Murchan as follas que foxen das árbores e caen paseniñamente pousándose no río semellando estanques efémeros de Nenúfares, na terra remuiños de vento nun ceo toldado de gris que ameaza choiva. E noso outono, morno, dourado, melancólico e doce de cando se esvaecen os amarelos na cálida luz do sol da invernia que aloumiña, brinca o vento coas árbores, e fan correr as follas dun lado a outro e amoréanse nos recunchos desexando garecerse.
Fuxen de nós os Vendexos, namentres nas fragas soutos e piñeirais agroma o froito da terra, os cogomelos a carón das árbores, o pan das cobras e xantar das bruxas deciamos de cativos, eiquí na boa vila sabemos da chegada da outonia cando das terras do Courel de Novoneira e Manuel María chega a praza da Ferrería a locomotora das castañas, danos igual que faga moito calor ou non se o ar recende a castañas asadas e que e outono.
Asistimos á presentación do novo libro de Calros Solla o Bardo de voz de Trebón, Druida e Alquimista da pedra que nos trae o seu novo libro sobre o río dos Gafos do que el é merecido cronista, Auga Mol en Pedra Dura, Inmobiliario Etnográfico do río dos Gafos, cóntanos no libro as historias dos Muiños, dos Lavadoiros e Pontellas ao longo do río. Onde nós soio vemos unha pedra vella chea de silveiras e lixo, el como se da Pedra Rosetta se tratara arríncalle toda a súa historia que logo plasma nos libros que son xoias do rico patrimonio do Gafos. Din as linguas marmuradoras do río, co tal Calros ten trato cunha Meiga que habita no mais profundo das Brañas e cóntalle historias do río das súas xentes dos muiños lavadoiros e pontellas que nin os que bañámonos de cativos nel cos poderes que iso supón, nin os de Vaipolorío que a cotío o coidan o limpan e poñen en valor a súa riqueza patrimonial e danlle aloumiños, teñen tanto coñecemento do río como Calros. O da Meiga igual é unha lenda das moitas que rulan polo río pero algo de bruxería ten que haber, non é posibel tanto coñecemento do Gafos.
O noso muiño era o do Meco miña nai e as veciñas o coñecían por o de Isolina, iamos dende a Virxe do Camiño por un calexón que agora é a rúa Sarmiento de Ganboa no que viviron a familia Fortes, pasabamos a carón da cheminea da Curtidoira que era o Faro que nos guiaba ao muiño, iamos coas nosas nais a o lavadoiro de Ponte Boleira, no verán xogabamos e nos bañabamos no río e na invernia gareciamonos da choiva e friaxe na quentura do muiño que era como unha artesa de sabedoría popular agardando a que as nosas nai remataran de lavar e axudar a carrexar as pesadas tinas de cinza ca roupa, no verán era mais doado pois puñan as sabas a secar na herva das ribeiras logo de escurrilas arrecendían a xabrón Lagarto.
Grazas a Calros Solla e Vaipolorío por por en valor a riqueza e etnográfica e patrimonio do río dos Gafos facéndonos voltar ao tempo dos dourados días da infancia de cando navegar era facer un barquiño de papel, botalo nun relanzo do río e soñar que navegabamos nel na procura dun mundo millor. Non ai millor cousa para dar a benvida a outonia que sentarse a carón dunha lareira co disco de The River dos Creedence moi baisiño e lendo o libro de Calros Solla. Logo xa poden desfacer o Planeta se queren pero que non fagan moito ruído.