Coidado cos móbiles, señora comisaria, que os carga o demo

06 de octubre 2024
Actualizada: 07 de octubre

"Anulan a sanción a comisaria cesada en Pontevedra por dicir que "xa lles gustaría a algunhas que as violara un antidisturbios. O Tribunal Superior de Xusticia de Madrid considera as declaracións como "desafortunadas", pero sen que isto requira da amonestación."

"Anulan a sanción a comisaria cesada en Pontevedra por dicir que "xa lles gustaría a algunhas que as violara un antidisturbios.

O Tribunal Superior de Xusticia de Madrid considera as declaracións como "desafortunadas", pero sen que isto requira da amonestación."

 

Este é o titular co que espertábamos hai uns días e que viña a confirmar, vergonzosa e tristemente, o que xa no seu día, alá polo 2022, cando as deleznables palabras da ata entón comisaria de Pontevedra, Estíbaliz Palma, saíron a luz, desde Si, hai saída, prognosticamos que ía a suceder , como, por outra banda, o sabía todo o mundo.

A única diferencia é que nós o dicimos abertamente.

 

Lembremos que estas manifestacións foron gravadas cando a comisaria tomou a palabra no transcurso dun xantar de homenaxe a un funcionario da Unidade de Intervención Policial (UIP) que resultara gravemente lesionado nunha intervención con ocasión dos graves incidentes acontecidos no ano 2019 en Barcelona durante as manifestacións polo proceso independentista catalán, por outro asistente á mesma, que as filtrou posteriormente, á que acudiron unhas 40 persoas, a maioría integrantes do CNP e algún particular, tendo unha notable repercusión mediática, toda vez que, naqueles momentos, a Sra.Palma ostentaba a xefatura da Comisaría Provincial de Pontevedra, e por mor das cales foi cesada de xeito inmediato.

 

Non imos debullar aquí todos os argumentos que esgrime o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, porque non nos chegaría o tempo nin o espazo, pero si algúns dos mais significativos, como quenon se trataba dun acto oficial, nin actuaba en representación do cargo que entón ostentaba, polo que non se pode afirmar que existira un incumprimento manifesto das súas obrigas e deberes, ademais de subliñar o feito de que non existiu en ningún momento a intención de que tales comentarios transcenderan fóra dese eido (obvio!), que as gravacións se realizaran sen o coñecemento nin a autorización da entón comisaria (máis obvio aínda!), para rematar afirmando que as palabras desta señora foron "desafortunadas", pero que non existe xustificación para o reproche sancionador, polo que ordena a Dirección Xeral da Policía que lle reintegre as retribucións que se lle tiveran eventualmente detraídas, así como os correspondentes intereses legais.

E punto.

 

En resumo, o problema non foi, nin é, polo visto, a salvaxada que soltou pola boca esta señora, que reflicte o seu pensar no que atinxe frivolizando con algo tan grave como agresións sexuais , así como coa violencia de xénero, senón que transcendera.

 

Tampouco se ten en conta o feito de que alguén a gravara, que si, pode ser algo anecdótico, pero que non deixa de resultar un tanto sospeitoso e que puidera significar que alguén lle tiña "gañas" e a ocasión lle veu ao pelo, porque gravar e gardar como recordo, é unha cousa. Filtrar a gravación aos medios, outra moi diferente, e máis aínda tratándose de quen se trataba e do cargo que ostentaba.

 

Pero o máis grave, aínda non e isto, que xa o é abondo, se non a cortina de fume que, coma sempre que algunha "fazaña machista" ou neglixencia relacionada coa violencia de xénero, que non son poucas, ten que ver con algún integrante das FCSE, se corre. Mutismo absoluto.

 

A señora comisaria vai volver coa súa honra debidamente lavada e os petos saneados, pero por se isto non abondara, semella que ninguén se decata, ou se quere decatar, das consecuencias que esta decisión implicará máis alá, naturalmente, do seu beneficio.

 

De entrada, deixa claro, unha vez máis, os criterios que se teñen en conta cando se trata das FCSE, o cal ven a demostrar que é inútil canta loita contra a violencia de xénero ou a violencia sexual se leve a cabo.

 

Igualmente claro queda que a sensación de impunidade é o mellor estímulo para os potenciais delincuentes ou os reincidentes, porque por moi comisaria que fose, o que esta señora fixo, foi maltratar (verbalmente, si; pero non deixa de ser maltrato).

 

En segundo lugar, non é difícil adiviñar cales van ser as consignas que esta muller lles dará aos axentes ao seu cargo en canto aos delitos e delincuentes relacionados coa violencia machista, nin o que as vítimas poden agardar dela.

Calquera cousa agás axuda, eso, seguro, por moito que tente aparentar o contrario, alomenos inicialmente.

 

En terceiro lugar, unha vez máis vemos a auténtica cara de certo "feminismo", liderado por aquelas que amarran as pancartas, as camisetas e as perrucas lilas cando toca, nas datas D, coma se lles fose a vida niso, e que non dubidan en ir berrar ás portas dos Xulgados cando albiscan cámaras e micrófonos, pero que, ante uns feitos tan sumamente graves, ficaron agochadas e caladiñas, nas súas "covas" cando todo isto sucedeu, e continúan de igual xeito ante tan desatinada e inxusta resolución.

 

Ao fin e ao cabo a Sra.Palma era a súa "amiga", moi "cercana", seica, demostrando, ademais, que é moi intelixente, e sabía moi ben a quen se tiña que achegar para acadar popularidade, e, ademais, a pouco que nos descoidemos, xa nos poñemos no 25N, e o "caché feminista" está asegurado.

Para que complicarse a vida e poñer en risco o que lles solta ese sistema que tanto denostan?

 

Por certo, van ter un dobre motivo de celebración, xa que cando se produciron estes feitos, a Sra. Palma acababa de aprobar o curso para Comisaria Principal, polo que, aínda por riba, val regresar cun cargo superior ao que tiña cando a pillaron con carriño do xeado.

Perdoada e ascendida, que lles parece ás que tanto berran, reitero, contra o sistema, dos que unha gran parte delas viven, dito sexa de paso, e nada mal?

 

Estamos, en definitiva, se mire por onde se mire, ante unha auténtica aldraxe, un insulto atroz, ás vítimas de violencia machista e sexual, máis grave aínda se cabe por proceder de quen procede, de quen se supón debería protexelas, coidar de que así se faga, e non contribuír a maltratalas.

 

Pouco máis pódese engadir.

Tan só reafirmarnos na dura realidade de que a loita contra a violencia machista está máis que perdida e recordarlle á comisaria que, dado que é bastante improbable, por non dicir imposible, que mudase o xeito de pensar, e quen maltrata unha vez, reincide, a próxima vez que bote a lingua a pacer, porque, por moita precaución que teña de tentar evitalo, algunha vez baixará a garda, seguro, lembre que debería ter en conta que os móbiles os carga o demo.

 

Asociación Si, hai saída