Cegoñas no fondo da ría: Ravachol, a lenda

16 de marzo 2014
Actualizada: 18 de junio 2024

Acae nesta ocasión dedicar un espazo a repasar a vida e milagres dun dos personaxes máis carismáticos, entrañábeis e universais de Pontevedra. Estámonos a referir ao loro Ravachol, cuxas cinzas están aínda quentes porque é neste mes do Entroido cando ritualizamos a súa cíclica morte. Por certo, a Academia prefire que digamospapagaio e non loro, por ser este termo estranxeirismo nocivo; acatamos a recomendación, aínda que, en rigor, que palabra non tivo outra vida no pasado?

Seguramente parecerá prolixo o esforzo, xa que sobre Ravachol existe unha ampla produción tanto xornalística como literaria, plástica e musical, que fai do noso papagaio un dos animais non humanos máis coñecidos, ata o punto de que está en trámite o seu ingreso no Salón da Fama da Fauna Universal. Con todo, existen treitos da súa biografía e aspectos da súa personalidade que non adoitan figurar nas crónicas, polo que non estará de máis un achegamento que se sume aos traballos existentes.

O que sabemos é que o papagaio chegou á botica de Perfecto Feijoo no ano 1891 como agasallo dun seu amigo, músico de oficio. Daquela era unha rareza exótica; o profesor Filgueira Valverde suxeriu que podía ser descendente das moitas aves que chegaron de América co célebre cargamento que ingleses e holandeses atacaron en Rande en 1702, as cales, no fragor do combate, se espallaron por toda a contorna. Desde o primeiro momento, formou parte da rica vida da botica da Peregrina, participando tanto nos coloquios que reunían arredor do banco de pedra importantes personalidades do momento, como na incansábel actividade musical de Feijoo dentro do coro Aires d'a Terra que el mesmo fundara e que pasa por ser o primeiro coro galego. Coñecido de todos os pontevedreses era o dominio que o animal tiña da fraseoloxía máis canalla do noso idioma e o acerto na oportunidade do seu uso, contándose por ducias as anécdotas que se lembran dos seus parlamentos irreverentes; tal foi o motivo de que se lle puxese o nome de Ravachol, tomado de certo activista francés próximo ao anarquismo que conquistou fama polos seus atentados destemidos contra persoas e institucións pola vía da acción directa radical.

O falecemento do ilustre pico de ouro produciuse en xaneiro de 1913, disque dunha enchente de sopas de cabalo canso, larpeirada que lle gorentaba especialmente. O seu cadáver foi embalsamado e exposto pola Sociedade de Artesáns no Circo-Teatro do Campo da Feira, hoxe xardíns de Vicenti, onde se lle dedicou unha choqueira despedida cualificada como "Velada infausta", con presenza de autoridades, gran aparato teatral e abarrote de público, para a seguir levalo a enterrar na finca que Perfecto Feijoo posuía en Mourente.

Ata aquí, a biografía autorizada de Ravachol. Mais nada se nos conta da súa historia antes da chegada a Pontevedra, cando hai nela episodios de dignísima memoria cuxo coñecemento sen dúbida agrandaría a súa lenda.

Para comezar, debemos poñer en dúbida a tese do profesor Filgueira sobre a proveniencia do animal, unha tese moi creativa pero con poucos visos de verosimilitude en comparación coa que imos aportar seguindo o rastro dunha serie de documentos e testemuñas variadas. Velaquí.

Contan os cronistas que seguiron a Hernán Cortés no seu periplo por terras americanas que, cando Moctezuma, o vencido emperador dos mexicas, faleceu de morte oprobiosa, o seu espírito viuse obrigado a realizar un percorrido reparador que comezaría no reino vexetal. Daquela, transmigrou primeiro a unha planta de millo, permanecendo dentro desta especie durante un século terrestre. Retornou ao ciclo animal, sendo primeiro cempés, logo ra lémure, e seguiu ascendendo pola escala evolutiva para devir finalmente en ave, decantándose na súa última encarnación pola clase dos psitácidos; no mundo animal permaneceu case outros trescentos anos. Das etapas precedentes apenas se sabe nada, toda vez que no transo da transmigración o individuo perde conciencia da súa identidade e mantén un comportamento propio da especie que o acolle. Outro tanto ocorrería coa súa fase como papagaio, a non ser porque os seus instintos socializadores e aptitudes comunicativas lle conferiron unha individualidade que para si quixeran moitos humanos.
Durante décadas permaneceu o papagaio que outrora fora Moctezuma pola península de Iucatán, quizais, sen el sabelo, agardando o momento de recuperar a forma humana e, con ela, os seus títulos imperiais. Amigábel cos humanos e docto en antigas linguas amerindias, non tardou en ser visitado na súa árbore polos indíxenas maias e zapotecos da contorna, que lle atribuían dotes de oráculo. Era característico que, no momento de maior transo, o papagaio fixese estremecer a selva cun chío abouxador. Logo, en momentos de soidade, translucía unha fonda nostalxia na contemplación do océano Atlántico, talvez intuíndo que o pobo que o derrotou e humillou proviña do lonxincuo alén mar.

Tal era a súa fascinación peláxica, que un día decidiu botarse ao aire seguindo o voo migratorio que iniciaba unha bandada de alcatraces. Mais cansou axiña, pois as súas ás non estaban preparadas para semellante travesía. Pensou morrer no mar, dado que tampouco podía volver atrás, mais quixo a sorte que dexergase entre a brétema os paus da velame dun barco, onde foi pousar. Tratábase do bergantín do capitán Luiz de Sousa, famoso corsario portugués, cuxa tripulación o acolleu con ledicia e adoptou como animal fetiche co nome de Flai. Durante os anos en que asistiu aos asaltos e atropelos dos piratas do Caribe, o animal aprendeu unha media ducia de novos idiomas, entre eles galego; mais sobre todo aprendeu a verba tabernaria dos homes afoutos que se enfrontaban cada día á morte, xa viñese polas ondas do mar, nos gumes das espadas rivais ou na soga das autoridades. Asemade, Flai fixo nacer para sempre o tópico do papagaio do pirata. Robert Louis Stevenson contou nunha entrevista como no ano 1879, cando viaxou coa súa esposa a América, coñeceu a Luíz de Sousa, que tiña a súa base nas illas Caimán, e como a imaxe do corsario coa ave pousada no ombro lle deu a idea do Capitán Flint que acompaña permanentemente a Long Jhon Silver en A illa do tesouro.

Luíz de Sousa perdeu a propiedade do animal nunha taberna de La Habana por causa dunha aposta contra un aventureiro norteamericano dedicado á música. O seu nome era Allan Potter e daba clases de piano ás fillas do capitán xeneral de Cuba, daquela unha colonia española, aínda que en realidade actuaba como espía das autoridades dos USA, que anhelaban anexionar a illa. No tempo que botou con Potter no palacio gobernativo, Flai adquiriu unha formación musical básica que engadiu aos seus moitos saberes, destacando especialmente a calidade da súa afinación, por ser posuidor do oído absoluto, e a graza dos chíos apaixonados con que adornaba as súas interpretacións. A ave tomou tal confianza co gobernador, que o músico a utilizou para lurpiarlle informacións.

Hai que engadir que neste tempo Flai viviu unha aventura sentimental cunha conxénere de suaves tons morenos que frecuentaba os xardíns da residencia. Mais nalgún momento foi descuberta a espionaxe, polo que Potter e o animal tiveron que emprender unha fuxida apresurada cara ao norte. Coa dor de perder a súa compañeira, Flai permaneceu mudo durante semanas enteiras.

Naquela época, ofrecíase o norte como un mundo en evolución con grandes oportunidades para xente emprendedora. Foi así como o papagaio viviu unha serie de episodios que o levaron a percorrer os derradeiros escenarios do escravismo, da construción do ferrocarril intercontinental, das cabalgadas dos indios das chairas e dos pistoleiros convertidos en heroes de lenda. Alá polo 1885 atopámolo, co nome de Ringo, divertindo os parroquianos nun saloon de Denver, onde foi adquirido por axentes artísticos para traballar no fabuloso Buffalo Bill's Wild West, o espectáculo circense do máis famoso cazador e guía de caravanas do far west americano, Buffalo Bill, que ía de costa a costa coa súa inmensa montaxe colleitando éxitos. A viaxe que o circo emprendeu a Europa en 1889 deulle por fin a oportunidade de coñecer o vello continente, satisfacendo así esa curiosidade atávica. A derradeira actuación celebrouse en Pontevedra, e foi todo un acontecemento. Dise que as carpas ocupaban unha ducia de veigas na parte de Tomeza. Cando se dispuxeron a regresar a América, o papagaio ficou tan prendido das nosas fragas que solicitou ao seu xefe Búffalo Bill permiso para abandonar o espectáculo.

Así foi como veu dar á botica de Perfecto Feijoo, na cal, con novo nome, compartiu un treito importante da historia pontevedresa deixando constancia dos moitos saberes adquiridos na súa axitada vida. No propio coro Aires d⿿a Terra, co que cantaba ás veces coa súa monteiriña feita á medida, descubriu por fin a verdadeira natureza dos chíos que levaba emitindo desde sempre: eran aturuxos.

Pénsase que o falecemento lle chegou a Ravachol cando estaba a piques de rematar o ciclo da súa evolución transmigratoria, e que o seguinte estadio sería como humano, o que lle permitiría finalmente saber quen era, de onde viña, cara a onde ía, e todo iso que chaman o sentido da existencia. A partir desa idea, alguén fixo correr a tese de que a súa última reencarnación foi como John Balan, o que explicaría a atracción que este entrañábel artista sentía por América, aínda que quizais se equivocou de subcontinente.

Décadas despois, no ano 1985, a figura de Ravachol foi recuperada como símbolo do Entroido pontevedrés, facendo que o animal resucite e volva morrer cada ano nunha cerimonia que resalta a súa condición transmigratoria e mítica.

5314e2f3e8025 20140303patxotravachol098

IMAXE: Ravachol 2014, caracterizado como "O multamóbil". Obra da Asociación Recriativa de Xeve.

Autora da fotografía: Mónica Patxot