Bulos e entretemento

29 de noviembre 2024

Ao longo da historia, utilizáronse diversos procedementos para lexitimar ideoloxías, manipular ás masas e servir a intereses políticos, relixiosos ou económicos.

Entre estes, destacan dúas tácticas que foron especialmente eficaces: a desinformación e a estratexia de "pan e circo". Ambas, aínda que ideadas en contextos históricos diferentes, manteñen a súa vixencia e adaptáronse con éxito ás dinámicas da era dixital.

A desinformación, hoxe coñecida como "bulos" ou fake news, busca distorsionar a percepción da realidade, sementando confusión e reforzando ideas preconcibidas. As fake news foron constantes ao longo da historia. Así podemos lembrar: o bulo das armas de destrución masiva en Irak ou, máis recentemente, o de que se metera a 200 inmigrantes de Malí convivindo co alumnado do colexio de Mondariz- Balneario ou que había centos de cadáveres sen atopar no aparcadoiro do centro comercial de Bonaire, en Aldaia (Valencia).

Pola súa banda, o "panem et circenses" (pan e circo), popularizado polo poeta romano Juvenal, que coas súas sátiras mordaces, ofrécenos unha valiosa xanela á vida da Antiga Roma, segue sendo moi relevante hoxe. O circo moderno non monta carpas, instálase nos nosos petos, iluminando os rostros, con ese resplandor azul, mentres tragamos horas de contido deseñado para adormecer as mentes. A crise climática? Que importa namentres a wifi funcione. E se algunha faísca de reflexión ameaza con prender, tranquilos: os algoritmos acoden ao rescate con memes e vídeos de gatos.

O menú, iso si, é variado. Para multitudes, nada como o fútbol: estrelas millonarias correndo tras un balón, mentres os mesmos millóns poderían levantar hospitais ou escolas. E logo están os reality shows, ese teatro do absurdo onde o cotián convértese en traxedia de baixo orzamento. Os festivais de música, eses oasis de "liberdade" empaquetados entre marcas e entradas moi caras. Ou as series e películas, deseñadas para que devoremos tramas insípidas en maratóns que nos deixan exactamente como comezamos: anestesiados. Así é ou novo circo, un espectáculo constante, sen pallasos pero con moitos espectadores.

De algún modo, estes eventos captan a nosa atención, ofrecen contidos superficiais, monopolizan o tempo libre e fomentan a evasión dos problemas sociais, desviando á cidadanía dos debates importantes e, por tanto, desactivan a reflexión sobre o benestar colectivo. En suma, aínda que ambas ferramentas son distintas na súa natureza, comparten un obxectivo común: anular a análise crítica e consolidar as estruturas de poder existentes.

A gran ironía é que o "circo" moderno non se impón á forza; consumímolo voluntariamente, mesmo con entusiasmo. Entregámonos a estas distraccións porque son cómodas, inmediatas e, sobre todo, afórrannos o esforzo de enfrontarnos á complexidade do mundo. Pensar é incómodo; cuestionar, esgotador. É máis fácil debater sobre o final dunha serie que sobre as políticas que perpetúan a desigualdade.

O resultado é unha cidadanía fragmentada, atrapada entre a confusión e a distracción, incapaz de articular unha acción colectiva para cuestionar as inxustizas. Ante este panorama, xorde unha pregunta inevitable: somos conscientes do impacto que estas prácticas teñen sobre as nosas percepcións e decisións? Nunha contorna onde a información flúe de maneira incesante e moitas veces sen filtros, é fundamental desenvolver unha actitude crítica. Isto implica contrastar fontes, cuestionar a veracidade das noticias e resistir ao consumo acrítico de contidos deseñados para entreter, pero que distraen dos problemas reais.

Só cunha cidadanía informada e medios comprometidos poderemos aspirar a unha sociedade que valore a verdade, o pensamento crítico e a transparencia como alicerces fundamentais. A historia demostra que as formas de control social evolucionaron de acordo coas ferramentas de cada época. Hoxe, na era dixital, os bulos e o "pan e circo" perfeccionáronse, debilitando a capacidade das sociedades para cuestionar o poder e están erosionando sen demora a democracia. Superar este desafío non é unha tarefa sinxela. Que é a verdade fronte a un bo clickbait?" pero é unha loita ineludible si queremos construír comunidades máis xustas e conscientes.

Canto botamos en falta a Voltaire. O afamado filósofo e escritor da ilustración coa súa aguda intelixencia e a súa paixón pola razón e a xustiza, seguramente expresaría contundentemente a súa preocupación pola manipulación de masas desde as redes sociais, pola superficialidade e a frivolidade da nosa época, pola perda da capacidade crítica ou pola mercantilización da cultura.

Ao final, a pregunta non é si o sistema cambiará, porque non o fará por si só. O asunto é si teremos o valor de cambiar nós, de saír das bancadas do coliseo moderno e participar activamente no mundo real. A cuestión é: queremos ser espectadores ou protagonistas?