Francisco Varela Buela: A derradeira lección do mestre

15 de marzo 2022

O colectivo Capitán Gosende dedicaralle a novena lauda do Campo das Laudas á memoria de Francisco Varela Buela, o mestre republicano de Cerdedo

 

Calros Solla

 

Francisco Xerardo Varela Buela, fillo do médico cerdedés Manuel Varela Paz e de Encarnación Buela, naceu o 17 de agosto de 1890 en Forcarei.

 Francisco era irmán de Xosé Varela Buela, nado en Cerdedo en 1893. No ano 1914, Xosé emigrou a Arxentina, país no que asentou e do que non retornaría. Alén do seu devir profesional, Xosé Varela Buela forxou na Arxentina unha carreira literaria, enviando ao prelo a novela El maestro de Quiroza (1930) e o ensaio Vida al aire libre (El camping) (1937).

Baseándonos no libro Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo(Ed. Morgante, 2016), enfiamos a seguir uns apuntamentos biográficos do mestre republicano de Cerdedo. Valémonos do xenio de Castelao para darlle titulo a esta homenaxe (Galicia mártir, 1937).

Francisco Varela Buela obtivo o título de mestre superior en 1913, aos 23 anos de idade, estreándose como docente na escola de Albeos, parroquia do concello pontevedrés de Crecente. En Crecente casou con Dolores Caballero Méndez, filla de labregos acomodados, naturais da parroquia de Vilar. En 1917, Francisco Varela trasladou o seu maxisterio a Oia (Pontevedra) e, ao ano seguinte, ao Barco de Valdeorras (Ourense). No ano 1924 xa estaba exercendo en Cerdedo. Nun comezo, o matrimonio viviu de alugueiro nunha casa do barrio da Pedreira. Dende 1932, xa en propiedade, habitaron unha casa no fondo do lugar, ao pé da estrada de cara á ponte Valoutas, hoxe denominada rúa da Estrada, en cuxo baixo se instalou a chamada escola de don Paco (até 1936). Francisco (Paco) e Dolores (Lola) foron pais de Manuel (mestre), María Maruxa (mestra), Oliva (mestra) e Francisco Chito, dándolle principio a unha nutrida saga de profesores. Maruxa Varela Caballero e o seu home Antonio Rodríguez Casas, tamén mestre, puxeron escola en Cerdedo nos anos sesenta: Maruxa, no rueiro da Mina, e Antonio, na Outra Aldea, no baixo da que fora casa natal de Manuel Varela Paz.

Durante o período 1924-26, instaurada a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), don Paco exerceu de alcalde da localidade: Tiene el señor Varela virtudes engendradas en la fortaleza de ánimo e inspiradas por los sentimientos de honradez y justicia que le hacen merecedor del aprecio de todos los que en la sociedad sean hombres íntegros(El Pueblo Gallego, 12-6-1924). Francisco Varela cumpría as aspiracións rexeneradoras de seu pai Manuel Varela que, en 1922, presentara a súa candidatura anticaciquil á alcaldía de Cerdedo (Progreso, 23-12-1922). Porén, naquel concello pexado pola corrupción e o fanatismo relixioso, a probidade e o progresismo eran calidades inhabilitantes para o exercicio da política. Francisco Varela Buela abandonou o cargo por razóns de saúde, fastío ou desencanto.

Como profesional da educación, non se limitou a impartir clase, senón que, cos ventos favorábeis da República (1931-1936), don Paco entregouse á ardua tarefa de erradicar de Cerdedo a necidade e o analfabetismo. Foi membro fundador da Liga pro Cultura y Fomento de los Intereses de Cerdedo e do Centro de Colaboración Pedagógica de Cerdedo. Así mesmo, exerceu de delegado da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Vigo (UGT) en Cerdedo, A Estrada e Forcarei. De ideoloxía socialista, ampla cultura e dotado dunha brillante oratoria, a súa persoa encarnou a esencia dos valores republicanos.

No xornal El Pueblo Gallego do primeiro de novembro de 1932, debaixo do titular "Cerdedo. Acto civil", lemos:En la inmediata parroquia de Castro, en este municipio, se celebró el acto de conducir civilmente a su última morada al que en vida fue gran propagandista de los ideales republicanos, don José Gómez. Al acto, que resultó grandioso, asistieron representaciones de los centros republicanos, socialistas y agrarios de este ayuntamiento y los limítrofes, en número de un millar. Una vez en la necrópolis, el maestro don Francisco Varela Buela dio las gracias en sentidas frases a todos los concurrentes por la asistencia a rendir el último tributo al amigo y en un bello canto de amor a la República hizo resaltar la importancia del laicismo del Estado, único medio de poder ejercer los ciudadanos con libertad de conciencia sus ideales.

Man a man, a Liga pro Cultura y Fomento de los Intereses de Cerdedo e o Centro de Colaboración Pedagógica de Cerdedo impulsaron unha activísima sinerxía aconfesional e posibilista. Na dirección do Centro de Colaboración Pedagógica de Cerdedo, integrado por mestres partidarios da nova escola, destacaban Francisco Varela Buela e a secretaria Obdulia Fortes Palmeiro. A mestra dona Obdulia, moi dada ao canto e ao teatro, deixou bo recordo entre os cerdedeses de posguerra polo seu natural dinámico e emprendedor.

Empregando o sistema das charlas itinerantes, o Centro de Colaboración Pedagógica de Cerdedo desenvolveu un ambicioso proxecto educativo dirixido tanto a fomentar a escolarización das crianzas, coma a ilustrar os adultos en temas de hixiene, novas técnicas agrícolas, cooperativismo, etnografía... Verbigracia, o semanario pontevedrés El Noticiero Gallego (4-4-1934), baixo o titular "Actos culturales", publica: El Centro de Colaboración Pedagógica de Cerdedo acordó, en la reunión últimamente celebrada, continuar dando conferencias culturales en los pueblos de este término. El día 18 de los corrientes [de marzo] tuvo lugar en Vilar el anunciado acto ... Don Francisco Varela Buela, con palabra amena y grandilocuente, dio su conferencia sobre "La siembra y cultivo del maíz", siendo su actuación premiada con nutridos y prolongados aplausos...

As mestras e os mestres da República afanáronse en inculcarlles aos pais cerdedeses a importancia da educación (cumpría que os nenos e nenas acudisen diariamente á escola); puxeron en práctica unha pedagoxía estimulante e igualitaria; fomentaron o orgullo pola nosa lingua e pola nosa cultura; avogaron polo sector primario, cerne da nosa economía e promocionaron o cooperativismo fronte ao minifundio estrangulador. Pola contra, o franquismo imporía a relixión punitiva, o autoodio, o castelán, a emigración e os eucaliptos.

Mens sana in corpore sano. En El Pueblo Gallegodo 30 de maio de 1934 atopamos a Francisco Varela Buela integrando a Comisión pro-campo de deportes de Cerdedo. Don Paco e Francisco Varela Garrido Pancho, o seu discípulo e correlixionario, son nomeados vogais da dita comisión, encargada da construción do campo de fútbol do Sangal.

Durante o Bienio Negro, Francisco Varela Buela figura á fronte da directiva da Agrupación Socialista de Cerdedo. Varela Buela asume a vicepresidencia dunha formación política presidida polo carpinteiro Xosé Torres Paz (El País, 5-2-1935). Falanxistas cerdedeses asasinarán a Torres Paz o 11 de agosto de 1936.

Legalizado o matrimonio civil (28-6-1932), Francisco Varela Buela canda Francisco Varela Garrido, cargos públicos do Concello, exercen de testemuñas dos novos enlaces en Cerdedo. No xornal madrileño Heraldo de Madrid (1-2-1936), debaixo do titular "Matrimonios civiles en Pontevedra", quedou constancia desta conquista social. Varela Buela e Varela Garrido serán as cabezas visíbeis, os motores dun cambio de rumbo, amplamente apoiado polo pobo cerdedés.

Tras a sublevación militar (18 de xullo de 1936), Francisco Varela Buela colaborou con Francisco Varela Garrido na organización da resistencia antifascista en Cerdedo. Ambos os dous tiñan ao seu cargo a secretaría do concello. O día 20 de xullo, Pancho Varela, nomeado delegado gobernativo, pediulle a don Paco que redactase a máquina o bando que decretaba o estado de alarma e que expedise os recibos de requisa de armas, co obxectivo de xuntar unha partida de milicianos que acudise a Pontevedra en defensa da legalidade democrática.

No pasar dos días, Francisco Varela Buela será detido pola Garda Civil de Cerdedo e encarcerado nas dependencias municipais. Contan que, horas antes, o camarada Severino Bugallo, Severinodo Forno, fóra á súa casa para advertilo ("Vannos matar, don Paco!"), recomendándolle que fuxise con el. Don Paco declinou o ofrecemento, xa que non era consciente de ter cometido delito ningún. O 8 de setembro de 1936, o comandante Xosé Freijanes Freijanes tómalle declaración a Varela Buela. O mestre recoñeceu que dende había tres anos pertencía ao Partido Socialista, formación na que desempeñaba o cargo de vicepresidente.

A Garda Civil de Cerdedo esixiulle a Dolores Caballero que entregase as armas do seu home, que, por suposto, non posuía. Lola de don Paco viuse obrigada a pedir un empréstimo e adquirir unha pistola en Cachafeiro para entregala no cuartel. Ben seguro, esta valente decisión evitou que o mestre fose "cuneteado" polos falanxistas locais.

Xulgado así e todo por rebelión canda o compañeiro Pancho (causa 1.306/36), don Paco foi depurado do maxisterio en agosto de 1936, procesado en consello de guerra e condenado a cadea perpetua o 16 de abril de 1937 (angustiosamente, a sentenza non se confirmaría até finais do mes de xuño), causando baixa definitiva no escalafón de Maxisterio o 12 de maio de 1940. Sometido a Expediente de Responsabilidades Políticas e suspendido de emprego e soldo, viuse obrigado a aboar unha multa de 400 pesetas (en 1935, o soldo dos mestres ascendía a unhas 3.700 pesetas anuais). O mesmo tribunal condenaría a Pancho Varela Garrido á pena de morte.

De primeiras, Varela Buela padeceu cativerio en Cerdedo, despois en Pontevedra (na prisión da Normal) e a seguir, no campo de concentración da Illa de San Simón. Visitalo supuña ir camiñando dende Cerdedo até o peirao redondelán de Cesantes (uns 100 km ida e volta), para alí tomar o barco á illa. Durante a súa reclusión, a familia foi vítima de extorsión por parte do inspector provincial das prisións de Pontevedra e director do penal de San Simón, o carlista Fernando Lago Búa. O historiador Xosé Álvarez (anosdomedo.blogspot.com) explica o macabro sistema de "sacas": extorsionaban a presos facéndolles crer que estaban nas listas para "pasear" e que con determinadas cantidades de diñeiro poderían influír para evitalo. O corrupto carcereiro, que acabaría sendo procesado e fusilado, seica lles esixiu 23.000 pesetas.

O calvario delongouse. Tras a sentenza condenatoria, Francisco Varela Buela foi trasladado ao penal de Burgos. Mentres permaneceu neste cárcere, ocupouse en alfabetizar aos outros reclusos, gañando entre a poboación carceraria o alcume do Gramático. Liberado do penal burgalés, seguirá redimindo a súa condena nun batallón disciplinario nas minas de volframio de Fontao (Silleda). Encargado da vixilancia da explotación mineira, don Paco, persoa honesta, impedirá o roubo de mineral, poñendo en risco a súa vida ao persistir nunha actitude refractaria ao suborno: roubar e roubar. Outros terían aproveitado a oportunidade para enriquecerse.

Francisco Varela Buela acadou a liberdade vixiada o 21 de febreiro de 1944. Aínda se lle concederá o indulto total o 22 de outubro de 1946. Púñaselle fin a unha década de martirio.

No ano 1944, Francisco Varela Buela, con 54 anos de idade, pasa a exercer de mestre particular en Campobecerros (Castrelo do Val) e mais en Lubián (provincia de Zamora), póndolles escola aos fillos dos carrilanos da empresa MZOV, contratados polos Cachafeiro de Cerdedo. Pouco despois, instalada a familia na cidade de Ourense (no barrio da Ponte), don Paco proseguiu a instrución dos fillos de Ramón Cachafeiro Varela.

Desposuído a perpetuidade do título oficial de mestre, mais mantendo intacta a súa vocación e firmes o seu ideario e conviccións, regresou a Cerdedo arredor do ano cincuenta e, discretamente, auxiliou a súa filla Maruxa e ao seu xenro Antonio no labor docente (entre outras materias, don Paco dominaba o latín, o francés...). En palabras da súa neta Mª Xosé Lozano, a familia Varela educou aqueles rapaces cuxas familias non tiñan para pagarlle ao mestre Caramés (alférez provisional ou "opositor patriótico") ou aqueloutros cuxos pais se opuñan ao castigo físico como método de ensinanza. En paralelo ao sistema educativo da ditadura, un grupo selecto de cerdedeses formáronse con don Paco ao rescaldo da escola republicana. Na década dos sesenta, acompañando a súa filla Oliva, mestra en Vilariño de Conso (Ourense) durante catro anos, don Paco organizou, de balde, unha escola de de noite, para aprenderlle a ler e a escribir a quen o precisase. Pulsión vital do mestre: "Ensinar ao que non sabe".

En Cerdedo, a familia Varela-Caballero saíu adiante a por de sacrificio e privacións. As mulleres da casa eran moi amañadas e habelenciosas (boas costureiras) e espremeron a escaseza para luciren sempre con decoro e pulcritude, espelindo a envexa do "facherío" que as acusaba de beneficiarse do "Socorro Rojo". Por se sobrevivir non fose abondo, tres dos catro fillos de dona Lola e don Paco lograron con esforzo e tesón a titulación de mestres. Don Paco non percibirá unha pensión até despois da morte de Franco, xa con 85 anos de idade. O mestre falecería seis anos despois.

Francisco Varela Buela foi exemplo en Cerdedo de tolerancia e convivencia. Varela Buela nunca falou mal de ninguén. Esta vítima da barbarie e da intolerancia sublimou o resaibo da inxustiza coa lectura, o estudo e os paseos en solitario, blindándose da crúa realidade ao abeiro dos seus pensamentos, propios dun espírito idealista e soñador. Don Paco nunca perdeu a esperanza e sempre confortou a amigos e familiares, apelando ao inexorábel péndulo da historia: "Tende paciencia, xa virá a volta...". Coñecedores da súa valía, os mestres das aldeas dos arredores víñanse aconsellar á súa casa, e os vencedores xamais ousaron amolalo, pois eran conscientes da superioridade dialéctica e moral do mestre. O escritor Patrick Rothfuss enumerou unha tríade temíbel: a tormenta no mar, a noite sen lúa e a ira do home pacífico. Ocultándose na rexouba, un mestre "condecorado" de Cerdedo quixo denigrar a don Paco, dicindo del que, de primeiras, fora Sancho el Bravo e despois Sancho el Fuerte, pero que ao final quedara en Sancho Panza. O sabio Sancho Panza dixo: "Detrás da cruz está o diabo".

Francisco Varela Buela faleceu en Cerdedo o 4 de outubro de 1981. Os seus restos mortais e mais os da súa muller Dolores Caballero Méndez (7-6-1989), os do seu xenro Antonio Rodríguez Casas (30-1-1994) e os da súa filla María Varela Caballero (26-12-2012) repousan no cemiterio de San Xoán de Cerdedo.

O colectivo Capitán Gosende prácese en comunicarlles que, en breve prazo, fincarase no Campo das Laudas das Raposeiras (Meilide) un novo monólito. A novena lauda rescatará do esquecemento e honrará a memoria do mestre republicano Francisco Varela Buela, paradigma do home bo, culto, digno e xeneroso, e por tal, vítima da represión fascista en Cerdedo. Nós non esquecemos.

 

A familia Varela-Caballero recén chegada a Cerdedo (arredor do ano 1924).

Dolores Caballero e Francisco Varela Buela (arredor do ano 24).

Fotografía familiar (arredor do ano 47).

Francisco Varela Buela, arredor do ano 47, ao pouco de recuperar a liberdade.

Francisco Varela Buela (fotografía do ano 1978).

O Campo das Laudas (Meilide-Cerdedo).

O mestre Francisco Varela Buela (ano 1914).

Os Varela viviron nesta casa da rúa da Estrada (Cerdedo). No baixo, don Paco puxo escola.