A dignidade e o respecto á democracia

09 de diciembre 2024

"que a dignidade na não tem preço, que uma pessoa começa por ceder nas pequenas coisas e acaba por perder todo o sentido da vida." (Ensaio sobre a cegueira, José Saramago)

Úsanse as redes sociais para ver como anda a rúa, os máis parvos pensan que todo o que din os seus "gurús" é verdade verdadeira. As miñas redes son onde tomo café e escoitar á xente. Escoito, non falo. Un grupo, tres mulleres e dous homes, van a tomar café e, ler os xornais e, falar. O tema era o nomeamento dun tenente xeneral como dirixente da reconstrución da zona afectada pola DANA. Mazón, nun golpe de non se sabe por que, elixiu un militar. Cando comezan a falar, un dos home di: "fai ben Mazón en nomear un militar, hai que poñer a alguén que saiba mandar, que os poña en liña e diga ti para aquí e ti para alí". Nótase que non fixo a mili — pensei eu. Si a fixera tería outra opinión. Un militar ao mando dun posto coma este non é garante de nada. Neste país hai miles de persoas que poden desenvolver ese traballo. Pouco aprendín na mili, a "escaquearse", ordes sen sentido, ver como se confundía disciplina coa prepotencia do ignorante con poder, e ver correr o alcohol. O Ditador xa facía máis de sete anos que morrera, máis o testamento de Franco estaba na entrada de todos os cuarteis, compañías e baterías de todo o exército. Daquela o elixido, Gan Pampols, xa era tenente.

Pode haber moitas interpretacións desta elección , desde que é para encomiar aos militares diante dos antimilitaristas, ata demostrarlle aos de Vox que a amigos de militares ao PP non lle gañan. Ata hai quen di que foi Feijóo, e Tellado, para dicirlle a Pedro Sánchez "toma esa, agora ides ter que colaborar con el"(infantilismo?). Sexa como for, o tenente xeneral Gan Pampols, cunha folla de servizos excelente, xa é Vicepresidente, do Goberno Valenciano para a Recuperación Económica e Social. O 19 de novembro Mazón nomeouno vicepresidente, sen agardar comezou a facer entrevistas en xornais, radios e televisións. Nas súas declaracións xa deixou moi claro quen e como era. No diario El País á pregunta do periodista Manuel Viejo: "¿Su cometido será puramente de emergencias y reconstrucción de los 79 municipios afectados o tendrá directrices políticas?, a resposta non deixa dúbidas: "No. Directriz política ninguna porque no la aceptaré...". Tamén na entrevista de RTVE "La Hora de la 1" comentou que "es un reto importante (...)Pedía sacar esto del debate político y dejarlo en el aspecto técnico, dejar trabajar a los técnicos...". Tamén deixou claro que o comunicou á Casa Real por deferencia porque "Su majestad me conoce personalmente".

Parece dicir que é un "técnico independente", cando non é técnico senón político, mais o que vexo nesas declaracións é un gran "prexuízo" do desprestixio da "política". O que non entende o tenente xeneral é que a "política" está en todo. Primeiro porque é un dereito recoñecido na constitución no artigo 23, a política do sufraxio universal. Pero non só iso é política, non, tamén son política as eleccións dos colexios profesionais, ou que Louzán chegue a ser presidente da Federación Española de Fútbol, ou presidir un equipo de fútbol, ou calquera cousa que se vos ocorra, "a los hechos me repito" que diría Manquiña. Se miramos no noso arredor a política está por todos os lados. O tenente xeneral Gan Pampols ven do exército, onde desenvolveu moito do seu labor no extranxeiro, e iso non deixa de ser "política" porque foron decisión políticas o que fixo que España participara nesas misións.

Como demócrata cando escoito, ou leo, estes "prexuízos" deste tenente xeneral, cun amplo currículo, e logo de ser nomeado vicepresidente, éntrame un pouco de desacougo, mesmo me alerto, cando di que el é un soldado e que non ven á facer política, nin vai aceptar directrices políticas. E, logo a que vai? Ten inspiración divina? Lémbrame a Franco, que lle vou facer, a frase de: "Haga como yo, no se meta en política". A conclusión destas palabras, cando as di un militar, é que a vida militar é nobre e a política é mesquiña. Non deixa de ser un xeito de facer política, da peor política.

O nomeamento deste señor parece que foi un agoiro. Ao pouco do nomeamento decatámonos que no primeiro pleno do Consell, nun decreto sobre a emerxencia da DANA, elimina os topes salariais para altos cargos. Mazón pon en X (antes Twiter): "Ni se suben sueldos del Consell ni de ningún alto cargo... dada la incorporación de los nuevos perfiles técnicos del Consell, los que sean funcionarios o de la carrera militar van a poder percibir las retribuciones que le corresponderían como funcionario o militar". Aquí comezan as contradicións do tenente xeneral. Que si el "non pediu ningún salario para ir", que si "descoñece canto vai cobrar", "que si ten 44 anos de carreira administrativa, con dereitos retributivos consolidados", así ata o infinito é máis alá. O que deixa claro é que el non quere perder diñeiro co novo cargo. Estou seguro que non vai perder diñeiro este soldado que ven da xubilación, onde a pensión máxima, no 2024 é de 3.175,04€/mes (en 14 pagas). A isto debemos engadir as condecoracións con dereito retributivo que ten. Tanto no Exército, na Garda Civil ou Policía Nacional hai condecoracións que levan asociadas retribucións vitalicias, que lle supoñen ás arcas do Estado moitos millóns de euros ao ano. As outras e outros funcionarios normais non teñen.

O tenente xeneral segue sendo vítima das súas palabras e, para darnos nos fociños, elixiu como a súa man dereita a outro militar, o xeneral de brigada Venancio Aguado de Diego será o Secretario Autonómico do Gabinete da Vicepresidencia. Por si isto fose pouco e, como non dúas sen tres, acabou nomeando como xefe do gabinete ao outro militar que foi tenente de Infantería e reservista, Vicente Ferrer. Ademais de militar Vicente Ferrer ten un amplo currículo político, impulsor do "Pacto del Pollo" (pacto entre Unión Valenciana e o PP da Comunidade Valenciana logo das eleccións de 1995), foi deputado e senador polo PP, home de Eduardo Zaplana (condenado a 10 anos de cárcere), mais iso non é política.

Carlos Mazón, "o presidente incomunicado perfectamente comunicado", sen dignidade, fixo uns nomeamentos para agocharse detrás e branquear a incapacidade. O tenente xeneral, de amplo experiencia, e que ven da xubilación alguén debería explicarlle que non volve ao "servizo activo", non é un militar que se reincorpora, non, el é unha persoa que aceptou un cargo público (político) orzamentado na Generalitat Valenciana. O tenente xeneral vai atoparse en situacións na que deberá tomar decisións políticas, ou vai illarse da realidade política? Non vaia ser que unha "excelente carreira" de 44 anos acabe enlamada polas súas palabras. O amigo Antón, que tamén fixo a mili, dime que nos movemos entre a incompetencia dun "persoeiro" incapaz e indigno como Mazón, que noutro país xa tería dimitido, e falta de respecto á democracia dun militar que nega a política dos demais. Ten razón Antón, o tenente xeneral quere pasar como un observador da política, un "outsider", non o é, asinou un manifesto do Círculo Cívico de Opinión contra a lei de amnistía, defende a mili obrigatoria e, manifestouse contra o "igualitarismo" defendendo no seu lugar a "meritocracia". Évos o que hai. Veremos como segue o conto, van ten que dar explicacións do que van facer, ou van facendo, no parlamento valenciano e español. Aínda así e todo o meu desexo é que as cousas se fagan ben e o máis axiña posible, os afectados meréceno, teremos que estar vixiantes.