Depende de nós

02 de febrero 2015
Actualizada: 18 de junio 2024

Mentres en concellos como Bueu se dan todo tipo de facilidades para celebrar concertos, abrir novos locais,⿦, e o propio Concello impulsa actividades que atraen á xuventude e incitan a gozar da nosa cultura e dos valores propios do seu pobo, Marín esmorece ante a inactividade e pasividade dun goberno local do PP para o que non existe a xuventude, nin a cultura, e que vive de costas ás mútiples dificultades polas que están a pasar o pequeno comercio e os locais de ocio aos que castigan aínda máis deixando morrer a nosa cidade.

Cónstame que hai moitas persoas con ideas e gañas de facer cousas por Marín, xente nova que desespera ante as difucultades que se poñen e impoñen dende os que actualmente mandan no noso Concello e que están deixando que Marín morra mentres vemos como outros concellos despegan e van a máis atraendo para eles aos centos de xóvenes aos que lles gustaría poder divertirse e consumir no seu pobo, e ao mesmo tempo sentirse orgullosos e contentos de vivir en Marín.

O noso concello, gobernado por unha maioría absoluta, esmorece. Os que nos desgobernan dende hai case catro anos son reféns dos seus intereses propios e prisioneiros da súa dependencia e do poder: non hai política para a xuventude, o comercio vai a menos mentres se ampara a asociacións presididas por xubilados e se obstaculiza o traballo dos emprendedores, a cultura sobrevive grazas ao labor dos colectivos porque o para o goberno local a cultura simplemente non existe e non saben o que significa, temos que soportar ver como o turismo, e mesmo os propios marinenses, se desprazan a outros concellos mentres vemos esmorecer lugares emblemáticos para Marín como o lago de Castiñeiras e se permiten o luxo de ter pechado o Centro de Interpretación de Petróglifos que tantos anos custou conseguir. E xa non falemos da incapacide dun goberno maioritario en todas as institucións, incapaz de inciar un diálogo co Ministerio de Defensa ou de Fomento co fin de conseguir un uso compartido das súas instalacións que repercutan no desenvolvemento económico do noso pobo.

Marín merece a mesma oportunidade que tiveron concellos hoxe puxantes como Bueu do cal hoxe nos chega unha nova, tan estimulante e indicativa de progreso, como é a apertura dunha galería de arte. Darlla, só depende de nós.