Idade, présas e riscos urbanos (e rurais)

16 de diciembre 2024

Dixo Gregorio Marañón: "En este siglo acabaremos con las enfermedades, pero nos matarán las prisas", para mellorar a nosa calidade de vida deberíamos complementalo co "Pasito a pasito, suave suavecito, poquito a poquito" como di Luis Fonsi no "Despacito".

É bo cumprir anos. De pequenos queremos ser maiores. De maiores non nos importaría ser un pouco máis novos. Cando somos maiores a vida vai rápida e nós imos máis lentos, a cabeza segue rápida mais o corpo non responde ao mesmo ritmo. A mediados do século pasado, a vida era máis de vagar. O século XXI ven marcado polo xa, polo agora mesmo, pola inmediatez. Vivimos correndo, a vida moderna é un continuo "running", un sen parar. Ves pasar xente apurada dun lado cara outro, e pensas: "tanta présa terá"?. Pasóume cunha amiga que vin ao outro lado da rúa. Ía mirando o reloxo, tiña a cabeza ladeada para suxeitar o teléfono móbil polo que falaba. Xirouse e veume, fíxome un aceno para que cruzara no paso de peóns. Atravesei, agardei que terminara a chamada. Mirou para min cun sorriso, doume un bico. Soltoume un "alégrome de verte, teño présa, marcho que teño que marchar", ata logo, non falamos. Nalgún traballo dependín de xente que vivía no "para xa" ou no "para onte". Mandaban facer traballos con moita urxencia como si se fora a vida niso, obrigándonos a facer cousas a lume de carozo, algunhas podían ir mal, con calma habería que refacelas. Viven coa sensación do prestixio do "estar moi ocupado". Para esta xente os ocupados son dun status social superior. Non se é mellor xente, nin mellor profesional, por ir á presa.

O inmediato, a rapidez tamén está contaxiando á xente maior. Estannos introducindo no inmediato aínda que non queiramos. Nos supermercados fannos encher as bolsas ou os carriños da compra á velocidade dos lectores de código de barras. As veces acabamos facendo un remexido, mesmo estragando produtos, patacas enriba dos amorodos. Claro que outras veces os maiores tamén colaboran (mos) nesa rapidez. Este verán ía paseando polo paseo do porto de Cambrils. De súpeto vexo unha morea de xente maior, polo menos unhas dez persoas, en "scooters" eléctricos. Como estranxeiros que eran ían educadamente en ringleira, non se saían do seu carril-bici. As veces son ben pensado e reflexionei para os meus adentros imaxinando unha asociación de anciáns alemá, con pouca, ou ningunha mobilidade que os traen a pasar a primavera á Costa Dourada. Ía nesta miña reflexión cando vexo que ao sobrepasarme métense cara á esquerda e van todos a un establecemento onde poñía un cartel: "Es lloguen scooters electrics pe passejar// Se alquilan scooters eléctricos para pasear//Electric scooters are rented for walking". De repente érguense todos e todas, devolven os "scooters" e marchan camiñando. Fiquei sorprendido, fun cara o establecemento, pregunteille ao dono que tal ía o negocio. A resposta foi o máis sorprendente, contoume que ía moi ben e que a realidade superaba ao programado. Este era o negocio deste verán nas costas do mediterráneo e soltoume: "a xente maior, de aquí e de fóra, quere ir a máis sitios, o máis axiña posible, sei que a moitos, por non dicir que ao 90% dos anciáns, que nos alugan os scooters de mobilidade para anciáns, non lles fai falta, pero así desfrutan máis". Integrados na présa ou comodidade?

Pretendo seguir non mundo máis de vagar, máis sen présas. A velocidade na rúa máis eu non nos levamos ben. Cando vou (aquí podería engadir un vamos) un pouco apurado por unha beirarrúa, ou por un camiño no campo, sempre aparecerá unha baldosa mal nivelada por milímetros, ou unha pequena pedra, coa que acabara batendo a punteira do noso calzado e nos veña a abanear con risco de caída, ou directamente caída. Claro que non todo e culpa da velocidade. Hai dificultades (aquí alguén poñería a palabra handicap) que parece que están feitas para amolar á xente maior. Un dos máis perigosos é o chan liso das liñas dos pasos de peóns. En canto se mollan un pouco convértense en pistas de esquí, e non digamos se é en costa.

Mais si hai algo nestes derradeiros tempos de présas que me ten asustado, mesmo con temor é o uso indiscriminado nas beirarrúas e zonas peonís de patinetes eléctricos, bicicletas e motocicletas. Son unha persoa que desfruto o meu barrio, é onde teño a zona de espallamento diario (mercar, tomar o café ou un viño e pasear). A parte que máis uso para ir e vir e para estar é a praza que se orixinou cando o concello sacou o tráfico, acertadamente, de diante do Hospital. Se isto fose Portugal esa praza chamaríase Largo de Loureiro Crespo. A parte de pasar, tanto de ida como de volta, hai moita xente maior que esta a falar e a tomar o sol, cando se pode. E cando un está tranquilo ou vai paseando, pasan ao noso carón, a moita velocidade, patinetes, bicicletas e motocicletas co susto que levamos por non ouvilas. Sexa o hora que sexa sempre acabará pasando calquera destes vehículos. O mesmo pasa no tramo peonil de Benito Corbal, entre o cruce das rúa Sagasta e Cobían Roffignac e por todo o centro. Mais o peor de todo é cando circulan polas beirarrúas saltándose a normativa da DGT. Estaba falando o Antón máis eu das nosas cousas cando un patinete a toda velocidade fixo saltar a Antón cara atrás. Comezou a xurar e perxurar cando diante nosa, e para adiantar pasou un coche da Policía Nacional. Antón calou, rascou a parte superior da cabeza e soltou un "manda carallo na Habana". Si dixen eu, e tamén pasa a Policía Local, fano para adiantar, pola présa, por non dar a volta. Dar, o que dan — dixo Antón — é un mal exemplo, non poden ir por onde vai todo o mundo porque por urxencia non é que non levan as luces acesas. Son as cousas do vivir á presa, todo é un bule-bule, — díxenlle eu — a semana pasada, na Ferraría, vin como o coche da policía atravesa en diagonal, para adiantar, o que ti dis as présas.

Deberíamos saber que Pontevedra non é unha vila (na parte vella) nin para andar en patinete eléctrico nin en bicicleta, a vila de Pontevedra está feita para andar. Mentres os maiores teremos que ir cada vez con máis coidado e ter que poñer retrovisores para ver o que ven por detrás, porque ouvir non os ouvimos, os eléctricos non fan ruído. Vivamos paseniño, non vaiamos a levar un golpe.