Avaliar sen ensinar

04 de noviembre 2024

O pasado xoves 31 de outubro, celebramos en Galicia o Día do Mestre. Unha homenaxe a quen ten a encomenda de formar ás novas xeracións.

Nas súas mans recae a importante misión de converter a grande maquinaria educativa nun espazo de auténtico descubrimento e crecemento persoal. Pero, que sucede cando ese propósito queda eclipsado por unha obsesión desmedida pola avaliación?

A perversión do sistema educativo é evidente cando a prioridade de moitas escolas é avaliar por enriba de ensinar. A manía pola medición e a cuantificación converteu moitos centros en frías fábricas de resultados que produce cifras, non persoas. Por desgraza moitas escolas semellan gaiolas, onde non só o alumnado, senón tamén o profesorado, está atrapado. Ambos vense envoltos en normativas ríxidas, atados a un currículo obrigatorio e inflexible, onde o prioritario é avaliar ao alumnado para detectar se dispón das habilidades que se espera que posúa.

É unha paradoxa perturbadora: en moitos centros, avalíase pero non se ensina. Como se se asumira que o alumnado nace sabendo escribir ensaios, analizar complexas metáforas ou construír argumentos sólidos. Esíxeselles redactar textos profundos, pero raramente se lles mostra como facelo. Pídese que analicen obras literarias sen ensinarlles a desentrañar metáforas nin a interpretar simbolismos. E aínda que se espera que sinteticen información complexa, tampouco se lles ensina a identificar ideas clave. Avalían a súa capacidade de reter datos, pero non lles ensinan técnicas efectivas de memorización. Incluso, examínanse as súas habilidades de oratoria sen ensinarlles nin adestralos antes a falar en público.

En cambio, as escolas que realmente ensinan céntranse no desenvolvemento das habilidades e das competencias claves para a vida e na formación de seres humanos con pensamento crítico e creativo. Pero, tristemente, demasiados centros escolares asumiron o rol de simples avaliadores, preocupados unicamente pola cualificación, a comparación e a orde.

É certo que a avaliación ten un papel necesario nas aulas, e sería inxenuo negalo. Non obstante, a avaliación debería ser unha brúxula para guiar a aprendizaxe, non un veredicto final. En cambio, transformouse no fin último, onde as notas afogan a curiosidade e o valor de cada estudante redúcese a un número nun boletín. A consecuencia é un sistema que, en lugar de acompañar aos estudantes no seu crecemento, clasifícaos sen piedade, deixándoos atrapados nun esquema onde o único que importa é aprobar.

Esta obsesión polas cualificacións e os resultados alimenta un ambiente asfixiante, que desgasta tanto ao alumnado como a docentes. O profesorado, presionado para cumprir cos estándares que pouco ou nada teñen que ver coa aprendizaxe auténtica, ve como o seu labor se reduce a preparar aos estudantes para obter boas cualificacións nos exames, sacrificando o desenvolvemento de habilidades eficientes para a vida. E todo isto, para quedar ben no informe PISA.

O máis doloroso é que os estudantes apenas teñen voz na súa propia educación. Son espectadores pasivos dun sistema que toma decisións sen consultarlles, que non escoita as súas opinións sobre o currículo, a dinámica das clases ou as avaliacións. Esta falta de participación afecta a súa motivación e priva ao sistema educativo dunha retroalimentación esencial que podería enriquecer profundamente o proceso de ensino.

É hora de repensar se a educación debe seguir nesta dirección ou se aínda é posible recuperar a esencia das aulas como lugares onde cada alumnado sexa máis ca un número nun expediente, onde a aprendizaxe sexa o auténtico protagonista e onde o aprendiz atope o apoio necesario para florecer. Porque, ao final, a escola non debería ser unha gaiola, senón o impulso que permita a cada estudante despregar as súas ás.

O meu respecto ao valente profesorado que, a pesar deste "lado escuro" das escolas, segue loitando para transformar a aula nun espazo de crecemento auténtico e xenuíno. O meu apoio aos equipos docentes que son conscientes de como os paradigmas hexemónicos, presentes na escola actual, son establecidos por institucións e poderes fácticos (OCDE, editoriais, a ideoloxía neoliberal, o mercado, os políticos, ...). Asumir que esas forzas, que parecen estar á marxe dos asuntos escolares, están configurando as escolas é indispensable para reflexionar sobre elas; e, dende ese coñecemento, intentar transformar completamente a institución educativa: os seus espazos, as relacións de poder, o currículo, a xestión da convivencia, a participación da comunidade escolar na xestión dos centros, etc.