Etiquetas, Ministra, Feijóo, 8 de marzo

08 de marzo 2018
Actualizada: 18 de junio 2024

O Goberno de Feijóo non é paritario (son 4 mulleres e 7 homes contando ao Presidente da Xunta). Os orzamentos da Secretaría Xeral de Igualdade téñense reducido nun 60% dende 2009. Hoxe hai menos emprego feminino segundo a Enquisa de Poboación Activa

Onte mesmo a Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Goberno de Mariano Rajoy dixo, cando era entrevistada nunha emisora de radio escoitada por millóns de persoas en España e cando lle preguntaron se ser feminista era unha etiqueta: "Las etiquetas no me gustan, me defino como una mujer que defiendo los 365 días al año la igualdad real y efectiva. A mí no me gusta que me pongan esta etiqueta. Yo soy una mujer que defiendo con la misma intensidad tanto la igualdad como la libertad".

Se esta resposta viñese do titular da carteira de Finanzas dun país do terceiro mundo do século XIX -por exemplo- podería, non se compartir, pero si se entender. Mais vindo da Ministra responsable de Igualdade dun país europeo do século XXI é unha obscenidade e un insulto a todas as mulleres feministas que teñen dado ata a súa vida loitando polo dereito á Igualdade. E o malo é que en Galicia non estamos mellor. Só fai falla fixarse nas declaracións do voceiro do PP dicindo que a folga do 8 de marzo é o máis machista que pode haber.

Porque o Goberno de Feijóo non é paritario (son 4 mulleres e 7 homes contando ao Presidente da Xunta). Os orzamentos da Secretaría Xeral de Igualdade téñense reducido nun 60% dende 2009. Hoxe hai menos emprego feminino segundo a Enquisa de Poboación Activa. Hai catro mulleres por cada home na contratación a tempo parcial. A fenda salarial segue en case o 23% en todos os tramos de salario e idade, tanto que nos salarios máis baixos, as mulleres terían que aumentar un 92% os seus ingresos para equipararse aos homes. Non hai plans de igualdade nas empresas públicas -e é unha obriga legal-. Só o 27% das directivas son mulleres no sector privado e están infrarrepresentadas nas directivas das sociedades e entes autonómicos. Pese a que sobre o 70% das traballadoras de Xustiza son mulleres e o 64% das persoas da xudicatura menores de 50 anos son mulleres, ningunha das 5 Salas do Tribunal Supremo está presidida por unha muller e tampouco o Tribunal Constitucional. E en Galicia practícanse menos do 10% dos abortos demandados polas mulleres porque as trabas do SERGAS as obriga a buscar centros concertados (privados) en Madrid.

Con estes datos, seica ser feminista é unha etiqueta e todo se resolve co anuncio por Feijóo hoxe mesmo dun Plan de Conciliación e Corresponsabilidade. Mágoa que os datos sexan teimudos, así que , polo momento, tocar parar hoxe e manifestarse. Eu paro o 8 de marzo.