Cando eramos pequenos e non tan pequenos xogabamos a facer teatro. Xuntabámonos no faiado da miña casa en Santiago. Aquel que dirixía a escena para animarnos a meternos no papel dicía sempre con moita autoridade: ‘Non vos preocupedes, só tedes que seguir isto que vos digo: vos facede así coma quen…’. E convertidos en actores e actrices, simulabamos unha realidade que só existía na nosa creatividade e desatada imaxinación.
Preguntaranse a conto de que ven esta lembranza. Pois á sensación que compartín cuns amigos entrañables ao volver de comer no novo Rianxo, ao que vou coa lembranza doce de aquel vello no que se xuntaba xente de todo tipo: lembro a Manolo Cuña e Pepe Conde Corbal, tan admirados polos que éramos máis novos e que tampouco estabamos contentos coa realidade que vivía o país. Máis tarde, xa na democracia, seguiamos reuníndonos alí, era como un lugar de encontro e debate no que cabíamos todos, sen ollar á súa procedencia ou pensamento.
Pois ben, cruzamos a Praza da Ferrería, e encamiñámonos pola rúa Michelena. Eran as cinco da tarde máis ou menos, íamos tranquilos, creo que máis eles ca min, porque eu sempre estou co ollo atento, ollando de rebolo por si ven por detrás, silenciosamente, un coche dos que se dirixen a calquera lugar da cidade, cumprindo o que se le nun cartel: “Agás servizos”. Non só son coches, senón tamén motos, bicicletas ou calquera furgoneta de carga e descarga para os que non hai ningún horario limitado a tal efecto.
Miguel e Elena levaron un susto maiúsculo, eles non son de Pontevedra, pero sabían da sona da cidade, dentro e fóra do país, e por suposto da cantidade de premios, así como a consideración que a nosa querida Pontevedra ten acumulado polo estranxeiro, por ter eliminado a circulación dos coches no centro, inclusive sendo modelo para cidades diametralmente diferentes á nosa vila.
Os meus amigos pegaron un salto, e preguntáronme: ‘Pero esta rúa non é peonil?’. Lembrando esa nenez de actores e actrices, e coma que non quere a cousa, díxenlles: ‘Que va, non, é así coma quen’. Pensaron que estaba esaxerando e emprendemos un pequeno percorrido por zonas peonís, así coma quen, como Riestra, Oliva, Michelena, Gutierrez Mellado. Tamén fomos pola Avenida Raíña Vitoria, hoxe verdadeira zona peonil sen concesión algunha. Non daban creto, pois vían o centro supostamente peonalizado, de rúas estreitas, fronte a unha avenida, entrada ou saída da cidade, desde a bisbarra que forma a nosa Ría.
Expliqueilles tamén que eu non podía ser moi obxectiva, posto que vivía da outra banda do río Lérez, e que durante moitos anos era o meu camiño, sempre cargada de libros, exames e outros moitos bártulos, para acudir ao meu traballo no instituto, e que despois volvía, feita a compra, para a intendencia da casa familiar. Para que viran outras rúas non peonalizadas ao redor desa avenida, pasamos pola rúa Pastor Díaz e arredores do que foi o Goberno Militar. O seu estupor aínda foi maior.
Para chegar a casa collemos o coche que estaba aparcado nun estacionamento de pago e leveinos pola ruta que temos que facer os que aínda que non vivamos en Pontevedra realizamos as compras, os temas administrativos, o traballo… E quedaron atónitos: máis traxecto, máis consumo, maior espazo contaminado.
Faciliteilles o plano do Metrominuto Pontevedra e, ao miralo, preguntáronme se existe transporte interurbano para achegarse ás parroquias e á bisbarra. E volvín pensar na frase da miña infancia: ASÍ COMA QUEN, lamentando que non sexa Pontevedra esa cabeceira de comarca que sería tan positiva para a economía desta magnifica cidade. Quizais o actual grupo de goberno estea poñéndose as pilas. Ogallá!