Crematorios sen fronteiras

07 de noviembre 2012
Actualizada: 18 de junio 2024

Estes días media Pontevedra está a falar do asunto dos crematorios (catro, disque) que queren vir para a cidade. A outra metade escoita calada, esperando o seu turno para opinar. O máis polémico dos catro proxectos é o que afectaría a unha parcela situada ao cabo da rúa Arcebispo Malvar, perto da beira do río e da ponte do Burgo. Esta leria do crematorio ten moito de crematístico: as empresas ofrécenlle aos propietarios, o Colexio de Arquitectos, unha pasta gansa polo solar. O colexio de arquitectos atravesa horas moi baixas por culpa da crise e a xente ata escribe xa o seu nome con minúsculas.

A miña opinión (deixémonos de leria): é de pouco siso estar a loitar para afastar a Celulosas da ría e que agora veñan poñer un crematorio ao pe da antigua muralla. Se tan sequera fose unha churrasquería. Ou unha parrillada, veña. E que me din do impacto turístico?, quero dicir, do impacto na psique dos turistas (que de por si é unha psique fráxil e lixeira de cascos). Amosarlles fachendosamente aquela zona: eiquí a magnifica Casa do Barón e os seus marabilloso xardíns, acolá a basílica de Santa María... e iso dalí é un modernísimo crematorio de sete estralos. Ou catro estrelas (descoñezo as equivalencias).

O do crematorio é un tema que ademáis acende os ánimos dos políticos locais. Antón Louro, por exemplo, chamoulle carroñero a Jacobo Moreira nun debate crematístico, digo crematorio, digo sobre o crematorio. Iso non se fai. Estar a falar de crematorios e chamarlle a alguén carroñero é de moi mal gusto. Que o faga eu, mencionando churrasquería ou parrillada, pase, porque eu non son político e non teño por que ter modais, coma os políticos, que é o mínimo que se lles pide: modais.

Agora andan todos de cabeza, dándolle voltas ás normas e aos regulamentos para enlear con impedimentos legais a posibilidade de plantar semellante cousa na nosa vila. Aproveitan, coma sempre, para, con moitísimos modais, arrearse hostias uns aos outros e fachendear de quen sabe e quen non como deter o avance das tropas invasoras.

E mentras eles divírtense queimándose uns aos outros a conta deste asunto, os veciños das zonas afectadas unen as súas forzas para non ter as incineradoras á porta da casa. Normal. Esperemos que gañe o sentido común e que consigamos entre todos poñerlle fronteiras aos crematorios.

 

7.11.2012