En qué país vivo?

10 de marzo 2024
Actualizada: 18 de junio

En qué país vivo?. Moitas veces fágome esta pregunta, unha e outra vez, coma un mantra, á espera de que alguén me conteste. Pero eu mesmo, con estas liñas, voume contestar. Vivo nun país onde se trafica co emprego, marcado polas relacións clientelares, onde prima máis "a quén coñeces" que non "o qué coñeces"

En qué país vivo?. Moitas veces fágome esta pregunta, unha e outra vez, coma un mantra, á espera de que alguén me conteste. Pero eu mesmo, con estas liñas, voume contestar. Vivo nun país onde se trafica co emprego, marcado polas relacións clientelares, onde prima máis "a quén coñeces" que non "o qué coñeces". Non compensa o pleno emprego, xa que si houbera pleno emprego non se podería traficar de xeito tan amoral co emprego, e as posibilidades das elites de tódala vida de seguir disfrutando do seu manexo das relacións clientelares mermarían de xeito considerable. España é un país enormemente rexido polas relacións de clientela, o historiador Claudio Sánchez Albornoz, destacaría na súa monumental obra España. Un enigma histórico, como uns dos factores do carácter español a devotio ibérica, por medio da cal os líderes pre-romanos hispánicos dotábanse de toda unha de seguidores que preferían morrer antes que traizoar a aquel reiciño… é esta devoito ibérico o estado primixenio do clientelismo?.

Se houbera pleno emprego non terían sentido os "enchufes" e as promesas  de colocar o teu fillo, a túa parella ou a túa sobriña por favores políticos. Eu conseguira unha bolsa de investigación para catro anos na institución provincial, dous anos despois xa estaba fóra, expulsado por motivacións ideolóxicas. Podería ser que renunciara a unha bolsa de tres anos para poder disfrutar dunha de catro anos, eu asinara por unha bolsa de catro anos, pero cambiaron ás bases da bolsa e mas aplicaran con carácter retroactivo. Todo ten sesgos de ser ilegal, ou canto menos irregular, e débenme dous anos de bolsa, eu así llo expliquei á corporación provincial, e sigo agardando resposta.

Somos un país metido en Europa pola parte de atrás cando os baremos culturais, económicos e sociais non o permitían. De aí os desfases dos informes PISA respecto outros países da comunidade europea. E é que o nivel intelectual do español medio está moi por debaixo da media europea. Obviamente hai excepcións, pero son iso, excepcións, pero o nivel de leitura dun alumno español universitario é o dun alemán de primaria, debido a infantilización de contidos nas escolas e institutos e o golpe de Estado dos psicopedagogos quitándolle atribucións ós educadores que non teñen liberdade á hora de elixir contidos. A miña nai sempre dime que nos seus tempos lían unha e outra vez ó Quixote, a día de hoxe os xóvenes non se atreverían con tal obra, buscando a brevidade dun video de Tit Tok. Eu tiven no instituto Valle-Inclán a excelentes profesoras de literatura, gardo delas un grato recordo, xa que ademais da leituras obrigadas, che animaban a ler, a reler ós clásicos unha e outra vez. Teño igualmente grato recordo do profesor de lingua e literatura na EXB no colexio Froebel, aquel Don Eloi que nos daba o venres clases de Historia de Galicia seguindo como manual A Historia do gran Ramón Villares, que fai unhas semanas tivemos o pracer de escoita-lo no Museo de Pontevedra. Eran unhas "clases extra", xa que dentro da asignatura non estaban tales contidos, contidos que a min aportáronme moito (xa daquela quería estudiar Historia). A día de hoxe iso é impensable, xa que os profesores non poden decidi-los contidos.

As sucesivas reformas educativas, cada goberno con cadansúa, non fai máis que afundir ás expectativas dun saneo eficiente do nivel de coñecementos dos nosos alumnos e alumnas e buscan sempre primar o ideolóxico para crear un viveiro de votos no futuro e que os de sempre sigan gobernando tras "gañar" unhas eleicións ás cales acuden dopados.

O nivel é paupérrimo, pero non se pode esperar máis dun país onde un alto cargo público expresa de xeito público que as raíces cadradas non valen para nada, está claro que a esta persoa non lle valeron para acadar unha secretaría xeral. Repártense ministerios e secretarías xerais en función de a quén votara cada un nas primarias de cada partido, sendo a obtención dun cargo e dunha prebenda pública un amoral mercadeo de devolución de favores confundindo o espazo público co privado e á viceversa. E os que viñeron co ánimo de rexenerar este país, enganando a moitos, entre eles a este que escribe estas verbas, convertéronse non máis feroces depredadores de prebendas e de criticar á "caste", convertéronse na "requetecaste".

Os niveis de corrupción neste país son alarmantes, pero non deriva en actuacións da fiscalía, xa que hai unha tendencia á legalización da corrupción cunha total dependencia do poder xudicial ós poderes políticos, e unha sumisión dos poderes políticos a uns intereses económicos dunhas elites que viven nunha torre de marfil alleos ós problemas da cidadanía e vendendo fume, fume que volveremos a mercar, e que tragaremos de xeito pasmoso.

En canto o nivel intelectual deste país, só hai que ver que o ano pasado suspendeuse en Pontevedra é representación de Il barbeirie di Seviglia de Rossini, cando o Pasarón se encheu para ver unha selección femenina de futbol, que, por certo, perdeu. O panen et circenses da antiga Roma hoxe se converteu no "futbol e tetas", nunha sociedade anestesiada, durmida, sedada, que da brincos de alegría cando a súa equipa de futbol mete un gol pero que non se rasga as vestiduras cando na prensa pode ler que España está á cola en todo o bo en Europa, e en cabeza en todo o malo. Pero non pasa nada, españolitos e españolitas, xa que a selección de futbol femenina gañou o mundial e iso converte a España no número un de Europa, é máis, do mundo, do universo. E é certo, somos o número un, número un de palurdos e cazurros.

Fai tres anos que me prometeron a publicación do meu traballo de investigación sobre o exército romano, un traballo froito de anos de leituras e de cotexo de fontes literarias, arqueolóxicas e epigráficas. Pasaron tres anos, e seguen a darme longas, de xeito reiterado. O mesmo destino o teñen as miñas obras sobre a historia medieval de Pontevedra, a cal en reiteradas ocasións tentei que se publicaran, renunciando incluso ós dereitos de autor e a cobrar un so peso. O servizo de publicacións da institución provincial nen me contesta. Non hai interese algún en publicar os meus estudios e investigacións. Si en troques de chamarme Xerardo Torrado, levara o nome dalgún "influencer", ou algunha personajilla da caixa tonta, xa tería ás editoriais petando a todas horas na miña porta e pelexando entre elas para tela exclusiva da publicación de calquiera sandez que vomitara. Coparía os estantes das librarías das novidades, mentres os meus libros non chegan nen á trastenda, xa que non se dan nen impreso.

Fai anos había un programa de televisión que levaba o título de "Este país merece un repaso". E é certo, o merece de xeito urxente. Cando os franceses decían que "África comeza nos Pirineos" o decían polo carácter atrasado de España, que perdeu o tren da modernidade e chegou tarde a tódolos proceso revolucionarios, preferindo ós borbóns que á modernización. Cando escoito a unha tropa de catetos vitorear ó emérito nas súas visitas a Sanxenxo, agardando horas á intemperie ata que pase o susodicho para berrar hurras, vivas e axitar bandeiriñas de España eu pregúntome si esa xente é realmente tan favorecida polas actividades desas elites que se teñan que mostrar tan agradecidas, diría máis, sumisas.

As dúas forzas políticas principais deste país non teñen interese en rematar ca mediocridade, e a terceira delas só fai un paripé, un teatrillo e unha procura de ministerios e secretarías xerais. Podería por como condición para apoia-la investidura esixir o fin da mediocridade borbónica, pero tragan con todo se con iso logran trepar e conseguir algunha prebenda. "Non nos representan", berraban, e é certo, pero agora eles tampouco me representan a min cando de xeito vergoñento benefícianse dos mesmos privilexios dunha caste que criticaban, beneficiándose de pensións unha vez abandonado o cargo, beneficiándose da cotización máxima para o futuro con só estar as veces nen catro anos no cargo. Alegan que non poden facer cambios por non estar contemplados pola Constitución, unha Constitución obsoleta que en troques sí que tocan cando beneficia ás élites. Se lles enche a boca falando maravillas dos "pais da Constitución", do seu talante, carácter dialogante, bla, bla, bla… o único "pai da Constitución", para min, xa estaba morto no 1978 e chámase Francisco Franco Bahamonde e tal e tal… Pardo de Andrade, xa que o principal da Constitución, a constitución do Estado, o seu xeito de ser, conserva o espíritu que deixou como herdanza Franco cando deixou todo "atado e ben atado": parlamentarismo borbónico.

Dirán que países que forman parte do primeiro mundo (España ten uns niveis de corrupción propios do terceiro mundo) tamén teñen a monarcas na súa xefatura de Estado, e que son moi modernos e prósperos, máis que moitas repúblicas (sacarán a relucir a Venezuela e Cuba, pero nunca a Alemaña, Austria, Francia ou Suiza, como se estas non foran repúblicas). Un argumento tan manido como infantil, pero non se lle pode pedir máis a unha sociedade inmadura e pueril e sen intención de cambiar e saír da súa mediocridade. Alertan dos perigos dos avances da intelixencia artificial, pero a min preocúpame máis o retroceso da intelixencia natural na especie humana.

Querido/a leitor/a, grazas por ler ata aquí.