Ence fóra da Ría

28 de junio 2023
Actualizada: 18 de junio 2024

Un ano máis fomos convocados a marchar desde Pontevedra e Marín para denunciar a presenza desta industria contaminante e exixir o seu desmantelamento

Un ano máis fomos convocados a marchar desde Pontevedra e Marín para denunciar a presenza desta industria contaminante e exixir o seu desmantelamento.

Seguimos insistindo en que Galiza non precisa de empresas de enclave que veñen espoliar os nosos recursos naturais deixándonos como único "beneficio" a contaminación das nosas rías e ríos e os nosos montes convertidos nun enorme eucaliptal.

A implantación de Ence na ría implicou, en toda Galiza, un modelo forestal baseado no monocultivo do eucalipto, unha especia foránea e invasora que propicia as vagas de lumes que padecen os nosos montes. Afectou á xestión tradicional do monte propiciando o seu abandono, convertendo as terras de cultivo e os prados para o gando en eucaliptais para maior beneficio desta empresa.

A política forestal ditada por Ence, implantada pola Xunta, ou a invasión eólica que padecen os nosos montes e mares son hoxe a principal ameaza para o futuro do pobo galego. Galiza necesita outro modelo produtivo máis respectuoso co medio e a saúde. O actual baseado na explotación intensiva dos recursos naturais, e que deixa unha enorme pegada ecolóxica, non é sostíbel.

Ence é unha mostra de como o franquismo continua enquistado e máis presente que nunca na estrutura económica do estado español, e como seguimos sendo usados para producir materias primas, enerxía, man de obra e alimentos baratos.

Estamos ante unha empresa que conta co beneplácito e a complicidade do estado español: gobernos, patronal, sindicatos, xudicatura... A recente sentenza do Tribunal Supremo ven a confirmar esta afirmación, e ven sumarse aos cambios na lexislación e o trato de favor que recibiu esta empresa.

Pese a sentenza do Tribunal Supremo continuaremos loitando e demandando o desmantelamento do complexo Ence-Elnosa da ría como o primeiro paso necesario para recuperarmos medioambientalmente o espazo que agora ocupa para o uso da veciñanza, o desenvolvemento do marisqueo e outras actividades socioeconómicas, culturais e recreativas máis respectuosas co medio.

Nin celulosas en Pontevedra, nin celulosas en Lugo.

A historia pode repetirse. Resulta preocupante a intención da empresa Altri, co beneplácito da Xunta e o apoio unánime dos partidos presentes no Parlamento Galego, de instalar unha nova celulosa en Lugo para producir "biofibras".

A implantación desta empresa multiplicará os efectos perniciosos que hoxe xa provoca ENCE, e implicará un incremento da superficie forestal de eucaliptos, afectando negativamente, aínda máis, a capacidade produtiva do agro galego.

Altri é unha empresa que xa ten experiencia neste tipo de industrias, e ten sido acusada de contaminar de forma recorrente o entorno acuático e atmosférico.

Necesitamos un futuro distinto, que algúns se empeñan en negar, e ten que vir da man da explotación racional das infinitas potencialidades da Ría e da diversificación dos usos dos montes da comarca, hoxe estragados pola política forestal deseñada pola Xunta en beneficio exclusivo de ENCE.

Trátase de recuperar o noso medio pero, tamén, un modelo económico máis xusto e equitativo que posibilite a creación de numerosos postos de traballo en actividades hoxe impedidas pola presencia da fábrica en Lourizán.

Para acadar isto non podemos confiar só no xustiza ou nas decisións políticas, necesitamos revitalizar a mobilización social xa que é o noso mellor instrumento para sacar a celulosas da Ría.