Comer insectos para non repartir vacas

15 de mayo 2013
Actualizada: 18 de junio 2024

Por enriba de canto PXOM, canto edificio de Facenda, cantas preferentes, cantos espolios de conserveiras, cantas leis de costas poida haber, sobresaltei hoxe as miñas fráxiles neuronas ao escoitar unha nova digna de reventar o planeta. Dar ideas. Esa é a misión de certa política internacional. O mesmo declaran sospeitoso a un dirixente árabe que decretan a supremacía dos mercados sobre os estómagos da xente.

A Fao, esa mansa axencia que se autodenomina encargada do equilibrio alimentario do mundo, recomenda que especialmente os países pobres, e dentro deles, as mulleres, se fixen nos insectos para reforzar a súa alimentación, visto o seu poder nutritivo.

Iso si, como a investigación é danesa e por tanto políticamente correcta, véndeno doutro xeito: son unha fonte proteica barata e doada para as economías menos desenvolvidas, por suposto sen advertir que de convertirse en negocio o cultivo de grilos, xa habería preparadas unhas cantas corporacións para secuestrar o seu intercambio comercial, en virtude da sacrosanta teoría liberal.

Enviar aos menesterosos a recolectar formigas para levar algo á boca é moito máis do que poderíamos agardar dunha empresa da ONU. Os conglomerados internacionais téñennos afeitos á abstracción e á diplomacia hermética, pero hoxe realizaron unha recomendación pedestre para que os pobres coman.

Iso si... que a ninguén se lle ocurra que as vacas poden repartirse, ou controlar a produción de grao para que non se especule co biodiésel. Que ninguén se atreva a pedir un intercambio xusto de traballo por salarios a nivel global; de remover os alicerces da riqueza ou de armar maneiras de acabar co despilfarro provocado pola sobreprodución e o consumismo.

Coman saltóns, grilos e escarabellos. Torren as cascudas dos camiños. Licúen os vermes logo de mirar polo televisor como nos restaurantes da opulencia producen programas nos que se guerrea cos alimentos coma se fosen pezas de parchís, ou nos supermercados envolven as madalenas unha por unha para que non se estraguen.

Díganlle a Sofía, a protagonista de A ira do lume (Henning Mankell, Siruela) que ademáis de perder unha perna e unha irmá por pisar unha mina en Mozambique; ademáis de chorar polo seu amor diluido no sexo fácil, de ver cómo parientes ou amigos morren de sida ou de sede, debe poñerse a recoller pequenos anacos de vida silvestre dos camiños para resolver a súa terríbel relación coa proteína.

15-05.2013