De que avoas fala Feijóo?

17 de marzo 2025

Pepa a Chicha era republicana. Tiña un curmán canteiro da UGT. Fora amiga de Antoliano Correa concelleiro en Padrón do Frente Popular (fusilado en Boisaca). Coñeceu moito a Enrique Líster, xeneral republicano. Eran de cerca e da mesma quinta.

Escoiteille dicir aFeijóo, na véspera do 8-M, a seguinte frase: "...Creo en la causa de la igualdad por la que lucharon nuestras abuelas, nuestras madres. Ese es el feminismo de verdad". De súpeto lembreime de miña avoa e de miña nai. Pasei máis tempo con miña avoa que con miña nai. Daquela os cativos axudábamos nos labores do campo. Ese era o traballo de miña avoa. Comecei a levar a pacer ás vacas as leiras, atadas polos cornos, ía eu levándoas da corda, agardando, mentres comían, ata que estiveran "cheas". E, alá estaba miña avoa Pepa a Chichaapañando herba, arrendando o millo, limpando regos, ou calquera outro labor segundo a tempada agraria. E ao chegar falaba comigo, contábame. Parolábamos.

Pepa a Chicha era republicana. Tiña un curmán canteiro da UGT. Fora amiga de Antoliano Correa concelleiro en Padrón do Frente Popular (fusilado en Boisaca). Coñeceu moito aEnrique Líster, xeneral republicano. Eran de cerca e da mesma quinta. Explicábame como era iso de votar para elixir goberno. Resaltaba a importancia do voto das mulleres, da igualdade. Intentaba que eu entendera esas cousas. Dicíame que se votara para que Galicia tivera goberno (Estatuto) no que o voto das mulleres fora moi importante. Era feirante, compraba e vendía gando vacún, tamén andaba con vacas "á ganancia". Sabía de Rosalía de Castro, veciña da mesma parroquia, Iria. Memorizara poemas, o que máis lle gustaba era "Adiós ríos, adiós fontes". O banqueiro Olimpio Pérez recibíaa na súa casa da praza de Cervantes en Santiago. Ríase soa contando como se lle enterraban os seus zocos nas alfombras daquela casa.

Logo veu a guerra. O medo. Os avisos dos falanxistas para que quedara quieta. Tivo ao seu curmán agochado nun cortello dun xato durante tres anos. Leváballe a comida aos maquis cando ía a por herba nunhas leiras que tíñamos no monte de Meda, onde andaban agochados. Viñeron os tempos negros. Escachaba a rir contando un detalle que lle pasara en outubro do 1936 en Pontevedra. Viñera a vender unha vaca á feira, na praza de Barcelos. Venderaa, estaba sacando a faldriqueira, para gardalos cartos. Apareceron os falanxistas facendo un desfile, con fusil ao ombreiro, obrigaban a xente a facer o saúdo fascista. Tiña os cartos na man, entráronlle dúbidas, si levantaba o brazo esquerdo para facer o saúdo, malo, si levantaba o dereito tiña que facelo co puño apertado para non perder o diñeiro, peor, acusaríana de roxa. Quedou como estaba, sen facer nada intentado meter o diñeiro no peto do mandil. Estaba facendo iso cando un falanxista lle pegou un culatazo nun ombreiro dicíndolle : "levante la mano para saludar". Mazadura, dor e óso do ombreiro fóra do sitio. Sabía o que acontecía, decatábase da perda de liberdade. Probara e desfrutara da liberdade na República. Defendía a igualdade da muller e do home, tamén o dereito ao divorcio. "Que sentido ten aguantar a alguén que manda en ti, que malla en ti?" Dicía ela. Demostrouno non casando. Sabía que para abrir unha conta no banco, ou pedir un pasaporte tiña que ter o consentimento do marido. Meu avó quería casar, ela con esas condicións non. Meu avó falou co cura, sen falar con ela, e anunciáronse as amoestacións matrimoniais. Negouse a casar. Nunca casou. Sempre mantivo que nunca mandaría un home na súa liberdade. Ao longo da súa vida sempre traballou en pe de igualdade cos homes, facía os mesmos labores que eles.

Ademais de avoas Feijóo tamén falaba de nais. Pensei en miña nai, que tamén é avoa. A diferencia entre elas é grande. Miña nai foi criada no franquismo, co que todo iso leva implícito. Para todo dependía de meu pai, para o conta do banco tiña que asinar el, para o pasaporte igual. Miña nai casou para a casa. Coidaba á familia ou o que é mesmo facía os labores da casa, alimentábanos, axudaba nos traballos do campo e cando lle sobraba tempo aínda cosía. Hai uns meses estaba con ela e miraba unha escritura notarial dunha leira que comprara con meu pai no ano 1966, en ensinoume o que poñía: "Comprador, nome e apelidos de meu pai, casado". O nome dela non aparecía por ningures. Queixábase, agora con máis de 90 anos que pola educación que había daquela non tivera vida, que renunciara a tela e que "aínda que teu pai fora moi bo comigo gustaríame facer outras cousas" . Desde hai moitos anos ten con ela un atlas, está moi usado, encántalle a xeografía.

Entón de que avoa falaba Feijóo? Esta claro que da xeración de miña avoa que coñeceu a liberdade e igualdade, e era pelexadora, non. Supoño que a mensaxe de Feijóo ía dirixido a unha xente en concreto, a un tipo de votante novo, de menos de 40 anos. Uns votantes que non coñeceron o franquismo e do tipo de avoa que fala é da xeración da miña nai. Dependente do home. Que traballaban e calaban e non reivindicaban nada. Unhas mulleres "caladas, submisas e comprensivas" (con todo o que iso implica de machismo e anti-igualdade). Aínda que Feijóo lle chame a iso "feminismo de verdad" sabe que non é certo, que o feminismo de verdade é o que leva á igualdade. O resto son remendos de mal pagador.