Caridade e solidariedade

27 de noviembre 2024

Comparte Andrés Núñez Rajoy, compañeiro na sección de Opinión deste medio, un artigo co título "Caridade cristiá e perdón". Do artigo, no que repasa algunhas reaccións políticas ao acontecido en Valencia por culpa da Dana, subscribo case todo pero o que me motiva á reflexión e a cita do comezo.

 Unha vella frase do brillante periodista e escritor uruguaio Eduardo Galeano, do cal casualmente estou a ler os seus Contos de fútbol.

"La caridad es humillante porque se ejerce verticalmente y desde arriba; la solidaridad es horizontal e implica respeto mutuo". (Eduardo Galeano).

Sempre me arrepiou bastante esta concepción da caridade que reflicte a frase de Galeano. Explícao ben Núñez Rajoy no seu texto cunha anécdota: a dunha señora de boa posición que abandona a compaña das súas amigas "porque me esperan mis pobres".

Falan Galeano e Núñez Rajoy desa caridade entendida coma unha acción que alguén que está nunha posición de superioridade (social e económica) emprende a favor de outro/s que están nunha posición inferior. Pero isto non é así na orixe do termo. Só unha deturpación do verdadeiro sentido da caridade pode levar a preferir a solidariedade a aquela, cando este segundo concepto ten a súa orixe no primeiro como imos ver.

"Caridade" procede do latín "caritas", palabra que se asocia co amor desinteresado e a compaixón cara os demais, especialmente os necesitados. Conleva accións concretas de axuda e apoio. É, polo tanto, un amor que se traduce en obras.

Na Biblia a caridade procede dun corazón puro: "o propósito da nosa instrución é o amor nado dun corazón puro, dunha boa conciencia e dunha fe sincera " (1ª Timoteo 1:5).

Xesús ensina que debemos dar comida ao famento, albergue a quen carece del e roupa ao necesitado. Cando visitamos aos enfermos e aos que están no cárcere é como se fixeramos esas cousas por El (Mateo 25:34–46).

Outra cousa é que, co paso do tempo, a caridade se convertese nun fin en si mesmo, desvencellado do amor a Deus e aos nosos semellantes, unha rutina que moitas veces ten máis que ver cos sentimentos (culpabilidade, temor, fachenda, orgullo, etc) de quen axuda que cos dos necesitados.

O termo "solidariedade" aparece xa na linguaxe xurídica francesa do século XVI, pero non é ata despois da Revolución Francesa que se vai desvincular esa palabra do ámbito xurídico, como reacción cara o veloz cambio social e o desexo dunha sociedade estable. Xa no século XIX o socialista utópico Pierre Lerroux, do que se di que está na orixe da palabra "socialismo", tamén recolleu o concepto da solidariedade fóra do campo legal. O filósofo Auguste Comte, a quen chamaron fundador da socioloxía, vencellou a solidariedade ao concepto de altruísmo, como oposto ao egoísmo. Non hai que ser ningún lince para saber de onde procede este punto de vista.

Existe certa tendencia, sobre todo dende posicións políticas de esquerda, a poñer en solfa a orixe xudeu-cristiá da cultura europea, pero é unha herdanza coas súas cousas non só interesantes senón imprescindibles.

Gústame pensar que a caridade ben entendida é tan horizontal como a solidariedade e que a inclúe na súa ollada aos demais.