Edificios iguais. Cidades iguas. Homoxeneización estética do espazo

13 de enero 2025

 

Saio a pasear, porque me gusta, ademais é san. Viaxo. Desfruto mirando ás cousas, gústame que os sitios me sorprendan. Cada vez as cidades sorprenden menos. Pouco a pouco parécense máis unhas a outras, tamén as vilas e rúas lles pasa o mesmo. Semella que o deseño se estandarizou. Acabo pensando que todo é o mesmo.

Nas cidades grandes, e non tan grandes, os baixos parecen destinados ao uso de cadeas comerciais do mundo global. Antes as cidades tiñan o seu selo de identidade local, agora parecen todas iguais. Vemos como teñen polo menos unha representación do grupo Inditex con Zara á cabeza, un McDonals’s, tendas do grupo Cortefield, Mango e así un logo listado de tendas globais. Si a cidade é un pouco máis grande xa conta cun Primark, e no cume un Starbucks.

Este xeito de globalizar destrúe a autenticidade das cidades e vilas. Dá o mesmo ir a Madrid, París, Barcelona, Porto, Roma, Londres ou Milán. Veremos baixos, nalgúns casos enchen todo o edifico, con tendas que nada teñen que ver coa identidade local. O que era espazo público con identidade local, con tendas que marcaban os sitios e o definían, convértese no teatro do consumo e o lecer repetindo todo o mesmo esteas onde esteas. As cidades e vilas quedan sen os seus atributos de identidade. Estes locais acostuman estar nas rúas dos cascos históricos, ou no seu arredor (as famosas "millas de ouro"), lugares onde hai máis afluencia de cidadáns e visitantes. Elevan o prezo dos alugueres, obrigando a que pequenos comerciantes, ou xente con marcas emerxentes, non podan alugar. Só acceden as franquías internacionais de grandes facturacións. Tamén se dan casos de donos de baixos que apertaron moito a corda dos alugueiros, contando que ían pagarlle o que pedían, aínda que fose esaxerado, ao final a franquía acabou pechando a tenda.

Si os centros das cidades e vilas se están parecendo cada vez máis o caso das novas promocións inmobiliarias aínda é peor. É a estandarización total. Aquí xuntouse a fame coas ganas de comer. Por unha banda a crise do segunda metade dos anos 2000, que aínda que afectou a toda a economía, foi moi forte na construción. Perdeuse moita man de obra cualificada que tivo que reconverterse. Agora que este sector comeza recompoñerse atópase coa escaseza de persoal con experiencia. Hai que buscar alternativas a este problema, novos xeitos de facer. Hai máis normas, débense axustar os prezos e os tempos. Unha das solucións é o uso de sistemas prefabricados para o uso das fachadas. O uso do GRC (Glass Fiber Reinforced Concrete), un produto livián, que xa ten uns anos, mais agora popularizouse o seu uso. Placas de cemento, area e fibra de vidro que veñen listas para colocar e facilitan o pechado do edifico. Colocación fácil, rápida e económica. Repeticións das tipoloxía das fachadas. Houbo modas no xeito de vestir as casas por fora. Formigón, ladrillo visto, teselas de "gresite" ata as chapas de pedra e os monocapas. Crearon un estilo ou unha época . Agora tócalle ao GRC ou composite de aluminio para as fachadas ventiladas. Mais vemos que se repite a tipoloxía das fachadas. Moreas de edificios brancos, con liñas rectas e contrastando ventás de cores escuras. Puxen no buscador do ordenador as palabras "promocións inmobiliarias". Debín mirar alomenos unhas 30 por toda España. O resultado o mesmo: uniformidade estética. Todas moi parecidas por non dicir iguais. Branco, liñas rectas e contrastes en gris escuro ou negro.

Por si isto fora pouco agora estanse modificando fachadas por mor da eficiencia enerxética. Segundo o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, (https://planderecuperacion.gob.es/politicas-y-componentes/componente-2-plan-de-rehabilitacion-de-vivienda-y-regeneracion-urbana), máis do 81% dos edificios existentes atópanse ao final da clasificación en termos de eficiencia enerxética e en emisións. Ou mellor dicir que case 10 millóns de vivendas van necesitar, máis cedo que tarde, unha reforma enerxética axeitada, reducindo o consumo de enerxía nun 36,6% respecto do actual. Cando paseo pola Boa Vila teño que apartar da estadas ou andamios que hai colocados nas beirarrúas. É raro a rúa na que non teña andamios para a reforma da fachada. Volve a pasar máis do mesmo.

Caminito no barrio bonaerense de Boca(buenosaires.gob.ar, Creative Commons)

 

Deseño similar de fachadas brancas, ou variantes do branco, con liñas negras ou grises en franxas uniformes, repartidas polo edificio. Está claro que as comunidades de propietarios buscan minimizar os riscos e tiran, case sempre, cara o branco, nunca pasa de moda (din eles). Esas son as mesmas palabras que usan os vendedores deste tipo de fachadas cando se reúnen por primeira vez coas comunidades de veciños. Falei disto con arquitectos e cóntanme que eles queren innovar pero nas reunións cos propietarios maniféstanlles que o que queren ver é que o seu edificio sexa "moderno", pero non moi diferente aos dos outros que están modificando a fachada. Máis uniformidade.

Lembro cando se proxectou aPyramide du Louvre, o balbordo que se montou. Ao ministro de Cultura Jack Lang, que convenceu a François Mitterrand da necesidade obra, dicíanlle que estaban asasinando un pazo da época de Felipe Augusto, ou que era un caixa dos mortos, ou un funil. Inaugurouse no ano 1988, hoxe non asumimos a praza sen pirámide deseñada polo arquitecto arquitecto Ieoh Ming Pei. Se nos amola tanta uniformidade estética e queremos fuxir dela sempre nos quedarán sitios con moitas cores. As rúas deCaminito, en Bos Aires, onde os galegos levamos as cores, segundo di o historiador Felipe Senén. As casas do risco de San Juan en Las Palmas de Gran Canaria. As Casas do Onyar en Girona. As casas de Irala de "british style" e cores en Bilbao. Sen viaxar moito aquí temos, entre moitas, as casas da Garda, O Barqueiro, Redes ou barrio de Fontán en Sada. Como sociedade debemos valorar a diversidade na arquitectura, debemos apostar por deseños innovadores sen terlles medo. A arquitectura acaba contribuíndo á creación dun entorno que reflicte a cultura dos seus habitantes.