Cegoñas no fondo da ría: A conquista do aire

18 de mayo 2014
Actualizada: 18 de junio 2024

Cando no primeiro terzo do século pasado un grupo de intelectuais do contorno do Museo Provincial acometeron a reprodución da vella fonte da Ferraría, que fora retirada a mediados do XIX como parte dun plan de modernización urbanística, toparon co problema de non coñecer a súa forma exacta, pois non quedaban dela nin restos nin imaxes nin informacións suficientes. Conta certa anécdota que levaron diante de Castelao un velliño que dicía lembrar o chafariz como se o tivese diante; daquela, o artista guiouse das súas indicacións para bosquexar o plano e o alzado. En canto rematou, o memorioso ancián asegurou sen dubidar que así talmente era como era. Ao pouco tempo, cando xa se lle ía encargar a obra a un equipo de canteiros, descubríronse as pedras orixinais no claustro de San Francisco. Resultou que a fonte non se parecía absolutamente nada á que dicía lembrar aquel paisano tan bo e xeneroso como fabulador.

Se neste caso só faltou un chisco para que a cidadanía actual contemplase un monumento totalmente diferente ao que concibiu no século XVI o portugués João Lopes, non faltou máis para que ocorrese o mesmo coa propia praza da Ferraría, que a piques estivo de adquirir unha fisionomía e un destino moi afastados do que vemos hoxe.

Todo comezou nun xantar que, a mediados do verán de 1934, ofrecía o industrial Casimiro Gómez co gallo do seu oitenta aniversario a un nutrido grupo de personalidades do ámbito da política, a sociedade e a cultura. Era este un potentado que fixera fortuna en diversos negocios en América e que montara en Pontevedra a empresa Aguas Lérez, recomendadas polos expertos, nun avanzado exercicio de publicidade, polas súas propiedades medicinais. O escenario do xantar era a mansión Villa Buenos Aires, que presidía en Monteporreiro a enorme e coidada finca do indiano; aínda hoxe se poden contemplar os restos do balneario que construíra na beira do río, así como o miradoiro que daba vistas á cidade e á ría. Entre a extensa nómina de asistentes sábese que figuraban o alcalde, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Xoaquín Maquieira, acabado de nomear presidente da Deputación e membro destacado do club Karepas, outros socios do mesmo club, tan vinculado ao río a través do piragüismo, como Sánchez Cantón, Blanco Porto e Iglesias Vilarelle, os pintores Manuel Colmeiro e Carlos Sobrino, o fotógrafo Joaquín Pintos, o violinista Manuel Quiroga, o enxeñeiro Daniel de la Sota, Xerardo Álvarez Limeses, que viña de publicar o poemario Antre dous séculos, o director da Misión Biolóxica Cruz Gallástegui, Alexandre Bóveda, atarefado en repartir folletos coas bases do Estatuto, Filgueira Valverde e o seu compañeiro do SEG Antón Fraguas... Era esta unha parroquia proclive a xuntarse ao menor pretexto, tanto en escenarios académicos como en convites filantrópicos, nas mesas dos cafés modernos, nas trastendas de librarías e boticas, incluso en recoñecidos salóns masónicos, ocasións nas que combinaban a súa preclara sabedoría e compromiso cívico con regueifas de vizosa creatividade.

Ese día, tras os comentarios de rigor sobre a actualidade política, como o declive no que entrara o partido nazi alemán tras a Noite dos Coitelos Longos ou os rumores de folga xeral que proviñan de Asturias, a conversa derivou cara ao fútbol, deporte de moda que dividía os comensais en dous bandos, os eiriñistas e os alfonsistas, con argumentos inconciliábeis. Alguén suxeriu que o conveniente para Pontevedra era xuntar ambos os equipos nun só a efectos de competir en condicións dignas na liga estatal e facer que o nome da cidade soase entre os mellores. Non se tomou en serio a proposta, mais si a necesidade de promover con forza Pontevedra naquel momento de auxe industrial e efervescencia cultural que singularizaban a cidade do Lérez no animoso proxecto de construción da República. Neste contexto xeral, unha idea fose abrindo camiño a base de aportes sucesivos de diversos comensais, unha idea que buscaba non só ennobrecer o nome da vila senón tamén premiar o labor social dos seus fillos máis emprendedores e altruístas, alí representados por Casimiro Gómez. Expresada en poucas palabras, a proposta consistía en recuperar a empresa Aguas Lérez, que entrara en decadencia co declive do termalismo en favor dos baños no mar, e levala ao corazón mesmo de Pontevedra; sacala do recanto, bucólico e saudábel pero aldeán, de Monteporreiro e inserila alí onde a vida latexaba con máis dinamismo. O lugar ideal era a praza da Ferraría, e o medio, a vella Fonte da Vila. Non había apenas nada que fora devolvida á luz tras décadas de esquecemento e o único que lle faltaba era que dos seus canos renacentistas brotase unha auga terapéutica, representativa dunha urbe de excelencia: Aguas Lérez. Esta auga, naturalmente, sería gratuíta para os pontevedreses e para todos os visitantes, o que faría xustiza ao vellísimo lema "Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa". Daquela, a Ferraría converteríase verdadeiramente no corazón latexante dunha cidade viva, próspera e xenerosa que miraba desafiante ao futuro.

Non remataron aí as elucubracións, ao contrario, esta só era a parte menor doutro proxecto moito máis talentoso, que sería o que verdadeiramente colocaría Pontevedra no mapa das cidades influentes do planeta. Coincidían naquel ano dous eventos da máxima relevancia: un, a celebración do cincuentenario da chegada do primeiro tren a Pontevedra, un acontecemento para o que o Concello preparara unha serie de fastos; outro, a inauguración, catro meses antes, de Radio Pontevedra, a primeira emisora radiofónica da cidade e unha das primeiras de Galicia, que fora promovida polo avogado Vázquez Lescaille e que contaba xa cunha morea de socios colaboradores. Daquela, cumpría un terceiro evento que coroase tal concorrencia de signos de modernidade. Os tertulianos elevaron o seu pensamento ao ceo. Era a época da aeronáutica, os dirixíbeis e os primeiros prototipos de avión sulcaban os aires desafiando a ata entón indomesticada lei da gravidade. A idea presentouse soa: a praza da Ferraría debía ser convertida nunha estación para dirixíbeis. Non era doado adaptala como pista para avións por problemas urbanísticos insuperábeis; mais os inconvenientes desaparecían cando o vehículo podía aterrar e engalar en vertical. Todo estaba a favor: a superficie dispoñíbel era máis que suficiente, toda vez que a fonte non fora recolocada no centro da praza como estivera sempre senón nun recanto; a situación da praza, céntrica, era a máis adecuada, e o seu contorno arquitectónico, sublime. E que dicir da situación da propia cidade nas rutas de tráfico internacional? Se se sabía xestionar o servizo, en pouco tempo Pontevedra poderíase constituír nun enclave estratéxico para Europa como punto máis avanzado entre este continente e América. As mentes soñadoras dos asistentes a aquel xantar histórico non tiñan a menor dúbida de que, en pouco tempo, o tránsito fluído dos zeppelins dinamizaría a vida dos pontevedreses ata cotas nunca sospeitadas e levaría ao mundo a imaxe dunha cidade monumental e á vez moderna alegorizada nunha fonte que dispensaba unha auga de calidade única de forma gratuíta.

A idea non morreu nas palabras, senón que se tratou de darlle forma nas semanas seguintes implicando o conxunto das forzas vivas e a cidadanía. En xeral, foi ben recibida a proposta de facer correr polo chafariz as apreciadas Aguas Lérez, aínda que, dado que a auga proviña dos mananciais naturais do Concello e a canalización ía ser costeada con fondos públicos, non acababa de percibirse a débeda para cos empresarios que se ían lucrar con aquela publicidade gratuíta. Mais o que produciu máis división de opinións foi a proposta de converter a Ferraría, a tradicional praza maior da vila, nun porto de dirixíbeis, non só por interromper os servizos que cumpría senón, sobre todo, pola posibilidade dalgún accidente. Por moito beneficio que trouxese á cidade, ninguén pensaba en serio que aquela teima de voar coma paxaros puidese acabar ben. Porén, sometida a proposta a debate no Concello, resultou gañador o voto afirmativo.

Chegado o momento, propúxoselle realizar unha proba de funcionamento á compañía norteamericana Goodyear, que trataba de estabelecer liñas de viaxes regulares entre os dous lados do Atlántico. Interveu como mediador na negociación o marqués de Riestra, con responsabilidades en Fomento e influencias noutros ministerios. A chegada do aparello vido desde Nova York, un modelo USS Los Angeles con tecnoloxía Zeppelin, produciuse sen contratempos e con rara puntualidade, e foi un espectáculo digno de admiración ver aquel monstruoso paxaro sen ás pousar suavemente sobre as vellas lousas da praza da Ferraría no medio da multitude que se apiñaba na contorna. A estancia do zeppelin en Pontevedra foi salientada na prensa do Estado con grandes titulares, saudando a iniciativa en linguaxe paternal como un esforzo das provincias da periferia por incorporárense á modernidade. Como curiosidade, na prensa local achamos a información de que entre as persoas que viaxaban no dirixíbel se achaba o xornalista Ernest Hemingway, que viña para escribir unha reportaxe sobre os avances e dificultades da República española, e dúas actrices europeas que volvían de rodar a súa primeira película en Hollywood: Greta Garbo e Marlene Dietrich. Hospedáronse os tres pasaxeiros no desaparecido hotel Abrente, no alto do Campo da Feira, onde coincidiron cun toureiro de sona que formaba parte do espectáculo taurino organizado para festexar o evento: Domingo González "Dominguín". Aínda que non transcendeu ás crónicas, testemuñas oficiosas aseguraron que a festa privada que organizaron estes visitantes nos dormitorios do hotel foi das que fixeron época.

Por desgraza, ou por sorte, os fabulosos proxectos xurdidos naquel xantar na finca Villa Buenos Aires foron morrendo por si mesmos nun breve tempo. Aquela foi a única vez que un dirixíbel pousou en terras de Pontevedra, entre outros motivos porque cando se quixo abordar a adaptación da praza á función de aeroporto foi cando se declarou o levantamento militar contra o goberno do Estado. Para máis, o tráxico accidente do Hindenburg supuxo un alto no desenvolvemento dos dirixíbeis, que foron superados pola aviación polas enormes vantaxes que presentaba. Por outro lado, a iniciativa de surtir con Aguas Lérez o chafariz e dar de beber a quen pasaba finou co falecemento do propietario da firma, Casimiro Gómez, en 1940, volvendo a dar os canos a vulgar pero dignísima auga da traída municipal.

Hoxe, cando se festexan os cento trinta anos da chegada do primeiro tren a Pontevedra, non está de máis lembrar outros intentos de modernización que, se ben non tiveron continuidade, supuxeron no seu momento un pulo para a autoestima dos veciños desta nobre cidade polos seus caracteres épicos e ata líricos.

Como colofón, podemos engadir que a aventura do zeppelin na Ferraría non foi a única relación de Pontevedra coa aeronáutica. Xa dúas décadas antes, sábese que un veciño de Campo do Boi, mecánico de profesión, construíra un prototipo de avión caseiro ao que lle aplicou unha variante dun motor Ricardo Soriano; as ás foron adaptadas a partir de dúas velas de dorna, e a pista de probas foi unha veiga do lugar de Pasarón, en Lérez. A experiencia non deu resultados destacábeis, aínda que el persistiu con modelos mellorados. Curiosamente, o lugar de Pasarón, andando o tempo, pasou a albergar o campo de fútbol do equipo que, en 1941, resultou da fusión do Eiriña e o Don Alfonso, o Pontevedra C.F., que tanta gloria deu á cidade e tamén tanto sufrimento.

001

"Miradoiro de Monteporreiro". Obra de Miguel A. Vigo