"Estamos en guerra pero hai que reflexionar" (Os Resentidos)
Campañas electorais permanentes no Estado Español levan ao uso de termos que de tanto oílos perden o seu sentido. Está pasando co termo de "guerra cultural". Este termo puxérono de moda os expertos politólogos dos moitos faladoiros que hai nas radios e televisións. Logo foron repetíndoa os periodistas "líderes" (case mellor chamarlles creadores de opinión como estamos a ver estes días nas entrevistas que lle están facendo ao Presidente do Goberno polas radios e televisións "non amigas").
Vemos que cando se fala de guerra cultural do que se trata é dun sinal de enfrontamento. Están mentíndonos. Non existe guerra cultural. O que hai é unha pelexa ideolóxica. Asómbrame ver como os "entendidos" e "expertos" da política, nomeadamente os de esquerdas, non denuncian esta perversión do termo cultura poñéndolle o nome acaído: ideoloxía. Cando consulto o dicionario da RAG ou o de Estraviz, en busca da palabra "CULTURA", os dous teñen en común dúas cousas. Unha é que defínea como conxunto de coñecementos. Outra é o seu antónimo: incultura. Que non é outra cousa que ignorancia. É a onde nos queren levar.
Nun chío de Twiter o dirixente de Vox, Jorge Buxadé puxo: "La lucha de derechas e izquierdas ha desaparecido, hay una lucha entre quienes creemos que las cosas son lo que son y quienes quieren hacer ingeniería social". Vemos aquí un exemplo claro do que é unha batalla ideolóxica clara. Que se desmonta por si sola coa opinións deles mesmos xa que por un lado din que non hai dereita-esquerda e polo outro non paran de dicir: "la izquierda que nos gobierna socialista y comunista bolivariana" (empanada mental, ou é adrede).
Pero non pensemos que todo isto é de agora. Non. Xa se vén xestando dende fai tempo. Pouco a pouco. Case sen decatarnos. Xa desde os anos 20 (séc. XX) estase desenvolvendo todo o proceso. Despois do crack do 29 viñeron os movementos fascistas. Logo da II Guerra Mundial e o consenso entre liberais e socialdemócratas europeos que acaba coa consecución do estado do benestar as cousas calmáronse, mais seguía latente. Nos anos 90 coinciden Ronald Reagan e Margaret Thatcher comezan a guerra cultural contra o liberalismo. O consenso acábase coa caída do Muro de Berlín. Xa non hai medo ao "bolchevique". As dereitas xa teñen claro o seu argumentario. Thatcher e Reagan son os iniciadores, logo detrás, irán os outros. Viva o "neoliberalismo".
Dáme a risa cando escoito a unha das gurús españolas da dereita, Esperanza Aguirre, falar de liberalismo, cando quere dicir neoliberalismo. Sempre ocultan que Adam Smith ou John Stuart Mill, pais do liberalismo eran contrarios aos monopolios e defendían o control do mercado. O desta muller xa ven de fábrica, como o pecado orixinal. Pretende que esquezamos que accedeu ao poder coa compra do votos de dous tránsfugas "socialistos", o célebre "tamayazo". Tivo un bo mestre en JM Aznar. Empezaron xa o que agora denominamos "trumpismo". Con trampas e mentiras. A estratexia de Aznar para acadar o poder non se diferencia nada da que logo empregou Rajoy, ou Feijóo antes en Galicia e agora en España. Teñen unha estratexia clara, primeiro denigrar ao adversario político. Lembremos o de "felipismo", "zapaterismo", "os Audis de Touriño", o "Beirismo" e agora o "sanchismo". Buscan apoio nos medios amigos, crean as noticias falsas (fake news). Logo promóvese o desastre case coma un caos. E traballo feito. Deixárao ben claro Cristóbal Montoro coa famosa frase, no ano 2010, dicindo: "Que caiga España, que ya la levantaremos nosotros". Non se cortaba nada.
As persoas que levan estudando desde fai tempo a mal chamada guerra cultural din que o punto de arranque foi un norteamericano, Steve Bannon que foi conselleiro de Donadl Trump e gurú da extrema dereita en case todo o mundo. Hai un documental sobre el na plataforma Filmin titulada "O gran manipulador". Este home antes de que gañase Trump dicía que tiña que librarse unha batalla cultural. Non planea loita de pensamentos nin de ideas. Saben que a xente é manipulable e non lle importan os métodos para conseguilo. Con esas vimbias Trump chegou ao poder.
Aquí xa está instalado. Sempre co desprestixio das institucións, que si hai moitos ministros, que si os alcaldes e concelleiros cobran moito, que si hai demasiados. Noticias falsas que logo a prensa seareira espallará, polarízanse no espazo das redes sociais e os medios dedicándolle moito tempo á discusión de supostos escándalos santificando a mentira como verdade. As posturas respecto á violencia machista, ás liberdades individuais, o negacionismo climático e mesmo científico, a situación do emprego, os impostos ás ganancias sobrevidas ou grandes fortunas, á sanidade pública, á educación pública , á eutanasia, á censura e prohibición de obras de teatro ou películas, a deslexitimar os matrimonios homosexuais, acabar coa inmigración como creadora de paro, etc.
Un programa puramente ideolóxico e político. Vese nos pactos que realizan o PP e Vox para conseguir alcaldías ou CCAA que xa se poñen de acordo en moitos destes conceptos ideolóxicos. A min asústame que queredes que vos diga. O mellor xeito que ten a esquerda para acabar con iso é transmitir ben as propostas, convencer á xente e o voto, como di o meu amigo Roxelio : "vota a esquerda que te guste ou a esquerda que menos te desguste, mais vota sempre"
Para rematala, esta semana botáronme na caixa de correo da casa un panfleto para salvar España mediante o rosario, ten moito que ver co escrito. En fin, País! Que diría Forges.