A semana que remata foi intensa para Si, hai saída.
Atopamos calquera cousa menos tranquilidade, algo que, certamente, xa forma parte do noso día a día, pero os derradeiros foron unha sucesión de acontecementos relacionados con algunhas das mulleres as que estamos tentando axudar e que non fixeron senón demostrar que, no que a violencia de xénero atinxe, non soamente non melloramos, senón que, pola contra, estamos a experimentar un claro retroceso.
Unha resolución xudicial favorable, que, malia ser provisional, temos claro que é o primeiro e imprescindible chanzo para evitar prolongar unha situación de posible risco para un menor, fixo que vislumbráramos un chisco de luz, pero, unha vez calmada a euforia inicial, tal como facemos sempre, tomámonos o noso tempo para analizar e sacar conclusións do proceso en cuestión, e o resumo non puido ser mais demoledor.
Acadamos, como digo, un certo alivio nun auto que claramente mira pola seguridade dun menor que intuimos pode estar, por mor dun réxime de visitas mais que cuestionable, en perigo, pero un alivio que,como pasa as veces en cuestión de saúde ante determinados problemas, supón un "efecto placebo", é dicir, unha vez exposto o problema que nos leva a consulta do facultativo, que non acaba de velo real, e que nos é receitado, tomámolo, suxestionámonos de que nos está a facer efecto e mesmo nos calma a dor, pero o problema de fondo segue estando ahí, adormecido pero presente, moi presente, e en calquera momento se manifestará de novo.
Por que fago tal comparación que, posiblemente así, de entrada, non semelle ter moito sentido?
Pois moi sinxelo. O resumo de todo o proceso que culminou en tal resolución non se pode cualificar mais que de calvario non soamente para o menor, senón tamén para súa nai, vítima de violencia de xénero, e que, como tantas outras, merece todo o noso respecto porque non entendemos como é quen de sacar xa forzas de nin se sabe onde.
O vía crucis comezou cando decidiu denunciar os feitos que remataron no devandito auto., e que non era o primeiro, nin será, probablemente e por desgraza, o derradeiro.
Soamente poñer o pe na comisaría, e topando de novo con quen xa a atendera nalgunha outra ocasión, foi recibida con un: "Outra vez aquí?. A ver, qué pasa agora? Moi humano, moi empático e o mais adoitado para unha muller que acude destrozada a solicitar axuda.
Como non podía ser menos, foi cuestionada, ademais de non tomarse o tempo nin a molestia de explicarlle as cousas con claridade e nunha lenguaxe asequible, porque, polo visto, ainda non se decataron de que non todas somos letrados nin policías, o cal estivo a piques de provocar serias consecuencias, xa que, producto dos nervios e da mala atención que se lle deu, non se decatou de que pedira unha medida pouco oportuna.
Por fortuna, posteriormente, un xuiz bastante mais sensible, aclaroullo e tivo solución.
Pero a cousa non rematou aquí.
Entre outras cousas, un dos labores prioritarios de Si, hai saída é a de acompañar as vítimas que acuden a denunciar, porque coñecemos de primeira man o desgarro, a dor e a confusión que calquera muller nesas circunstancias leva consigo.
Case sempre son eu mesma a que me ocupo deste cometido, a menos, claro está, que a vítima diga o contrario, circunstancia que, nos catro anos que levamos de traxectoria, nunca se deu. Pola contra, agradecen ter unha persoa amiga ao seu carón nun momento tan duro e, certamente, son moi rigorosa no que a isto atinxe. Quero e esixo que sexan tratadas co respecto e a dignidade que merecen, que é toda a do mundo, algo que, como é de supoñer, non é do agrado de todos.
Pois ben, facendo caso omiso de todo isto, e ignorando, ademais, que é un dereito que recolle desde 2015 o Estatuto da Vítima, a policía que estaba a facerlle o que semellaba ser un enorme favor e non a súa obriga, tentou impedir que me achegara a ela, e mesmo lle recriminou terme chamado.
Obviamente, non lle serviu de nada, porque, a diferencia dela, eu teño moi claro cal é o meu cometido e a miña prioridade, que é nin mais nin menos axudar e apoiar as vítimas e que se lles de a atención e o trato que merecen, e non tentar, cun comportamento totalmente inxustificable, disuadilas de que denuncien, o que redundaría, claramente, en menos traballo, pasando por alto a súa tremenda situación.
Observaredes, por certo, que estou a referirme a unha policía, en femenino. Como vedes, o feito de que a persoa que recolle a denuncia sexa unha muller non é, para nada, garantía de empatía nin de sensibilidade, polo menos neste caso, que vos aseguro non é illado nin raro.
Creo que non preciso contar nada mais.
Soamente me gustaría aclarar que, evidentemente, nos atopamos tamén con bos profesionais, pero os feitos que acabo de relatar son, ademais, por suposto, de totalmente reais, moito mais frecuentes do que se poida crer, por iso, eu, que todos cantos me coñecedes, sabedes que son das que penso que non se pode sair da violencia de xénero se non é denunciando, non podo, ainda así e malia o meu convencemento, evitar, ás veces, dubidar se denunciar implica sempre para as vítimas esa axuda a que teñen todo o dereito, ou, pola contra, o comezo dun novo calvario.
Asociación Si, hai saída