Gradas de Dorrón: uns ven e outros non

26 de septiembre 2024

Sendo nativo de Dorrón, o día 14 de setembro, estaba como moita xente da parroquia e como dicía o cartel, na "Gran Inauguración" do Campo de Fútbol O Cruceiro (Dorrón, Sanxenxo). Houbo música, algo de papatoria, discursos, o típico nestes eventos, e logo un partido de fútbol entre o Dorrón e o Noalla. Adiantaríase o Dorrón, pero ao final, un 1-2.

Moitos anos que levaba a obra do campo a voltas, proxecto, ampliación, cesión, herba artificial, políticos, empresas…. pero ao final rematouse a obra e ese día todo parecía perfecto. Digamos que o campo quedou ben chulo e completamente renovado, pero desde o meu punto de vista gustaríame mencionar algunhas cousas que a xente fala, moitos pensan, quedan no aire, e ese mesmo día comentábanse entre os asistentes.

Resulta que fixeron unhas bancadas cubertas. Ese día abarrotadas por curiosos, simpatizantes dos equipos, e como non, os que van papar, estes nunca faltan. Unha entrada histórica no campo. Decateime, e faleino con varias persoas, algún directivo e asistentes, que unha parte das bancadas queda máis baixa que a placa onde está o bar, (o cal seica despois de feito desfixeron e moveron de sitio, máis cara atrás, porque tamén tapaba as vistas). Problema con isto? os que están nas primerias filas debaixo non poden ver unha das esquinas do campo.

Ademais, debido á xente que está no terrazón do bar apoiados na varanda cunhas marabillosas vistas do campo, os das bancadas de arriba tamén teñen dificultades para ver parte do terreo de xogo.

Parece ser, que disto decatáronse durante o desenvolvemento da obra, pero a obra seguiu para adiante, e agora o problema quedará per secula seculorum, e uns ven e outros non.

Pero a quen lle importa, verdade? E digo eu, que lles custaría modificar o proxecto e facer as cousas ben cando se podía, e a sabendas da gran metedura de pata? …

Moitos asistentes estiveron varias horas nas bancadas, e claro, un día asollado, co sol de fronte, se non levabas visera, lentes de sol, protección solar…. non era moi agradable, así me dixeron.

Ademais, o teito das bancadas está bastante alto e máis que tapar a sombra parece un adorno. Non quero pensar cando azoute o vento e sexa un día de choiva. Hoxe chove a moreas, sería bo ir mirar que pasa. Levade roupa de augas.

Falouse no seu día de poñer as bancadas no outro lado do campo, pero a razón por que non se fixo, pois outros saberán. Pero xa sabemos, edificios sen garaxes, aeroportos sen avións, estradas sen carrís bici,… o de sempre.

Como noutros campos nos que adestran e xogan varios equipos (homes e mulleres), pois se deben ter non dous, senón catro vestiarios para que cando uns equipos están a xogar, e chegan os que adestrarán ou xogarán despois, póidanse cambiar. O mesmo para os árbitros, un par deles e non só un. Pois aquí isto falouse desde un primeiro momento, e comentóuselle aos responsables políticos e empresas, pero como sempre, a pelota salta de tellado en tellado, e ao final cae nun chan valdío ao que ninguén vai, pérdese, e fin da historia.

Dinche, no futuro haberá unha segunda fase, a ver si é verdade.

Hai unha película que se titula "Encontros na terceira fase", igual daquela están.