Leo con sorpresa nos medios de comunicación as palabras dun responsable do goberno municipal coas que anuncia que a rúa Cruz Gallástegui contará cun "novedoso tratamento" do seu novo pavimento de asfalto negro (unha vez fracasado o experimento vermello que nos costou 60.000 euros) que consiste no pintado dunhas liñas de código de barras que reproducen, na linguaxe do código, o nome da rúa.
É de aplaudir que o goberno do alcalde Lores -escasiño de ideas últimamente máis aló da interminable venda mediática dun proxecto de compostaxe que camiña a trompicóns, e os premios aos que se vai candidatando por todo o mundo- decida copiar a obra realizada no mandato pasado polo grupo municipal socialista na pasarela de Loureiro Crespo, ou sexa na rúa de José Adrio Barreiro.
Alí, ademais de recuperar un espazo que estaba completamente abandonado e sen visos de futuro, fíxose unha intervención para permeabilizar o tráfico peonil, muros laterais, colocación do monumento aos fusilados o 12 de novembro, instalación dun parque infantil que está sempre moi concorrido e PINTADO DO PAVIMENTO CUN CÓDIGO DE BARRAS QUE REPRODUCE O NOME DA RÚA.
Lamentablemente, o arranxo da continuación da pasarela, que era unha obra en programación polo grupo municipal socialista pasou a mellor vida.
En realidade, Cruz Gallastegui serve para visibilizar o caos e a paralise dun goberno que a duras penas é capaz de xestionar en condicións o asfaltado dunha rúa. Un goberno e un alcalde que neste mandato teñen esquecido que hai vida -e necesidades- mais alá do entorno da Peregrina.
Un modelo de cidade que non pensa nas persoas, é un modelo que camiña perigosamente cara ao fracaso. A falla de ideas sumada ao escaso impulso condenan a Pontevedra a 3 anos de mandato perdidos en anuncios que nunca se materializan. Cando se adican mais enerxías a “convencer” as empresas para que asistan a unha comida que a mellorar a Política Social do concello, é que algo vai moi mal.
Iso si, para copiar andan lixeiros.