29 de septiembre 2024

A CAIXA DO CORREO

NACÍN na parroquia de Asús do concelho de Redeus, onde fun á escola da man da minha irmá maior…porque na aldea había escola e mestra, por difícil que sexa de crer a día de hoxe. Alï me criei e aprendín de albanel co meu pai e de mozo fun trabalhar a Suíza por aforrar uns cartinhos, por non dicir que fuxira das ostias que, segurinho, me ía arrear o meu pai por deixala moza grávida.

Co tempo o velho veuse ás boas e volvín aló para casar aproveitando as vacacións, despois volvín a Suíza, a moza pariu e o neno quedou cos meus pais pois ela, a minha mulher, foi onda min para trabalhar tamén. Alí estivemos uns anos forrichando canto patacón nos caía nas mans con idea de facer unha casinha na aldea pero como queira que alí xa tinhamos a casa que fora dos avós, mercamos un piso para alugar en Pontevedra e fumos vivir á aldea onde pasamos os anos trabalhando as leiras, criando filhos e facendo algunhas chancas de albanel. Non nos foi mal…ate hai pouco.

Na aldea comezou. por desaparecer a escola, o centro médico, a sucursal do banco e o caixeiro automático. En vista do pouco carto e menos trabalho o mecánico, o electricista e o farmacias liscaron tamén a fume de carozo. O director da banda tamén se escapuliu e a banda,sen el, descalabrouse. Para máis desgraza, morrera o cura velho e xa non o repuxeron.

Xa non fumegan as chimeneas, apagáronse as lareiras e non cocen os fornos. Non quedan galinhas nin galos nin parrulos, chinos, coelhos, gansos, ovelhas, vaquinhas, quiricas nin pombas no pombal. Non queda can nin gato

Todo fica a monte. Soamente hai silvas, velutinas, eucaliptos e catro heroicos velhinhos que se negan a marchar. Un deles -o Pinto- dixo que só pensa deixar a aldea dentro dun caixón de táboas. Nin paxarinhos se achegan a cantar ó aguniado lugarexo….Os canastros xa hai anos que non gardan milho; só lagartinhos e munha morea de tarecos inservibles. O muínho derrubouse, cegáronse os caminhos…a, noutrora, fértil aldea é todo monte e o monte, todo lume.

O caso é que nós tamén rematamos por baixar para a cidade. Despois de marcharen os derradeiros inquilinos, mudámosnos para o andar e fixémosnos urbanitas. Mais non sen pesar. Non foi tan doado; deixamos moito atrás, demasiado; o ceo estrelado…(a min que non me venhan con que as estrelas da cidade son as memas da aldea. Diso nada; son menos e máis cativas), o río cantareiro, a fonte cristalina, o regato pequeno baixando á procura do río grande; a casinha, o lar; o vento fresco e limpo uivando entre os pinheiros; as figueirinhas e nogueiras que plantaron os ancestros, a hortinha, as parras, o becerrinho…e a xente. A xente!…Só amentarei algúns; os máis soados daqueles meus persoeiros inesquecibles.

Abelardo era escultor no seu tempo libre; un verdadeiro artista talhando a madeira. Era quen de apanhar unha torada e facer dela un santo, un demo ou un Empire State cun Kingkoncinho no alto e sen usar feramentas propias da talha como serían trenchas, guvias e mazos…soamente dúas motoserras pequenas; unha en cada man. Daquela, foi inevitable que remataran por lhe chamar Abelardo Mansmotoserras.

Tamén estaba Rosa…Rosa Porrinho que, como o seu propio nome indica, era unha muller dura. Dicía o meu vecinho Pascoal que para entrarlhe cumpría un punteiro ben templado e buscarlhe ben a veta con moito xeito…era a única meneira de trabalhar o granito rosa.

Outra era ADElina FElisa da SIOnlla (Santiago). Por non ser demasiado agraciada, os companheiros de escola armáronlhe un mote coas primeiras sílabas, (que mira que poden chegar a ser crueis algúns cativos!) De moza chamábalhe A Emérita porque seica tamén era inviolable. Pero trabucáronse de cheo porque un día apareceu cun bombo que nin o da banda de Lantanho.

Nautilio Marín fora para América cando a guerra e voltara de xubilado despois de palmar Franco. Disque atravesou o Atlántico a bordo dunha artesa sen patas, cousa que é totalmente imposible pero, como di o refrán, o desbarrar non ten cancelas. O certo foi que o viron atravesar o Minho, aló por Salvaterra, a bordo dunha artesa coas patas serradas nunha noite escura do outono do trinta e seis e, pasados uns meses, mandou unha carta á familia desde Venezuela dicindo que se atopaba moi ben. Certamente, pasara o río nunha amasadeira pero,unha vez desembarcado na outra beira, conseguiu acadar Porto a pé e alí embarcar cara a América. Pero o máis salientable de todos era, sen dúbida, o gran Carbalheira Bill.

O seu nome completo era Seso Carballo Vilarinho pero el deixouno en Carbalheira Bill polo moito que admiraba ós vaqueiros de Hollywood, sobre todo a John Wayne (a quen el chamaba "Chanfaina") Tamén admiraba, e moito a un tal John Balan de Marín e devecía por ser tamén un "home orquestra" para interpretar a banda sonora das súas aventuras. Pero carecía das cualidades "fonéticas y de laringe" do gran mestre de Seixo. Nunha ocasión marcara as vacas nun cadril cun ferro ó roxo e estivo tres días agochado no monte sen ir á casa ata que o pai, apazugado pola nai, volveu pendurar a escopeta no faiado. Os mozos e mozas da aldea ata lhe armaron un cantar con aires countries e bluegrass que tivo moita sona aló polo entroido.

Tamén estaba aquela caloeirinha…(como se chamaba?). Que belida era mecaghonachispa ! Traíame tolo, eu tínhalhe o olho botado pero outro alí botoulhe o olho e algo máis. Andan polos once netos

Alá quedaron estes, e outros moitos, con grande pesar pola minha parte cando vinhemos vivir á rúa Pondal. O andar facía parte dun edificio, froito da frebe do tixolo dos setenta. Tinha catro alturas, dous comercios nos baixos e garaxes. No interior do portal; rampla, porta de acceso ó soto, ascensor, escadas, batería de caixas do correo e cadro de avisos. O aspecto exterior non tinha nada de especial. Era igual que outros moitos que xurdiron como fungos cos cartos da emigración cara Europa. Tocoulhe o número 13, tanto me ten; non son supersticioso.

Nos baixos, a ras de rúa había unha farmacia e unha tenda de froitas e legumes. Á farmacia ía eu cada canto a recolher o meu quinhón de apócemas, aínda que o que máis receita o Sergas é beber auga e caminhar. É o máis barato. Pola outra banda, o froiteiro era un tipo ben atento mesmo sen ter plantado unha cebola na súa vida. Así son as cidades; un ninho de intermediarios.

Das seis vivendas que hai no edificio, dúas fican baleiras. Dos seus donos e/ou arrendatarios desconhezo os nomes, polo momento.

No primeiro esquerda vive un senhor só. De manhá sae a almorzar e mercar os xornais e algúns alimentos que cocinha el mesmo. Pola tarde sae, día si, día non e sempre leva que ler. Segundo o fruteiro, que todo o sabe, este home é escritor, xornalista ou cousa así e, mentres non lhe conheza o nome, chamareilhe o escritor E. O primeiro dereita fica baleiro arestora. O propietario non precisa de cartos e pide un capitalón polo aluguer.

Os segundos están ocupados ambos. No da esquerda mora a veúva do tenente T e no da dereita, o matrimonio A+B, pais dos sete machos, cada cal máis ruín.

Os terceiros acollen ó chófer do autobús maila esposa, a vecinha V, unha parelha nova sen filhos e, pola dereita, o xardinheiro municipal X, a súa esposa e unha filha que vai para mestra. Son do Deza, no norte provincial e, por veces, van á aldea a aprovisionarse de mazás, ovos, patacas, chourizas ou o que pilhen por banda.

Arriba de todo, no cuarto, vivimos nós e, no da esquerda, fronte por fronte habita dona Xulinha, a protagonista desta historia.

Dona Xulinha é apoucadinha, cativeira, corcovada, pequeneira, pitonha, enxoita e encarrapuchada. Dona Xuliña é fea, moi fea... fea de caralho. A súa voz de grilo resulta desgarradora, o seu riso de chío de rato, patético. Soamente os seus fermosísimos olhos semelhan humanos tras duns horribles lentes. Peiteaba os acastanhados cabelos ca raia ó medio e un ridículo moño. Con todo, a moza non resultaba nada desagradable…de non ser por aquela desastrada roupa do ano da polca dentro da cal agochaba aquela súa timidez patolóxica.

Era moi educada e culta . Adouraba as letras e posuía varias titulacións. Ganhábase malamente a vida impartindo clases de castelán para inmigrantes de tódalas nacionalidades ó tempo que estudiaba chinés e facía traduccións por encarga. Estaba solteira e non se lhe conhecía mozo nin nada parecido e é que dona Xulinha, era feínha coma un croio, deusmeperdoe. Nunca home ningún ousou mirala como non fora para rir dela. Ó seu carón, Adelina Felisa da Sionlla era Miss Universo. E estas cousas tínhana afundida no máis desolador e frío dos purgatorios…

A veúva do tenente T almorzaba a diario na cafetaría de caminho ó ximnasio e se un día aparecía fascinante, no seguinte estaba cativadora. Sempre chegaba á mesma hora. Sempre ocupaba a mesma mesa para consumir o de sempre. Non tinha nin que pedilo; o dilixente e nervioso camareiro pregúntábalhe: "O de costume ?" Ela levantaba o olhar baixo as longas pestanas e, fitándoo cuns olhazos de cor mel, asentía inclinando lixeiramente a belida cabeza. Desde un discreto lugar, o servente axexaba, no espelho trala barra, o reflexo da suxestiva dama apurando o café mailos churros e, cando ela se erguía, el acudía axinha por mor de recolher a mesa e cruzábanse no caminho. A dona ía arrandeándose e deixando tras dela, turbulencias aromáticas que ameazaban con facer perder a estabilidade ó malpocado camareiro, que estaba, sobra dicilo, namorado perdidinho.

No apartamento 2º D, ademais do matrimonio A-B e os sete machos (asi o demo os leve a todos), hai un cadelo e unha parelha de avós veúvos que sempre van xuntos por se facer companha. Son consogros e amigos, que non están "liados" como din algúns vecinhos maliciosos…ademais, a quen importa ? Os "sete machos" son moi especiais. Si un é malo, o outro é peor. Si un é coma o demo, o outro é como a carne do pescozo. No barrio son tristemente célebres; sementan o pánico. Cando venhen ben xuntinhos os sete, son coma a lagosta, unha praga bíblica, unha nube negra. Cada día do ano armarán un mínimo de sete trasnadas. O pai non dá abasto a malhar neles e, ademais, non serve de nada. Váiselhes curtindo o coiro e é coma quen bate nun zoque. Xuntos son coma os hunos, pero o do medio, o Rasputín, ese é o mesmísimo Atila resucitado. O Rasputincinho é moito. É coma un cólico nefrítico. Ou peor.

E, como cada día, algo maquina.

Dona Xulinha está triste, que lhe pasa a dona Xulinha ?

A vida élhe unha carga mala de levar. Cada día é peor que o anterior. Apenas saca para sobrevivir e pagar o aluguer. O seu trabalho non está valorado e pouco ou mal pagado. A metade dos días non come para poder afrontar os gastos. Ningunha man que lhe acuda, nin unha palabra de ánimo, ningún home que a mire…Dona Xulinha está decidida a rematar dunha vez….

A senhora do terceiro esquerda é tan pequena como feita. O xardineiro de enfronte sabe valorar una flor ben formada onde unha coidada polinización é fundamental. E o do Deza é un bo abelhón, ademais de rei da bricolaxe. A miúdo failhe chancas á vecinhinha e sempre cobra en especies. Pero, agora que o penso…todo isto a quen lhe importa ?

Dar conta de todas e cada unha das falcatruadas que argalhaba o Rasputín sería unha tarefa colosal. Tódolos tomos dos Episodios Nacionais só abondarían para empezar. Abordaremos, pois, a última, que non derradeira, que é a que nos interesa de momento.

"Rasputín" sabía que tódolos meses de xulho, o carteiro facía vacacións e que era substituído. Ese feito abondou para inspirarlhe a última, que non derradeira, cabronada cambiando de sitio as etiquetas das caixas do correo. Así de sinxelo. As consecuencias podían ser catastróficas. Ou…quen sabe ?

O longo da minisaia da veúva do tenente T minguaba cousa de un centímetro-día e ó camareiro íaselhe a vida polos olhos mentres o corazón batíalhe no peito o mesmo que unha besta brava no curro de Sabucedo. Non ousou dicirlhe ren pero xurouse que do día seguinte non pasaba. Botou media noite a escribir e a rachar nas folhas pois non acadaba a expresar no papel aquilo que sentía. Cara a manhacinha, acordou por rematar a misiva redactada dun xeito convencional. Comezaba dicindo que debecía por conhecela porque lhe gorentaba moito e desexaba manter unha relación formal con ela. Logo gababa os seus encantos con frases bonitas e algún poema acaído…en fin: o típico. Como primeiro intento de romper o xeo, abondaba. Tan só lhe restaba deixala na caixa do correo da aglaiante veúva. Sabíalhe o nome e o enderezo e non tería problema en traspasar o portal. Esa vez acordou ficar no anonimato; xa se daría a conhecer máis adiante, xa atoparía a maneira. De momento, non. Máis por medo que por cortesía…

Dalí a dous días, dona Xulinha colleu un frasco de pastillas na farmacia e entrou no portal rotulado co número 13. Abriu a súa caixa do correo sen mirar e recolheu unha única carta. Xa no ascensor, fitou a carta por ambos lados.

Era un tanto extranha e recendía lixeiramente a madresilva. Carecía de enderezo e remitente; tan só unhas misteriosas verbas manuscritas: "para ti con amor". Xa dentro do apartamento, a mulher abriu a carta con presteza. Quería satisfacer aquela curiosidade antes de…Despregou o único papel que continha e leuno sen sair do seu asombro. Releuno nerviosa e os seus beizos debuxaron un lene sorriso. De primeiras pensou se non sería unha broma. Leuna outras tres ou catro veces e foise convencendo da sinceridade daquelas palabras, da imperiosa necesidade de crelas…había alguén que a atopaba atractiva, que estaba fondamente namorado dela ! Levantou a vista do papel, ergueuse e respirou fondamente por vez primeira en moito tempo. Ese sinxelo exercicio fíxolhe desaparecer a lixeira choupa ó tempo que dous aletargados vultos cobraron vida e medraron de súpeto no seu peito.

Mirouse no espelho de fronte e de perfil e sorriu. Tinha dúas fileiras de branquísimos e apertados dentes. Tirou os lentes e fitou de preto os grandes olhos turquesa con dificultade. PRecisaba lentinhas e non só. Había alguén que a admiraba e a cousa non tinha volta. Aquela tarde pasouna baixando trapalhada para o carro, no garaxe: libros e apuntes inúteis; quintais de papel, roupa e máis roupa pasadísima de moda, calzado do ano da tose, mil tarecos inservíveis e mesmo algún pequeno moble acarunchado. Pola noite levou toda aquela broza a un descampado baldío e fixo unha meda. Era a pira funeraria do seu pasado. E pegoulhe lume sen máis. Xa na casa, librou o frasco das pastilhas na taza do escusado e tirou pola cadea. Aquela noite durmiu como unha marmota.

O xardineiro X do terceiro dereita pediu unha excedencia no choio e liscou para a aldea, disque para atender as leiras. Non sei eu. Non o vexo moi excravo da terra.

Igual tivo algo que ver que á vecinha V do terceiro esquerda lhe medrase sospeitosamente a barrigola. O caso é que a súa muller non quedou alá moi convencida;

- Non sei eu que andará pintando este caralho alá arriba…

- Suponho que o mesmo que aquí: facerlhe algunha chapuza ós vecinhos e…-díxenlhe eu por temperar a cousa.

- Xa; pero aquí non gastaba un can e eu sempre sabía onde o tinha…

Pero…a que vén todo isto ? a quen interesa estoutra historia ? Vaiamos rematando sen máis andrómenas.

Dona Xulinha alugou andar novo noutro barrio. Mercou un baixo e puxo un centro de idiomas: ensino, traducción, interpretación e mesmo edición. Contratou dúas licenciadas e tenhen trabalho a esgalha. Xa amortizou o emprésito e mercou carro novo. No persoal, o ximnasio, a esteticién e a perruqueira ocúpanse da súa nova e suxerente imaxe.

Trabalha abondo pero aínda lhe queda tempo para atender ós pretendentes que lhe saen coma fungos e mesmo lhe fixeron esquecer aqeloutro da carta aquela…por certo; que sería do chaínhas aquel ?