Cando non hai condena, pero si delito

04 de enero 2025

Hai tempo que veño seguindo con interese a unha "xornalista" (non sei se autotitulada ou de verdade, en cuxo caso o favor que lle fai á profesión é algo máis que fraco), á que comecei escoitando un par de veces por casualidade e tamén vendo.

 Agora explicarei por que digo o de vendo, que forma parte dese grupo de eruditos "expertos" e "expertas" neses debates sobre violencia de xénero que dan ganas de vomitar e que tanto dano fan, pero que acaparan audiencia e, xa se sabe, ante iso, todo vale.

O motivo de que chamara a miña atención foi que observei que, cando se trata de falar dalgún caso de violencia machista, sexa quen sexa a presunta vítima e do máis ou menos crible que poida resultar o seu relato (porque neses programas xa sabemos co que nos podemos atopar), pero, como dicía, independentemente disto, ten unha curiosa e bastante cuestionable tendencia, que é ir poñendo a muller que está a ser entrevistada contra a parede cunha serie de preguntas algo máis que claramente malintencionadas, cuestionando todas e cada unha das súas respostas, buscando xustificación aos malos tratos dos que di ter sido vítima e, porén, ao presunto maltratador, cun ton e un xesto hostís, que se van volvendo máis e máis desagradables a medida que avanza a conversa. De aí que antes mencionara que a escoitaba e a vía, porque, como xa dixen en máis dunha ocasión, nin son psicóloga nin vou diso pola vida (faltaría máis!), pero hai xestos máis elocuentesque mil palabras, como sucede neste caso, ata o punto de que, en máis dunha ocasión, lle deron un toque de atención, o cal xa é máis que significativo, dado o "nivelazo" dese tipo de programas.

Pois ben, hai uns días, esta señora, sobre a cal eu teño a miña teoría (e penso que non erro se me atrevo a aventurar que está a verter nas entrevistadas o veleno que ela leva dentro pola súa propia historia persoal, pero, repito, esta é unha opinión exclusivamente miña), despois de que unha desas famosas vidas a menos contara a súa historia de malos tratos que, certamente, fora ou non certa, que esa é outra cuestión, era para dar arrepíos a calquera que se chame ser humano, e aclarar que ela si denunciara a súa ex parella, a xornalista en cuestión preguntoulle se fora condenado, ao cal a entrevistada respondeulle que non, polo cal ela, directamente, acusouna de mentir, declarando taxativamente: "Se non hai condena, non hai delito".

Pois mire, señora miña, non sempre é así. De feito, en moitísimas ocasións non é así, e non, tampouco é culpa dos xuíces, que ás veces semella que, agás da morte de Kennedy, teñen a culpa de todo.

Mellor teña a prudencia de non falar do que non sabe, por moito que isto a remova por dentro, porque é evidente que algo disto lle pasa.

Supoñamos (e isto que vou contar é algo real, co que en "Si, hai saída" nos atopamos habitualmente) que unha muller acude a denunciar uns presuntos malos tratos. Non presenta lesións físicas, pero si relata unha situación de maltrato psicolóxico de manual, sementado de ameazas, insultos, vexacións, control abafante, celos patolóxicos, etc. Dito doutro xeito, non existen probas dese maltrato, que, naturalmente, sucede de portas adentro da casa, mais ese día, despois de moito tempo soportando esa situación, e no que as ameazas, máis graves que de costume (tanto que o seu agresor chegou a empuñar unha arma), aterrorizada e temendo o que, con toda probabilidade, sucedería a continuación, decidiu tomar a difícil decisión de denunciar, e, cando puido fuxir da casa, así o fixo.

Unha vez na comisaría, foi evidente que non lle daban á súa tremenda situación a importancia que realmente tiña, deixando claro no atestado que, malia o que ela manifestaba, non existían probas.

Tampouco prestaron atención a episodios anteriores que ela tentou contar e que eran algo máis que reveladores, instándoa a rematar canto antes.

Unha vez que declarou diante do axente que lle tocou en sorte, volveu facelo, xa emocionalmente esgotada, superada polo pánico, temendo o que lle agardaba cando saíra da comisaría, por máis que lles advertía de que a súa parella ía ir a por ela, e máis agora, sabéndose denunciado, diante do avogado de oficio que lle asignaron, para o que tivo que resumir nun relato breve anos de inferno, para, acto seguido, ser sometida ao test de avaliación de risco VioGén, coas súas preguntas xenéricas, que tanto amañan un roto coma un descosido, que, naturalmente, ante as súas respostas, que evidenciaban a falta de probas, arroxou un nivel de risco baixo.

Todo isto foi trasladado ao xuíz, mentres ela tivo que volver á casa, co seu maltratador, agardando a que a chamasen para que se presentara no Xulgado.

Cando isto sucedeu, o xuíz, ante a súa declaración e a evidente falta de probas, que nin a vítima puido achegar nin se recollen, porén, no atestado policial, non decreta ningunha medida, xa que, aparentemente, e ante a propia lei, non existe risco, lle diga o que lle diga o seu corazón, porque os xuíces tamén son persoas e, coma tales, teñen sentimentos, nin ten argumentos para condenar o presunto maltratador.

Existe condena? Non. Existe delito? Rotundamente SI.

 

O que queda claro, e que case nunca se ten en conta, é que, coma en tantas outras cousas da vida, no que atinxe á violencia de xénero, nin todo é branco nin todo é negro. Hai moitos matices, moitos, e a diferenza entre telos en consideración ou non pode supoñer algo tan serio como salvar ou non unha vida.

Así mesmo, como se pode desprender deste relato que é, reitero, totalmente real ao cen por cen, o atestado policial é algo máis que relevante para que a vítima sexa ou non protexida, como tamén demostra a importancia de que acuda a denunciar acompañada de alguén da súa confianza, que coñeza a súa situación real, e que pode achegar detalles que ela, polo seu medo, polo seu nerviosismo, pode, loxicamente, esquecer, e sobre cuxa existencia, agás raras excepcións, ninguén se vai tomar a molestia de indagar no momento de tomarlle declaración.

Resumindo, e lamentando moito levarlle a contraria a esa xornalista tan "experta" en violencia de xénero, a falta de condena non implica, necesariamente, que non exista delito. Implica que non se puido demostrar, o cal é moi diferente, e moi perigoso.

Por outra banda, deixa en evidencia, coma en tantas outras ocasións, o perigo do discurso de determinados "especialistas", e a esta señora en concreto, eu pregaríalle, polo ben de todos, pero especialmente polas mulleres que están a vivir o inferno da violencia de xénero, que se limite a facer prensa do corazón, que é o seu, e deixe de facer dano.

Asociación Si, hai saída