Cegoñas no fondo da ría: Unha Pontevedra austral

19 de octubre 2014
Actualizada: 18 de junio 2024

Nestes días en que os azarosos vaivéns dos acontecementos nos conectan coa realidade máis dolorosa de África, imos trazar desde aquí outra liña de moi diferente signo, aproveitando a dubidosa celebración anual do inicio da europeización do planeta, para lembrar que nalgunha parte dese continente existe unha cidade, ou os restos dunha cidade, que tamén foi Pontevedra. Referímonos á que fundou a finais do século XVIII o afoutado navegante Darío Insua. Aínda que existen outras vilas en distintas partes que levan o nome da nosa, así en Arxentina, USA ou Filipinas, esta ten unha historia e un carácter tan especiais que merece ser recordada.

O relato comeza en agosto de 1790, cando o capitán de corbeta Darío Insua, retirado da vida militar, presenta documentos do Alto Estado Maior do Exército para fretar con urxencia unha nave e contratar tripulación para unha expedición científica ao centro de África. Segundo explicou, o proxecto era a resposta española á creación en Inglaterra da chamada African Association, que, xestada para impulsar a exploración das terras do Nixer, ameazaba con servir de plataforma para a captación das rotas comerciais do deserto, daquela centralizadas na mítica Tombuctú. Xa o ano anterior partira outra misión patriótica baixo o mando de Alessandro Malaspina, tamén de carácter ⿿científico y recreativo⿝, que circunnavegaría o planeta co obxectivo de contrarrestar a crecente presenza de ingleses e franceses no mar do Sur, antano considerado de propiedade española. A tarefa encomendada a Insua era explorar o curso alto do río Kongo; se os ingleses eran capaces de gañar o Níxer, os galegos terían que ir máis alá, sempre un reino por diante. Meses máis tarde saberíase que a orde do Estado Maior era falsa, e que o que en realidade buscaba o militar era fuxir da península ante o temor a que se desvelase a súa participación no fracasado atentado contra o conde de Floridablanca, secretario de Estado, no medio do ardor xusticieiro desatado pola Revolución Francesa. Non obstante, non se dubida do seu interese investigador, á vista da súa formación como xeógrafo e dalgunhas publicacións e memoriais académicos.

A nave fretada era unha vella goleta de tres paus de nome Mar de Ons, antano dedicada á cabotaxe por toda a península, que foi armada cunha decena de canóns mais o material necesario para a súa finalidade científica, todo a cargo da delegación ministerial. Ademais dos catro oficiais e trinta e dous mariñeiros da tripulación, conformaban a tropa un hidrógrafo, un astrónomo, dous naturalistas, un médico, vinte artilleiros, un arquitecto debuxante e un cronista, que deixarían constancia fiel dos logros da expedición.

Na primeira semana de setembro, o Mar de Ons partiu dos peiraos das Corvaceiras, seguiu a costa portuguesa e, cando alcanzaba o Magreb, tivo que afrontar o ataque de piratas turcos a bordo de dous pataches. Conseguiron fuxir tras un intercambio de disparos e dirixíronse a Santa Cruz de Tenerife para renovar o aprovisionamento. A seguinte arribada foi na illa de Gorea, península de Cabo Verde, onde puideron asistir á carga dun galeón de escravos que partía para Brasil, o que para homes ilustrados coma aqueles constituía un lamentábel espectáculo de degradación e impiedade.

Máis adiante, cando levaban xa case tres meses de navegación, tras sortearen un forte trebón que durou días e arrastrou da cuberta dous homes, fondearon nunha baía abrigada, vizosa e de aspecto amigábel que, porén, non figuraba nas cartas dos navegantes que exploraran o golfo de Guinea. Desembarcaron en lanchas coa idea de repoñeren auga e alimentos frescos e, ao mesmo tempo, facer algunhas medicións cartográficas. Tiveron que fuxir ante o ataque dunha grea de simios que lles roubaron a maior parte da caza e aínda os atacaban a eles sen que os mosquetóns fosen suficientes para paralos.

Sobrepasada a desembocadura do Níxer, dobraron cara ao sur en dirección á illa que Fernão do Põ bautizara como Flor Formosa, onde tiveron que combater contra un destacamento de ingleses que previamente expulsaran a gornición española. Os ingleses refuxiáronse na selva e os galegos apropiáronse das súas provisións de alimentos e guindáronlles ao mar as municións.

En poucas xornadas máis alcanzaron por fin o ancho esteiro do río Kongo, que moitos aínda chamaban Zaire, onde un padrão erixido trescentos anos antes polo seu descubridor Diogo Cão proclamaba a soberanía de Portugal na zona. O capitán Insua ordenou a remontada do río, mais a unhas 70 millas deron cunha serie de portentosas fervenzas que os obrigaron a abandonar a nave. Bautizáronas como Cachóns da Moureira, nome que máis tarde se cambiaría de forma inexplicábel por Fervenzas Livingstone. No desembarco, o capitán foi atacado por un crocodilo e perdeu a man esquerda; non o lamentou, ao lembrar que o descubridor Diogo Cão perdera, en idéntica circunstancia, a vida.

Todo o relato da viaxe ata aquí quedou recollido nos diarios que deixaron no Mar de Ons. A partir de aí, da serie de aventuras vividas pola expedición no seu percorrido a través da selva centroafricana, soportando o inclemente clima ecuatorial e o acoso de feras e enfermidades mentres examinaban o terreo e tomaban documentación, só temos noticias fragmentarias chegadas a través de expedicionarios posteriores. De todas elas destacaremos dúas: a primeira improbábel; a segunda, probada.

Certo día, mentres se bañaban no río no medio de veados e insectos nunca vistos, decatáronse de que eran observados por un grupo de mulleres. Seres de tan exótica beleza, cos seus corpos de acibeche semiespidos e expresión amigábel, acenderon axiña o desexo dos homes que levaban meses lonxe das súas esposas e noivas, co que non dubidaron en achegarse. Só o capitán, os oficiais e un poucos máis ficaron atrás, reclamándolles prudencia. Seguindo o sorriso e o randeo das mozas, chegaron a un poboado no que, ouh sorpresa, vivían só mulleres. Un reino habitado por deusas fermosas e hospitalarias era o máis lóxico que se podía esperar naquel paraíso salvaxe, pensarían mentres abandonaban equipaxes e armas e se preparaban para vivir horas de gozo. E niso estaban cando, un tras outro, na escuridade das cabanas, foron apreixados por moreas de fortes brazos e arroxados a un profundo foxo. Había alí outros homes de distintas etnias, que lles deron a entender que eran mulleres caníbales que prendían homes para usalos como reprodutores e despois servir de comida en sanguentos festíns. Non tardaron en comprobar como, efectivamente, ao pouco guindaban lazos cos que pillaban algún preso e o elevaban no aire. As empinadas paredes impedíanlles fuxir, mais os compañeiros que quedaran atrás acudiron pola noite a rescatalos; os seus disparos fixeron recuar as furiosas indíxenas, caendo moitas mortas na refrega.

Tras meses de peregrinaxe, avistaron un mar que creron o océano Índico, co que deduciron que cruzaran o continente enteiro. Mais resultou que, en realidade, era un inmenso lago. Cansos de viaxar, maltreitos, desorientados e xa sen municións, as opinións dividíanse entre regresaren ao Mar de Ons ou continuaren ata o Índico para esperar un barco que os rescatase. Mais o capitán Insua convenceunos de que aquel reino era o seu destino e que debía ser conquistado para maior gloria da súa patria. Tras unha cerimonia simbólica, bautizárono como Nova Galicia e o lago, Castiñeiras. O país na actualidade coñécese co nome de Uganda, tomado da lingua dos seus habitantes, como é o natural; o que non é natural é que ao lago se lle cambiase por Victoria Lake, en honra da raíña de Inglaterra. A estas alturas, quen pode dicir que non é inxusto escamotearlle a aqueles valentes galegos a gloria da primeira exploración europea no interior de África para dárllela a uns ingleses, Livingstone e Stanley, chegados setenta e cinco anos despois?

Construído o campamento cos escasos avíos que lles quedaban, dedicaron as xornadas seguintes a explorar a zona. Descubriron poboacións de xentes pacíficas coas que, tras a inicial desconfianza mutua, acabaron por estabelecer prácticas relacións de coñecemento e intercambio, ata o punto de que os emparellamentos mixtos se fixeron cousa común e as novas xeracións foron individuos mestizos que tanto falaban suahili como galego.

Nostálxicos da Pontevedra á que sabían que non ían volver nunca, os expedicionarios decidiron abordar no tempo que lles quedase de vida unha ambiciosa empresa: a de construír naquela bahía tan semellante a unha das Rías Baixas, incluso cun río que recordaba o Lérez, unha réplica exacta da cidade en que naceran. O arquitecto coñecía de memoria o seu plano e a traza dos edificios principais e todos aportaron datos das súas memorias. Iso obrigounos a formar albaneis e carpinteiros entre os nativos, e tamén ferreiros para que forxasen as ferramentas precisas, e mineiros para teren ferro e canteiros, leñadores, teceláns, xardineiros... Contando cunha man de obra indíxena duns mil homes, levoulles trinta anos levantar aquela loucura; mais, finalmente, alí estaba Pontevedra, para felicidade dos galegos e abraio dos demais: a muralla, as rúas enlousadas, as casas nobres e as dos paisanos, as igrexas e hospitais, o Concello, as prazas. Os galegos intentaron que os africanos vivisen tamén nela, mais iso durou un tempo; como non se afacían, conforme aqueles ían morrendo de vellos, a cidade ía quedando abandonada.

No tempo que seguiu, a primeira vez que os descendentes viron rostros de brancos foi en 1871; era precisamente a célebre expedición de Henry Stanley, quen se dirixiu ao cacique local, de pel moi pálida, cun sucinto "Doctor Livingstone, I suppose". Este, chamado N`Butu Insua, contestoulle na lingua que resultara da fusión entre o suahili e o galego, o suahilego: "Vai´ch boa!".

Naquel tempo, a Pontevedra austral xa fora invadida pola vexetación. Cun pequeno esforzo, somos capaces de imaxinar cebras e panteras entrando polas portas da muralla, búfalos trotando pola rúa Real, chimpancés saltando de liana en liana no interior de Santa María, elefantes bruando diante das Torres Arcebispais, cervos pastando na Ferraría, flamencos voando sobre a fortaleza dos Cruu, garzas e ibis, mambas e cobras reais, sapos xigantes e bolboretas de luz, asomando polas fiestras e os campanarios, reptando sobre as lousas, renovando a vida entre os restos da cidade que morría xunto co seu recordo.

subir imagen

ÿleo de Manolo Moldes