Catro médicos de once no Centro de Saúde de Marín

05 de diciembre 2024

O Centro de Saúde de Marín ten catorce médicos/as repartidos en quendas de mañá e de tarde, polas mañás pasan consulta once e polas tardes tres.

Recentemente este cadro de persoal veuse reducido pola marcha de dúas facultativas a outros centros e pola baixa de outra.

Neste mes de decembro esta situación estase agravando pola ausencia de outros profesionais por diversos motivos (vacacións, baixas, etc.).

Este martes, 3 de decembro, o centro de saúde estivo atendido na quenda de mañá por cinco facultativos, hoxe, mércores 5, só tivemos catro, e o xoves 6, véspera de festivo, haberá cinco.

Estas ausencias cúbrense con prolongacións de xornadas que fan outros médicos, que non chegan para cubrir unha axenda diaria normal, e non todos os días.

Os cambios de citas son constantes, provocando o conseguinte e normal cabreo dos pacientes. Un cabreo que se manifesta diariamente no mostrador do centro de saúde e que aguanta como pode o persoal administrativo, os que non teñen ningunha responsabilidade nesta situación.

Todo isto está provocando que se incrementen as demoras para ter unha cita médica, nalgúns casos de case un mes, co conseguinte prexuízo para as persoas enfermas.

Así é imposíbel facer un seguimento das enfermidades e as derivacións aos especialistas faise con demora.

Esta situación vaise repetir todo o mes de decembro se os responsábeis da Area Sanitaria de Pontevedra, se o Sr. Xerente, non toman decisións para solucionar esta falta de médicos. Para que tomen decisións é máis necesario que nunca que os veciños e veciñas de Marín manifesten o seu malestar, cando menos presentado reclamacións para deixar constancia e reclamar que non se repitan estas situacións. Coa saúde das persoas non se pode xogar.