A historia de ENCE é un reflexo da recente historia do estado español, do franquismo ao réxime do 78. Foi unha fábrica imposta pola forza por unha ditadura e que se vai manter na ría por unha sentenza dunha xudicatura que da noite á mañá converteuse en "democrática".
Unha vez máis a xustiza é torta. Mira para a dereita e dálle a razón a que non a ten. Porén, non é nada anormal, non nós levemos a engano. Quen manda nun sistema capitalista é a burguesía. A división de poderes entre lexislativo, executivo e xudicial só é un lema propagandístico para enganarnos. Non existe a separación, só hai un poder, o poder do capital. Vímolo moi claro durante estes anos no maltrato xudicial a galegos, vascos e cataláns, a represión a artistas e rapeiros, mentres políticos e empresarios corruptos desfrutaban e desfrutan dunha xustiza benevolente e comprensiva. Estámolo a ver.
Con esta sentenza teremos que aturar, se non o impedimos, moitos anos máis de cheiros e fumes, de contaminación da ría. Os nosos montes seguirán transformándose en grandes latifundios de eucaliptos. ENCE continuará ditando a política forestal da Xunta e recibindo trato de favor, sen pagar terreo, sen pagar a auga e pagando impostos en Madrid.
Mais non só temos o problema de ENCE e a súa política forestal. Galiza vai ter que enfrontar novas agresións ao seu territorio para satisfacer as necesidades enerxéticas de outros. Da man da Unión Europea, o estado español e a Xunta os nosos montes e os nosos mares vanse inzar de muíños de vento.
Xa teñen planificado o noso futuro sen contar con nós. Van converternos nunha enorme central eléctrica e nun inmenso latifundio de eucaliptos, van desmantelar o noso sector pesqueiro prohibíndonos traballar e van facer inviábel a vida nun rural arrodeado de eólicos e eucaliptos.
Coa escusa da implantación de enerxías "limpas e verdes" para diminuír a contaminación atoparon un novo nicho de negocio onde especular e seguir chuchándonos. Alguén pensa que detrás dos eólicos, o hidróxeno verde e as placas solares está o interese en salvar o planeta? Alguén cre que os especuladores están interesados no medio ambiente? O negocio, só miran no negocio e na forma de seguir gañando cartos.
Promoven o falso ecoloxismo nos anuncios de televisión mentres desfán os nosos montes afectando á flora, á fauna e ao modo de vida das persoas que viven no rural galego. Pretenden arrasar os caladoiros de pesca para colocar enormes plataformas flotantes con muíños de vento sen importarlles o futuro de miles de postos de traballo reais.
Véndennos a moto dos postos de traballo con titulares maliciosos nos medios. "Galicia crecerá en la eólica marina con barcos auxiliares, cableado y logística". Cada vez que nos queren meter un gol e colarnos un proxecto prexudicial para os intereses do pobo galego véñenos coa milonga dos postos de traballo, como os inexistentes cinco mil de ENCE.
Canta xente traballa nun parque eólico? Dous de mantemento e os oficinistas de Madrid que controlan o seu funcionamento. Coa eólica mariña vai pasar o mesmo. Traballo na construción dos parques e despois o mesmo, dous nunha lancha a controlar os muíños e os de Madrid a prendelos e apagalos.
E os beneficios? E a electricidade producida? A onde van ir? Xa sabemos a resposta, a Madrid. E Madrid é sinónimo de fondo de investimento e paraíso fiscal. Galiza é como un país africano colonizado por europeos, Galiza é unha colonia de España. Producimos eucaliptos, electricidade e man de obra para encher á metrópole.
Mais vale sós que mal acompañados, de España e a Unión Europea nin as flores.