Educación. Todo segue igual: mal

24 de septiembre 2024

Despois de case 43 anos de profesor na educación pública, con algunha experiencia privada anterior, este ano estou xubilado, pero non podo evitar seguir observando como discorren os acontecementos relacionados coa miña profesión.

Segundo o Sr. Conselleiro, estamos ante o curso de maior modernización dos últimos 30 anos: baixada de ratios "histórica", nova ponderación dos alumnos con discapacidade e mellores condicións para os docentes.

Iso sí, a baixada de ratios empeza en 4º de primaria, aproveitando a dramática diminución da natalidade, mentres que o resto terá que esperar.

En canto a mellora das condicións salariais do profesorado por asunción de titorías ou directivas, parece que D. Román non fala moito cos profesores. Estou seguro de que, si lles preguntara, igual os cartos non é a reivindicación principal. Seguramente lle pedirían baixada real da ratio por clase, mais apoio para tratar a diversidade, non só por nivel e dificultades de estudo dos estudantes, mais ben por todos os problemas que están aumentando exponencialmente nos últimos cursos: protocolos para alumnos con TDAH, AT, NEAE, Suicidio, ... e algún que me deixarei.

Ademais, está o aumento absurdo da burocracia – igual debería dicir burocracia absurda- ¿soluciónase algo facendo un plan de repetidores, un plan de recuperación ou apoio, un informe final para engadir ós informes que se van facendo durante o curso, para engadir ás notas?

Mesmo parece que, antes da burocracia absurda, abandonábase á súa sorte ós estudantes que tiñan problemas ou repetían ou suspendían unha avaliación.

Como fixen constar na memoria final do curso pasado e anteriores, estes plans non serven para nada si non se dispón de tempo para dedicarlle ós estudantes con problemas, porque non farán nada a non ser que esteas con eles. O que necesitan é mais atención, cousa que non se lles pode ofrecer nunha clase con cerca de 30, e con profesores que teñen mais de 150 estudantes - isto é ratio baixa, parece ser; incluindo ser xefe de departamento e titor, cousa que nunca pasara.

Moitos estudantes nin sequera funcionan con atención especial, como puiden comprobar no curso pasado cun grupo que dividía un día á semana, para darlles atención específica ós mais necesitados. Só dous ou tres de 14 aproveitaron algo a oportunidade. É case imposible loitar contra a falla de interese provocada por situacións sociofamiliares, económicas, ambientáis, e a perniciosa influencia das redes sociais, youtubers, influencers e demais fauna internética.

Hai outros factores que están desgraciando o ensino en xeral – o privado non creo que se libre, excepto colexios de prestixio que se permiten seleccionar -, como a presión sobre o profesorado para que aprobe todo o alumnado. Incluso a lei di que "a repetición debe ser excepcional", o que está creando un ambiente no que estudar non se considera necesario, porque, ó final, todos aproban, ou case. E, cando a maioría dos estudantes e pais pensan iso, o resultado está cantado: hai que estudar un pouco para o exame. O resto do tempo, podes vexetar na aula; situación moi aburrida que acaba levando a moitos rapaces a comportamentos que distorsionan o ambiente na aula, ata facelo non axeitado para que os que queren aprender o poidan facer  decentemente.

E isto é o problema fundamental: si non van a clase para aprender, senón para que lles den un título ¿cal é a motivación? Hai que modificar totalmente o método e, curiosamente, a modificación é tan simple como aplicar a metodoloxía da lei.

Estase facendo ó revés. Pero isto da para outro escrito, que espero chegue pronto.

 

Arturo Neira