Eu non quero ser Paco

25 de marzo 2024
Actualizada: 18 de junio

Eu non son Paco. Nin quero selo. Se estiveches na charla de Mariola Cubells en As Mulleres que Opinan Son Perigosas saberás de que falo. Seguro que riches e reflexionaches moito á conta de todos os Pacos do mundo e dese atrevemento masculino que fai que se erixan en catedráticos dos temas máis variados sen ter lido nin unha liña da materia

Eu non son Paco. Nin quero selo. Se estiveches na charla de Mariola Cubells en As Mulleres que Opinan Son Perigosas saberás de que falo. Seguro que riches e reflexionaches moito á conta de todos os Pacos do mundo e dese atrevemento masculino que fai que se erixan en catedráticos dos temas máis variados sen ter lido nin unha liña da materia. Se non te pasaches polo Teatro Principal de Pontevedra e non te contaxiaches da sororidade que cada ano trae este foro de mulleres columnistas, explícoche en poucas palabras quen é Paco porque seguro que atopas homes coma el a moreas a diario. É o nome que Cubells lle deu a todos aqueles que non dubidan nin por un minuto de si mesmos, que se cren capaces de todo o que se propoñen e tiran para adiante aínda que lles pidan dar unha conferencia de física cuántica sen plantexarse que, sendo administrativos, igual non teñen nin idea do que van falar.

A que agora sabes de que che falo? Paco non ten nada que ver con Paca, con esas mulleres que todo o dubidan, que se cuestionan a súa valía a cada paso e que, aínda que sexan a maior especialista do mundo en física cuántica, rexeitan impartir esa conferencia porque poida que, nalgún lugar remoto e descoñecido, alguén saiba o mesmo do asunto. Somos Paca todas aquelas que, nalgún momento, ou mesmo varias veces cada día, sufrimos a eterna síndrome da impostora e sempre pensamos que se collemos o micro diante ese auditorio de científicos, estamos a ocupar un lugar que non nos pertence. 

Escoitando a Mariola Cubells déuseme por pensar que igual me ía mellor na vida se era un pouco máis coma Paco e deixaba atrás ás dúbidas e inseguridades para atreverme con todo. Vivo nos últimos tempos un proceso de reflexión interna no que empecei a coidar unha saúde mental que durante demasiados anos deixei de lado e, na procura da mellor forma de coidarme e de ser feliz, poño en cuestión todo o aprendido. Imaxinarás que pensar en Paco me deu para moito. E así foi. Pensei niso durante varios días, mesmo de forma obsesiva. Ata que, de repente, me dei conta. Non, eu non quero ser Paco. 

Non é que non queira un pouco do seu atrevemento ou da súa seguridade en si mesmo. Claro que me gustaría deixar de dubidar da miña valía de xeito regular. Pero non ata tal punto de ser Paco. Creo que as mulleres temos que ocupar o lugar que merecemos, empezar a dar pasos e non deixar que a indecisión ou o medo ao fracaso nos free, pero creo tamén que temos que manter esa dúbida constante porque é a que nos fai ser nós mesmas. 

A igualdade non chegará o día que todos sexamos coma Paco e vaiamos pola vida coa invulnerabilidade e a confianza con bandeira. Estaremos no bo camiño cando, sen deixar de poñer en cuestión todo, nos deamos conta do que valemos e o que podemos achegar. Cando asumamos que, como mulleres, somos tan válidas coma calquera home, pero diferentes. Cando non renunciemos a ser quen somos e nos deamos conta de que a nosa visión do mundo non é peor e a nosa maneira de enfrontarnos á vida é valiosa para mellorar a sociedade. Ese día, cando deixemos de querer ser Paco e nos interioricemos que sendo Paca tamén nos pode ir ben. 

Pero as mulleres, aínda que poidamos facer moito por esa igualdade, non temos todo nas nosas mans. Soas non poderemos lograr esa igualdade. Por suposto, esa sociedade igualitaria que anhelamos chegará cando o feminismo logre que Paco deixe de ser Paco e sexa un pouco Paca e cando deixe de premiarse a mediocridade disfrazada de autoconfianza para que sexa Paca a que ocupe o lugar que merece. 

Ese día, cando nós confiemos máis e eles dubiden máis, estaremos polo bo camiño.