Carta aberta da APDR ao presidente do PP de Pontevedra

14 de agosto 2021
Actualizada: 18 de junio 2024

Non deixa de sorprendernos Vde. coas súas declaracións sobre a situación da empresa ENCE; porque non alcanzamos a entender que diga defender a legalidade por riba de todo e esixa, ao tempo, a permanencia da empresa en dominio público marítimo-terrestre, unha permanencia expresamente prohibida pola Lei de Costas como se encarga de lembrar a Audiencia Nacional no fallo xudicial que anula a prórroga ilegal concedida polo Goberno en funcións de Mariano Rajoy.

Sr. Domínguez:

E tamén non entendemos que razón lle pode levar a facer responsábel da situación actual de ENCE ao Alcalde de Pontevedra, Sr. Lores; porque, que nos saibamos, o Sr. Alcalde non fai máis que defender a legalidade, algo que debería facer calquera representante público.

E semella que Vde. trata de “fundamentar” esta responsabilidade do Alcalde no feito de teren presentado un recurso contra a prórroga ilegal, é dicir, precisamente por ter cumprido co seu deber de defender a legalidade.

En calquera caso, e de ser esta a razón que o move a Vde., non tería que facer igualmente responsábeis a Greenpeace e á propia APDR por ter presentado tamén recursos reclamando a nulidade da prórroga? Que estraña razón lle leva a excluír aos grupos ecoloxistas da responsabilidade que lle achaca ao Sr. Lores?

Pero, máis alá disto, que sentido ten que esixa ao Alcalde a solución dun problema que crearon ENCE e o seu partido saltándose a lexislación? Ou é que descoñece que a empresa tivo máis de 30 anos para buscar un emprazamento alternativo como lle obrigaba a Lei e que foi o PP quen permitiu a permanencia ilegal de ENCE na Ría máis alá do 2018 e pretendeu perpetuar esta permanencia en dominio público até 2073?

E, sinceramente Sr. Domínguez, cre de verdade que un rexedor municipal ten entre as súas competencias a de solucionar os problemas laborais e legais dunha empresa? Nada máis lonxe da realidade!

Pero, aínda no caso de que así fose, é de supoñer que esa competencia limitaríase ás empresas domiciliadas no municipio, situación que non se da no caso de ENCE, que ten o seu domicilio fiscal en Madrid, razón pola que non figura nunca nos Informes que analizan a situación económica e a xeración de riqueza polas empresas na Galiza e na nosa comarca, como ocorre co Informe Ardán 2021.

Nese caso, debería Vde. trasladar esa demanda de solucións a Madrid, onde a empresa paga a parte máis substancial dos impostos.

Reciba un saúdo,

Pontevedra, 13 de agosto de 2021
Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR