Chegou a nós certo conto que disque se contaba nestas latitudes no tempo dos castros. Coa necesaria modernización dos topónimos, reza máis ou menos así: "Os habitantes de A Coruña aseguran que cando soben ao faro de Hércules son capaces de dexergar Irlanda. Os do Barbanza, que non queren ser menos, aseguran que desde a cima de A Curota alcanzan a divisar as costas de América. Abofé que teñen boa vista; mais iso non é nada. Os de Pontevedra, con empoleirármonos á Pedra da Serpe, se esperamos un pouco somos capaces de ver a nosa propia caluga." Aínda que a alusión a América e á esfericidade da Terra nos fai pensar nunha elaboración máis recente, o chiste déixanos entrever que o chovinismo identitario vén de vello e que se pode referir aos asuntos máis nimios, como son a agudeza visual e a altura das cimas locais.
Na presente atopocronía imos achegarnos precisamente ao tempo anterior aos romanos, tomando como pretexto a recente escavación arqueolóxica desenvolvida no Castro das Croas, Salcedo. Pretendemos desempoar certo suceso antigo que deu pé a tradicións aínda vivas, e será a mesma Pedra da Serpe que se cita no conto o fío condutor do relato. Aínda que existen en Galicia moitos lugares que reciben ese nome, en xeral asociado a restos megalíticos, descoñecemos o emprazamento exacto do noso, se ben certas evidencias o sitúan nalgunha parte de Cotorredondo. Como sucede tantas veces con sucesos do pasado, malia que bebemos en fontes fiábeis, axiña acharemos que a narración introduce elementos lendarios, que, porén, non invalidan o seu fondo histórico.
Sucedeu como cinco ou seis séculos antes do inicio da nosa era. Certo día, chegou ao areal de Lourizán unha chalana de vimbio forrada de coiro. No seu interior amoreábanse unha ducia de persoas que, polos seus louros e sedosos cabelos, a pel e os ollos claros, a alta estatura, se recoñeceron provenientes do norte xélido. Viñan en situación moi precaria e foron socorridos polos paisanos que atendían os rabaños ou mariscaban na ribeira. Resultaron ser unha familia de danis ou daneses que fuxiran á desesperada dunha invasión de guerreiros do Báltico e, perdida a orientación, o océano acabara por guialos ao seu capricho. Unha das viaxeiras era a propia filla do rei que estaba sendo atacado; o seu nome era Abyl e andaría polos doce anos. Os que a acompañaban eran familiares, serventes e gardas.
O xefe da tribo, de nome Torsino, cedeulles un predio onde levantaron unha cabana que adornaron con motivos da súa cultura, entre eles a figura dun dragón ou serpe alada. Tamén lles cedeu un campo para traballar e a participación nos labores colectivos, co que axiña se integraron no vivir dos nosos devanceiros.
A princesiña medrou sa, fermosa e espelida, e axiña foi requirida polos mozos máis afoutos e galáns. Mais ela, de caste nobre, amosábase reticente ao trato cos aldeáns, preferindo un altivo distanciamento á espera de recibir noticias da súa patria. De feito, en canto tivo ocasión enviou unha embaixada de catro homes que debían seguir a liña da costa para algún día, con sorte, arribaren a Escandinavia. Mais os anos pasaron e as noticias non chegaban.
Abyl, aínda sendo muller, como membro da aristocracia estaba iniciada nos segredos da escritura rúnica que practicaban os amanuenses de palacio. Descubriu que entre os galaicos se utilizaba un sistema moi básico de signos para a contabilidade nos celeiros e no mercado, probabelmente aprendido dos pobos fenicios cos que adoitaban comerciar. Cunha habilidade singular, foi capaz de artellar unha síntese entre ambas as grafías que permitía a transcrición da fala do país.
Ensinoulles a súa arte a mozos e anciáns e, aínda que lles pareceu divertida como xogo, outra utilidade non lle atoparon. Porén, o forte compoñente máxico da escritura fíxolle gañar fama como muller de poder, atribuíndoselle facultades curadoras e divinatorias. Non lle desgustou á princesa a veneración que espertaba, antes deixou que medrase rodeándose dunha fonda afectación teatral, e ata abriu unha consulta na que, deitando sobre a area as súas teselas gravadas con misteriosos grafismos, vaticinaba o futuro, daba consello e resolvía problemas a cambio de xenerosas doazóns en ouro e pedras brillantes. O seu éxito espertou a envexa do meigo oficial da tribo, quen, vendo perigar o seu posto, intrigou diante do xefe acusándoa de trampulleira e cobizosa e esixindo a súa expulsión.
Mais sucedeu que un dos mozos que máis porfiaba en facerlle as beiras a Abyl era o fillo maior de Torsino. Despois de rexeitalo varias veces, a sabia ofreceuse a tratar profesionalmente o seu mal de amores. Botou as teselas diante del, previa invocación aos deuses, e leu nos signos que só conseguiría o seu propósito se era capaz de desafiar e matar o meigo da tribo. O namorado mancebo, malia o conflito ético que se lle presentaba, loitou conta o meigo e as súas artes extremas. Conseguiu derrotalo e cortarlle a cabeza, mais ficou tan debilitado que acabou por morrer tamén. Entón o seu pai, cego de carraxe, ordenou que Abyl fose encerrada nunha cova xunto con todas as súas riquezas e que a entrada fose tapiada cunha morea de pedras deixando só un pequeno burato para que entrasen o aire, a luz e a auga da chuvia, a fin de que tardase en morrer e sufrise o máis posíbel.
Non pasara moito tempo, cando entrou pola ría unha frota de gráciles e potentes barcos, coa feitura dos que hoxe chamamos drakkars, nos que destacaba como ornamento a figura da serpe alada. Neles viñan o rei dos daneses e a súa corte con varios centos de vasalos. Resultou que a embaixada enviada pola princesa chegara por fin a Escandinavia despois de moitos avatares e o monarca acudía en persoa a recoller a súa filla e agradecer as atencións que lle prestaran. Asemade, traía intención de abrir comercio entre ambos os reinos e os que descubriran no periplo pola Europa atlántica.
Unha vez que soubo do tráxico destino da súa querida filla, acendido en cólera, decretou a destrución de todas as aldeas do reino e a morte de todos os habitantes empezando polo seu xefe. Diante da cova onde a encerraran, o rei chorou todos os chorares e, por intentar recuperala, ordenou aos seus guerreiros que camiñasen en círculo por diante da entrada en sentido contrario ao do Sol, e que en cada viaxe sacasen unha pedra e a guindasen lonxe; quizais intentaba lograr que o tempo correse cara atrás e encontrar a súa filla viva. Non a encontraron viva, mais tampouco morta, nin acharon o vasto tesouro que enterraran con ela, o único que testemuñaba a estanza de Abyl na cova era unha taboíña de barro na que figuraba gravada o que parecía unha oración ou ensalmo para fuxir da morte. Alguén suxeriu que, sendo meiga acreditada, talvez se evadira polo burato convertida en serpe, o animal totémico da súa raza. O rei, máis realista, ordenou que se levantase unha pedrafita diante da cova na súa memoria, que se gravase no seu pé unha serpe votiva e, tras maldicir aquela terra e as súas xentes, regresou ao norte. Os poucos que sobreviviron á ira do danés abandonaron, aterrados, a costa e non volveron durante séculos. Historiadores gregos deron conta desta migración en versos nos que os galaicos eran denominados oestrimnios e o país, Ophiussa, terra de serpes.
Moi interesante para nós é que o rezo da princesa estaba escrito en dúas linguas: nun lado da prancha, en caracteres rúnicos; no outro, na grafía que ela inventara e que seguramente non foi a única escritura que coñeceron os galaicos antes do latín. Cónstanos que o documento, a través de inescrutábeis camiños, chegou a formar parte dos fondos da Biblioteca Panxeica de Pontevedra, da que se falou nun texto anterior, ata que esta foi destruída nun pavoroso incendio. Foi gran mágoa a perda do que sería a Pedra de Rosetta da nosa cultura antiga, que serviría para coñecer algo da súa lingua e para romper coa crenza de que os nosos antepasados eran ágrafos.
A historia da princesa escandinava non remata na súa morte cruel e na máis cruel vinganza que lle seguiu. Transcorrido moito tempo, xa co país repoboado e colonizado polos romanos, cóntase que certo mozo pasaba co seu rabaño de cabras por fronte da cova, cando viu unha fermosísima muller que, arrimada á Pedra da Serpe, peiteaba os seus louros e suaves cabelos cun resplandecente peite de ouro. A moza ofreceulle o peite e mais todo un tesouro que gardaba na cova se aceptaba casar con ela. O rapaz aceptou e, en canto tocou o peite, ficou convertido en serpe. Esta historia repetiuse varias veces máis ou menos nos mesmos termos, o que explicaba a desaparición de persoas e a abundancia de réptiles. Para conxurar tal maldición, sacerdotes pagáns ordenaron un ritual que se había repetir cada ano consistente en dar voltas arredor da pedrafita e guindar coios lonxe. O maleficio da moura, como foi catalogada a muller do peite dourado, desapareceu por un tempo, mais regresaba cada vez que se deixaba de practicar o rito máxico.
Seguiron pasando as décadas e as xeracións e, nun momento dado, co imperio en pleno declive e a nova aristocracia sueva dominando o país, a Igrexa católica, no seu esforzo por impoñerse á espiritualidade antiga asimilando os seus elementos, botou man do mito da Pedra da Serpe, mais reorganizou algunhas partes: a altiva princesa escandinava pasou a ser unha rapaza do lugar chamada Abilia, modelo de graza e virtudes, a cal foi pretendida por un rei sanguinario adorador do Demo en figura de serpe, e como ela non cedeu aos seus caprichos, foi enterrada viva na cova. Ascendida a santa, construíuselle sobre a cova un pequeno templo e a pedrafita converteuse nuncruceiro con toda a simboloxía ao caso: na cima, triunfal, a cruz; no pé, humillada, a serpe. E dedicóuselle unha festa anual a que acudía moita xente a curar, dando voltas en redondo e guindando coios, o indefiníbel meigallo.
A suposta historia da mártir Abilia foi calcada con pequenas ou grandes variacións noutros lugares e adxudicada a persoeiros diferentes, mesmo varóns e na propia comarca pontevedresa. A que nós contamos sabemos que tivo vixencia nalgunha parte de Cotorredondo ata mediados do século XVIII, e aínda que hoxe non se conserva ningún resto, é a única que bebe na fonte orixinal da primeira das incursións escandinavas en Galicia, incursións que se prolongarían na Idade Media xa baixo a marca de "vikingos". Rematamos facendo notar ata que punto o mito antigo convive co actual, de xeito que os paisanos, ao tempo que veneran os santos da igrexa oficial, refugan as tentacións de mouras e tesouros maléficos cos ritos do paganismo.
IMAXE: "Fantasía", escultura de José Luis Penado