Democracia orgánica e desafección política

10 de mayo 2013

A poucos días de cumprirse o segundo aniversario do 15-M as accións e declaracións de tres lideres políticos aparentemente distantes nas súas ideas teñen posto de relevo que as forzas da vella política pouco teñen aprendido nestes dous anos e seguen empeñados en ver a cidadanía como un ente amorfo e manipulable sen constantes vitais e intelectuais propias.

En poucos días a secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, a figura emerxente do PSOE, Beatriz Talegón, e o alcalde pontevedrés do BNG, Miguel A. Fernández Lores, teñen evidenciado na practica o porqué da desafección e desconfianza que a cidadanía ten cara as forzas políticas.

A primeiro en aparecer en escena foi Dolores de Cospedal animando aos movementos sociais vertebrados arredor da indignación a constituírse en partido político e presentarse as eleccións nun concepto de democracia limitado onde non se entende o papel necesario que xogan os movementos sociais para que exista o necesario control da cidadanía sobre os seus representantes.

Eliminado así o control cidadá da política desde a sociedade civil e reservado, como ven ensaiando en Castilla-La Mancha, a representación política as persoas con tarxeta Visa-Oro, poderíase institucionalizar un novo dereito de uso e abuso.

Aínda non repostos da impresión apareceu Beatriz Talegón para demostrar que as novas elites do PSOE non teñen nada que envexar ás cúpulas afianzadas durante a transición co apoio da socialdemocracia alemá. Despois de asegurarnos que non cre nas teorías conspirativas, en algo parecido a poñer a venda antes da ferida, deixa caer que o movemento do 15-M favorece á dereita e "pon en bandexa o poder ao capital e ao sistema neoliberal".

Ademais de confundir as consecuencias coas causas, algo demasiado habitual, cousa que nos levaría a culpar ao voto feminino da vitoria da CEDA nas eleccións que abriron o bienio negro, quizais tería sido moito máis fácil apuntar ás propias políticas do goberno 'socialista'  como as favorecedoras do auxe da dereita. Mesmo se elevaramos o seu simplón sofisma ata as ultimas consecuencias poderiamos afirmar que a cúpula do PSOE en realidade son infiltrados da dereita para  poñer en bandexa o poder ao 'sistema neoliberal'.

E así estabamos cando niso chegou Fernández Lores, que nun alarde de instrumentalización,  substitúe aos colectivos de afectados e á cidadanía e parecera como se fora o propio concello quen convocara a mobilización contra da estafa das preferentes e 'contra o saqueo da Galiza'. Creo recordar que as anteriores veces que a alcaldía se puxo ao fronte da e fixo un despregue institucional similar foi para rexeitar a 'invasión' de familias xitanas desde o concello limítrofe ou para reivindicar a 'capitalidade' da provincia.

Nunha democracia non corresponde ás institucións convocar manifestacións, lembrando as convocadas noutras épocas ou noutros lugares, senón á cidadanía e as organizacións sociais ou partidos políticos. Alguén debería recordarlle ao alcalde pontevedrés que está ben opoñerse ao saqueo da Galiza mesmo aínda que cando empezará o saqueo de Galicia, durante o proceso de bancarización e posterior fusión das caixas, o seu partido aplaudira dito proceso apadriñado por Núñez Feijoo, atacando a voces críticas,  minoritarias pero autorizadas, como as de Xosé Manuel Beiras.

Cando un colectivo sufre unha problemática tan grave como o das preferentes o que lle corresponde aos gobernantes debería ser canalizar demandas, buscar solucións e aprobar propostas (xa que o Concello de Pontevedra aprobou pechar as súas contas en Nova Galicia Banco non sexa para trasladalas a outras bancas tóxicas senón para abrilas en proxectos de Banca ÿtica ) e non intentar sacar rédito partidario. 

Todas estas actitudes e formulacións o único que denotan é unha coincidencia na comprensión da democracia como un formato instrumental e non como unha cultura. Unha aposta por unha nova forma de democracia orgánica onde a vertebración faise de xeito vertical desde o poder, minusvalorando a unha cidadanía necesariamente submisa ven polo camiño do populismo ven pola vía do clientelismo, desarticulando a autoorganización social autónoma das persoas e convertendo as súas plataformas e colectivos en correas de transmisión do poder, e por último silenciando a prensa por medio da compra da mesma vía subvencións ou vía publicidade institucional.

Keep Calm ! O tempo da vella política pasou e nada será igual que antes.

O 15 de maio de 2011 non significou só a expresión de indignación social e cidadá, senón que tamén abriu a porta para un novo proceso constituinte xa en marcha.

Nos próximos meses saberemos se a nova etapa a hexemonizan as vellas elites da transición refundando o estado constitucional do 78 en versión minimal en dereitos sociais e liberdades, ou pola contra a marea cidadá social e as necesarias amplas alianzas político-electorais permiten unha correlación de forzas, que non existiu nas postrimerias do franquismo, da que naza unha nova democracia republicana, social e co-soberana onde a cidadanía teña dereito a decidilo todo.

 

10.05.2013