Antón Reixa patentou o de Galicia Sitio Distinto. Canta razón tiña neste caso. Escoitamos falar de furacán, de derrubamento, de desfeita. De tsunami da dereita. De caída dos gobernos de esquerda. E isto é certo se lemos, ou vemos, os medios de comunicación da "villa y corte" cando falaban das eleccións municipais, ou autonómicas, en parte do estado. A dereita e a extrema dereita fanse cos concellos de Sevilla, Valencia , Valladolid e Zaragoza e varias autonomías. En Galicia non pasou o mesmo.
No noso país medrou o PP e medrou o BNG. O PSOE baixou, pero non tanto. Vai conservar os concellos nos que viña gobernando, agás Santiago de Compostela que pasa ao BNG. Ferrol pasa ao PP coa singularidade de que dende o primeiro alcalde democrático, Jaime Quintanilla, nunca recuncou o mesmo alcalde. Vitoria para o PP doce no estado e amarga en Galicia.
Nos seguimos a ser distintos. A esquerda seguirá a gobernar nas cidades, agás Ferrol, e nas vilas importantes como Narón, Carballo ou Vilagarcía de Arousa. Ourense volve a mostrar a súa singularidade co medre de D.O. de Jácome cun medre do 21,5 ao 33,8%.
O único cambio salientable é o cambio na Deputación de Pontevedra, elección indirecta dun organismo que non ten sentido aínda que o PSOE e o BNG teñen máis votos na provincia que o PP priman os partidos xudiciais. Aínda así e todo darlle os parabéns ao PP por esta conquista que soubo traballar moi ben e que gañou pola perda de apoios do PSOE e BNG nos partidos xudiciais que lle dan o poder. Tanto Caballero e o PSOE, coma Lores e o BNG, deben de reflexionar porque pasan estas cousas. O PP fixo política local para acadar a Deputación. Eles está visto que non. A baixa de apoios de Caballero en Vigo de 18.700 votos menos. Do BNG en Pontevedra con 3.500 votos menos. A perda da alcaldía en Poio algo teñen que ver. Abel Caballero aínda que pense que el é único ten que empezar a facer contas, e tamén política real. Non sei de que se gaba cando en Vigo a abstención foi do 42.47 %.
A Boa Vila
No que refire a Pontevedra primeiro felicitarnos pola non aceptación da cidadanía dos xenófobos e negacionistas. Tamén pola desaparición da "copia" de Ciudadanos, onde estea un orixinal coma o PP que se quite a copia. Foi moi importante o ascenso do PP, con Rafa Domínguez ao fronte e tamén o do PSOE con Iván Puentes.
O PP recolleu os votos que lle tiña prestado a Ciudadanos e tamén os que viñeron da habilidade dos fontaneiros do PP de facer unha campaña española e non local. O PP quere demostrar que é un partido para todos, mais na confección das listas hai unha forte ligazón con determinados grupos que tamén provoca rexeitamento. Para min foi un descubrimento importante Guille Juncal, entende a política, entende o país, vexo con futuro na política, se non o estragan no camiño. Converteron Raíña Vitoria no eixe da súa campaña. Aínda que "picaron" todos os grupos entrando ao trapo, agás o BNG, non deu o resultado que pretendían
No caso do PSOE o tanto hai que apuntarllo a Iván Puentes. Nótase a súa experiencia política de cando foi alcalde. O pulso que lle botou a Lores cara o final do mandato á conta das inversións do estado foi duro e mantívose rexo. No seu debe está a metedura de pata con Raíña Vitoria xa que o PSOE votou a favor do realizado varias veces.
O BNG levou un forte aviso. Está claro que o carisma de Lores é o acerto do BNG. Isto lévaos a relaxarse. Na política no vale dicir : tomo nota. Non. Non se toma nota. Faise. O BNG perde dous asentos na corporación e non pasa nada. Pois si pasa. Si Lores é quen ten carisma é que alguén non gustan á xente nese caso alguén ten que irse. Seguramente hai xente que non vota BNG ao cansar de ver as mesma caras moito tempo. Non hai renovación. E iso escóitase na rúa. O BNG ten que aprender do que pasou en Poio se quere seguir gobernando en Pontevedra. Ten que renovar pouco apouco, por metades como fan algúns organismos. Perderon dous concelleiros pois que dimitan catro e que entre novo zume. Queda bonito dimitir cando se perden eleccións, mais queda mellor irse cando es un problema, e isto vale para o BNG e para todos.
En Pontevedra queda moito por facer.
Conclusións
No intre de escribir este artigo atópome en Reus desfrutando dos meus netos cataláns. O meu contacto coa Boa Vila é a través de Pontevedra Viva que leo no teléfono. Dende aquí, polo que leo, polo que vexo, o mundo político vese dende outra perspectiva. Vexo que os galegos votamos do mesmo xeito que os de aquí, que os vascos, ou que os canarios. Ou non. Temos a vantaxe, comparándonos con eles, que aquí Vox non existe, agás, un, en Avión.
Na dereita o PP segue a ser o PP, con todo o que isto leva. Unha maquinaria engraxada e unha militancia forte cunha boa renovación sobre todo baseada en determinados sectores económicos. O aparato do partido, aínda que duro coma os partidos da esquerda, sabe o que ten e onde buscar. Das outras dereitas non falo, en Galicia non existen.
Na esquerda vese pouca renovación de cadros. Listas envellecidas e fortemente controladas polo aparato. A ilusión do 15M, polas pelexas internas deles mesmos e a desaparición case total das mareas, foise perdendo e afectou a todos dende o PSOE ata o BNG.
As cousas non cambiaron moito. Dentro duns días teremos as nova corporacións municipais que vai ser moi parecido ao que había ata agora. Non lin nada sobre a presidencia da Deputación de Pontevedra e non sei cal vai ser o seu equipo rector.
As eleccións ao Parlamento Galego deben ser dentro dun ano, se non hai adianto. Hai país. Hai partido.