Empatía e responsabilidade ética: tolerancia

28 de julio 2013

Xogo Ruín

Aquel neno
pincháballe os ollos
ós paxaros;
e gustáballe ver saír
esa gotiña
de aire e de luz,
ese rocío limpo
de mañanciñas frescas.

Logo botábaos
a voar
e ríase de velos
topar contra o valado
da súa casa,
con un ruído
moi triste.

Creceu e foi de aqueles.

Luís Pimentel


 

Pódese imaxinar alguén máis inocente que un neno ou unha nena. Seguramente é difícil.

Este poema, lido durante a adolescencia, impacta, non deixa indiferente.

Seguramente pensemos cando di 'foi de aqueles' na persoa exacta. Viranos á cabeza aqueles que trafican cos soños dos demais e humillan, torturan e asasinan a outros seres humanos.

Pero ben poderían facelo, e de seguro que o fan, con outros seres non humanos. Porque o mecanismo de vileza é o mesmo.

Recordo ter lido, non lembro onde, que durante a guerra 'civil' o famoso toureiro 'manolete' distraia á afición toureando presos políticos. Que estampa máis terrible! Seguramente os aficionados corearían 'olé!' coa mesma intensidade que a outra tarde ás cinco no tendido de sol coreaban 'olé!' cando o 'maestro' capeaba a un toro.

O filósofo Jesús Mosteirín tivo a ousadía de afirmar na comisión do parlamento catalan que debatía sobre o futuro da 'festa nacional' que as corridas de toros eran igual de inmorais que a ablación do clítoris ás mulleres practicadas nalgunhas comunidades africanas.

E, aínda que a comparativa, poida ser nun primeiro momento, especialmente rexeitable, analizado en detemento nos daremos conta de que en realidade o molesto non é a comparación dos feitos, senón en que lugar nos sitúa.

O noso eurocentrismo non nos permite que a nosa categoría moral, tras tantos anos de ilustración, estea situada ao nivel de outras cultural do Sur, por suposto inferiores.

O noso etnocentrismo  non nos permite aceptar o caracter de suxeito [filosófico] aos seres non humanos, mantendo a diferenciación entre entes onticos e entes ontolóxicos en base a capacidade de razoar.

O noso androcentrismo que permitiu ata hai ben pouco situar á muller fora da condición de suxeito, demagoxicamente ocultámolo para afirmar que esta é unha argumentación sexista.

Bastaría con buscar unha argumentación baseada no respecto e no rexeitamento ao sufrimento para con outros para desterrar as practicas das corridas de toros.

Seria suficiente unha mirada limpa para darse conta que as supostas tradicións culturais, sexan de torturas de animais ou de castración sexual de persoas, son iso lamentables tradicións pero non poden ter o 'status' de culturais.

Pero, vaiamos máis ala, poñamos en cuestión as nosas crenzas tal como plantexa a filosofía fenomenolóxica, ensanchemos o suxeito, ampliémolo aos seres non humanos en tanto en cuanto realidade corporea que constrúe espazo, que formatea o tempo e que valora emocionalmente.

A filosofía e o pensamento ten ido ensanchando o concepto de 'suxeito' desde un primeiro estadio restritivo, por razóns de clase ou xénero, ata un estadio máis amplo.

Demos un paso máis, asumámonos como seres parte dun ecosistema integrado, que temos unha responsabilidade co noso hábitat, co planeta, e cos nosos veciños, os animais non humanos.

Entendamos os nosos sentimentos, na base da nosa corporalidade, como unha habilidade pre-racional que nos sirve para analizar con rapidez a realidade para reaccionar.

Como  un medio para expresar [a outros], para facerse comprender. E a vez recibir, a través das emocións dos outros, información de cómo esta e cal vai ser a súa reacción.

As especies están en interacción con outros seres vivos [tamén doutras especies] e as emocións teñen unha importancia central, por iso se teñen mantido ao longo do proceso evolutivo.

De tanto contemplarnos cono seres intelixentes e superiores temos esquecido que somos animais e con elo deixamos a nosa esencia de 'animalidade', perdemos o contacto con esa parte nosa e coa natureza e tamén de paso perdemos estratexias ou habilidades de supervivencia.

Pensemos que quizais por iso é posible que non sobrevivamos. Perdemos o olfacto da supervivencia e a pesar de que tódolos datos 'racionais' nos din que estamos actuando de xeito 'homicida', pero tamén 'suicida' con respecto á natureza a nosa capacidade de reacción é mínima.

As emocións primarias [medo, enfado, tristura e alegría] son comúns a todos os mamíferos e son á vez estratexia de supervivencia e capacidade de reacción cos demais seres.

E eses sentimentos nos levan á empatía [emocional] como habilidade para poñerse no lado do outro.  E iso nos leva directamente á tolerancia [primaria].

A empatía e a tolerancia son estratexias presentes en moitos seres  humanos e non humanos. Tratase de estratexias pre-racionais para vivir e para con-vivir cos demais coa mínima molestia e salvagardando a convivencia en paz.

A intolerancia, máis aló do necesario, xurde na racionalidade. Construímos muros de separación e deseñamos guerras e estratexias bélicas froito da nosa capacidade non para defendernos, como os animais non humanos, senón para atacar.

E así é como construímos 'divertimentos' que se basean no ataque, no combate e na tortura de outros seres.

O raciocinio forma unha envoltura, reconstrúese os sentimentos, canalizase, manipulanse e distorsionanse.

Volvendo ao principio. De seguro que non hai nada máis inocente que un cativo a xogar, pero tamén de seguro que o cativo que observa unha realidade violenta ou racionalmente se lle predispón para a maldade pode co tempo chegar a  convertese nun 'de aqueles'.

28.07.2013