábel.

Xa por último, consideramos inaceptábel a solicitude desta nova prórroga por parte de ELNOSA e agardamos que a Administración impida calquera retardo no cumprimento das obrigas aos actuais responsábeis da factoría.


Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR.