Carta aberta: Reunión coa conselleira de Infraestruturas

10 de diciembre 2016
Actualizada: 18 de junio 2024

Reunión coa conselleira de Infraestruturas para abordar a mellora da estrada PO-234 entre Augasantas (Cotobade) e Ponte Caldelas

Se a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, fóra como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ante a solicitude de reunión dun alcalde de signo político distinto, como é o de Ponte Caldelas, responderíalle que o "recibirá cando toque", como se manifestou Silva con respecto á miña solicitude de reunión. Pero por sorte para min e para Andrés Díaz, Ethel non é Carmela.

A semana pasada, a conselleira citounos ao alcalde de Ponte Caldelas e máis a min para manter unha xuntanza de traballo sobre a PO-234, sendo a primeira vez que unha titular autonómica convoca aos rexedores dos dous territorios para tratar o tema, que en todo caso cómpre lembrar que arranca meses atrás.

En maio, o delegado territorial informounos de que é condición indispensable poñer os terreos a título gratuíto mediante cesión voluntaria para poder acometer a obra. Cuestón que os dous aceptamos. Eu comezo coa identificación dos terreos sen anuncios en prensa, sen cambiar de postura e con coherencia, caso que non foi o do alcalde caldelán, que segundo tiraba norte ou sopraba sur falaba da necesidade de expropiación ou non (incumprindo o acordo co delegado).

En xuño, o Goberno Galego aprobou unha modificación de crédito dotando de 677.000 euros o gasto da 1ª fase da mellora deste vial, dividindo a execución en tres fases.

Eu manifestei a disposición da totalidade dos propietarios en que ían a ceder.

Decidiuse comprometer en setembro, unha vez que reunimos todas as cesións, facer o treito Aguasantas-Portasouto. O alcalde de Ponte Caldelas, que non moveu unha soa palla despois da súa reunión veciñal en xuño, aínda nin sabía cantos ou quenes ían ceder.

Toca a corneta. Segue actuando como vítima dun complot do PP e da Xunta contra o seu bo facer e os seus grandes coñecementos xurídicos en materia de adquisición de terreos para ensanchar estradas.

Deixamos pasar as eleccións, e o PP revalida a súa maioría absoluta en Galicia, con senllas vitorias folgadas nas mesas electorais de Aguasantas e Laxoso (sen discutir os motivos isto é un feito). Noméase a Ethel Vázquez conselleira e decídese unha reunión conxunta. A titular autonómica como ten claro que esta estrada vaise facer de forma integral por fases propón empezar polo tramo Ponte Caldelas-Laxoso para que todas as partes colaboren. Eu apoio a decisión, pero como nós xa temos os terreos pido que se dea de prazo ata o 15 de xaneiro para que Andrés Díaz poida conseguir os seus. El, que seguro que non agardaba este cambio de criterio amable, favorable e correcto cara ás súas pretensións e en aras de demostrar dende a Xunta que por fin se consegue un compromiso firme para facer a obra, empeza a marear a perdiz dunha maneira tan ridícula que a conselleira lle tivo que preguntar na reunión ata en cinco ocacións se realmente quería que se fixese a obra, se de verdade ía colaborar ou ía seguir na confrontación e buscando pegas ante un Goberno que quere investir 2,6 millóns de euros nesta estrada con todas as solicitudades de melloras que hai en Galicia.

E o alcalde de Ponte Caldelas o primeiro que fai ante os medios de comunicación é dicir que sae decepcionado da reunión!

En días posteriores volve saír nos medios pedindo un convenio. É dicir, volve marear a perdiz coma se a Xunta non deixase xa claros os obxectivos.

O domingo almorzamos coa boa noticia nos medios de comunicación de que a única obra contemplada na nosa comarca para infraestruturas viarias, consignada nos Orzamentos Autonómicos con 650.000 euros, é para a PO-234.

Cabe lembrar que, co decálogo de Carmela Silva para actuacións en estradas provinciais, esta vía, de ser titular a Deputación, non se arranxaría, xa que só se avoga por ampliar as plataformas e cambiar os trazados das que superen os 3.000 vehículos diarios. A PO-234 ten unha ratio moito menor, como a maioría de estradas interrurais.

Para min, é unha satisfacción que a mellora da PO-234 vaia a ser unha realidade grazas a un Goberno do PP, que demostrou cos Orzamentos 2017 o seu compromiso nesta obra con Cerdedo-Cotobade e con Ponte Caldelas.