Amadeus é un filme do autor checo Miloš Forman, estreada en 1984. Conta a vida do compositor austríaco Wolfgang Amadeus Mozart desde a perspectiva do seu contemporáneo, o véneto Antonio Salieri.
Mirei por vez primeira esta película en 1998, en 1º de BUP, para a materia de Música. Daquela non entendín nin papa. E decidinme a vela de novo logo de escoitar a Manuel Lourenzo napresentacióndo seu libroCeiba de Luz. Lourenzo comentou que tiña a impresión de que no seu libro non se podía quitar texto, pois tiña as palabras necesarias. E explicou que na película, o emperador Xosé II de Habsburgo lle dicía a Mozart que a súa ópera tiña demasiadas notas.
O filme está baseado na obra de teatro Amadeus, de Peter Shaffer, á súa vez inspirada no relato Mozart e Salieri, que o ruso Alexander Pushkin escribira en 1830, cinco anos despois da morte do italiano. Miloš Forman asistiu á representación da obra de teatro, e decidiu facer a adaptación cinematográfica. O filme acadou oito premios Oscar: ao mellor filme, mellor director, mellor actor (F. Murray Abraham como Salieri), mellor guión adaptado, banda sonora, dirección artística, vestiario e maquillaxe.
A película está pragada de -digámolo así- licenzas creativas. Son numerosas as discrepancias cos feitos reais, pero o relato de ficción creado ten empaque. Algo similar fixo Forman na película Los fantasmas de Goya. O filme que máis me gusta do director é Alguén voou sobre o niño do cuco, a adaptación de Ken Kesey.Teño ganas de ver algunha das comedias que fixo na súa primeira época en Praga. Foi nesta cidade onde se rodou Amadeus, agás as escenas do palacio que foron tomadas en Salzburgo.
En xeral son bastante de reler libros e volver mirar filmes, pois sempre se fai unha lectura distinta. Abofé que foi así neste caso. Agora sei quen son Leporello, Papageno, e a raíña da noite, por exemplo(mágoa que se deixase de celebrar o Festival Mozart na Coruña. Asistir á representación deDie Zauberflötefoi un praceres enorme). E ao ver filmes, ao igual que ao ler libros ou ver series, gústame darlle ao botón de pausa para consultar algunha dúbida na miña querida Wikipedia.
O filme iníciase expoñendo a Salieri como un home resentido con Cristo. O cristianismo, e en concreto o catolicismo, ten un papel moi marcado ao longo do filme. Tanto Mozart como o seu pai eran protexidos do arcebispo de Salzburgo, Hieronymus von Colloredo. E nese contexto comeza a verse a importancia da relación entre Mozart e o seu pai,que culmina co papel do Comendador na ópera Don Giovanni.Non sempre foi fácil a relación dos artistas cos seus pais. Velaí, como exemplo, o caso deSalvador Dalí.
É importante tamén comprender a situación política do momento.Por que o arquiduque Xosé II non quería a influencia francesa dos ballets nas óperas?Por que a lingua alemá, a que usaba o pobo, non se consideraba correcta para unha ópera?
Boto de menos que non aparecese Lorenzo da Ponte, autor dos libretos de tres das óperas de Mozart, e figura que me parece moi curiosa e digna de adicarlle unha película.
O final é fabuloso, con Salieri no psiquiátrico no que está recluído falándolle ao sacerdote que o atende, e despois dirixíndose aos seus compañeiros de sanatorio:
"I will speak for you, Father. I speak for all mediocrities in the world.
I am their champion. I am their patron saint”.
“Mediocrities everywhere... I absolve you! I absolve you!
I absolve you all!"